Mediante a Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, do 29 de abril de 2019, prorrógase, ata o 31 de agosto de 2021, a autorización temporal do centro privado estranxeiro (CPREX) Trisquel Compostela International School, situado na Travesía de Cacheiras, nº 64, Teo, para impartir as ensinanzas de nivel Elementary (de 6 a 12 anos de idade) do sistema educativo dos Estados Unidos de América.
A titularidade do centro educativo solicita o cambio de domicilio por traslado de instalacións da Travesía de Cacheiras, 64, de Teo, a Silvouta, Roxos, s/n, Santa María de Villestro, Santiago de Compostela, e a modificación da autorización para impartir Pre-School Section (de 3 a 6 anos). Achega un certificado de confirmación da acreditación plena emitido pola New England Association of Schools & Colleges (NEASC) autorizando Pre-School Section (infantil) para un máximo de 30 estudantes de 3 a 6 anos e Elementary Section (primaria) para un máximo de 70 estudantes de 6 a 12 anos, do sistema educativo dos Estados Unidos de América.
Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da autorización
Modificar a autorización e autorizar o cambio de domicilio por traslado de instalacións e as ensinanzas de Pre-School Section (infantil) no centro privado estranxeiro, que queda coa seguinte configuración:
Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).
Denominación específica: Trisquel Compostela International School.
Código do centro: 15033058.
Domicilio: Silvouta, Roxos, s/n.
Localidade: Santa María de Villestro.
Código postal: 15896.
Concello: Santiago de Compostela.
Provincia: A Coruña.
Titular: Trisquel Compostela I.S., S.L.
Ensinanzas autorizadas, ata o 31 de agosto de 2021, do sistema educativo dos Estados Unidos de América, para alumnado español e estranxeiro:
– Pre-School Section (infantil) para un máximo de 30 estudantes.
– Elementary Section (primaria) para un máximo de 70 estudantes.
Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura
O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.
Artigo 3. Requisitos do profesorado
O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.
A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.
Artigo 4. Inscrición no rexistro
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 5. Obrigas do centro
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.
Disposición derradeira primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas , ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade