Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 5 de novembro de 2020 Páx. 44145

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2020 pola que se autoriza o Plan de xestión de pesca coa arte de bou de vara e a arte de rapeta ou bou de man.

Base legal.

Os artigos 109.1 e 113.1 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 31, do 15 de febreiro), establecen que tanto a utilización da arte de bou de vara como a arte de rapeta ou bou de man soamente poderán autorizarse a través do oportuno plan de xestión. As devanditas artes son de arrastre multiespecíficas, dirixidas a determinadas pesqueiras en función do momento do ano ou da zona de traballo onde se utilizan.

Segundo a descrición dada polo artigo 106 do citado Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, o bou de vara caracterízase porque a apertura da arte se mantén polo efecto dunha vara transversal e a acción de remolque exercida polo motor da embarcación.

Así mesmo, o artigo 110 establece que a rapeta ou bou de man é unha arte mixta de remolque e cerco, en que a acción de remolque se efectúa por medio de halador ou á man.

Por outra banda, cómpre subliñar que o bou de vara soamente poderá autorizarse no ámbito da ría de Arousa, tal como establece o número 2 do artigo 109 do devandito Decreto 15/2011. No entanto, o bou de man poderá autorizarse nas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo (artigo 113.2).

Polo exposto, esta consellería

RESOLVE:

Autorizar a citada pesqueira baixo os seguintes termos e condicións:

1. Participantes. Unicamente participarán no plan as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación autorizada a arte de bou de vara ou a de bou de man.

2. Período. O período autorizado será desde o 1 de novembro de 2020 ata o 31 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.

3. Horario. O emprego das artes de bou de vara e bou de man realizarase de luns a venres, entre as 8.00 e as 14.30 horas.

Non obstante, o uso desta arte para a captura da nécora francesa ou conguito (Liocarcinus corrugatus) terá horario nocturno, desde o ocaso ata o orto, e deberase rexistrar a actividade expresamente para este recurso.

Os horarios diúrno e nocturno serán excluíntes entre si.

4. Arte. As artes que se van usar serán:

a) O bou de vara, segundo as seguintes características técnicas:

1º. Lonxitude do calón: 6 metros como máximo.

2º. Lonxitude do cope: 6 metros como máximo.

3º. Lonxitude de vara: 6 metros como máximo.

4º. Chumbada: 10 kg como máximo.

5º. Altura: 3,5 metros como máximo.

6º. Dimensión de malla mínima: calón, 60 milímetros; cope, 50 milímetros.

b) O bou de man, segundo as seguintes características técnicas:

1º. Lonxitudes das ás: 30 metros como máximo.

2º. Lonxitude do cope: 6 metros como máximo.

3º. Chumbada: chumbos de 1 kg como máximo cada 4 metros.

4º. Dimensión de malla mínima: calón de 80 milímetros; cope de 50 milímetros.

5. Limitacións de uso (para ambas as dúas artes). Cando se empreguen as citadas artes de bou de vara e bou de man en polígonos de cultivos mariños, terá que manterse a distancia suficiente para evitar afectar as cordas das bateas.

Nas canles de navegación só se permitirá pescar nas súas beiras, considerando a posición onde está a arte correspondente e non onde está a embarcación.

Nas zonas de libre marisqueo soamente poderán utilizarse en profundidades superiores a 10 metros. Esta profundidade corresponderá á posición onde traballa a arte correspondente e non onde está a embarcación.

A potencia máxima das embarcacións que faenen con estas artes será de 50 CV.

6. Zonas de pesca. As zonas autorizadas de traballo, segundo a arte que se vai utilizar, son:

– Para a arte de bou de vara:

Ría de Arousa.

– Para a arte de bou de man:

1. Ría de Arousa.

2. Ría de Pontevedra.

3. Ría de Vigo.

As embarcacións que faenen nas devanditas zonas de traballo deberán adecuarse ao establecido no punto 5 desta resolución.

7. Especies. O obxecto da captura serán a voandeira e zamburiña, así como outras especies demersais.

Todas as especies deberán cumprir cos tamaños mínimos exixidos segundo o disposto na Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na Comunidade Autónoma de Galicia, non estar en veda e cumprir coas disposicións legais que lle sexan de aplicación. Os individuos que non acaden o tamaño legal deberán ser devoltos ao mar inmediatamente.

8. Punto de control e venda. Zonas de pesca, lonxas e puntos de venda autorizados.

9. Control e seguimento da actividade pesqueira.

a) Despachos telemáticos. Deberán despachar as embarcacións na epígrafe de adhesión a plan de explotación: [«BOU DE VARA (RÍA DE AROUSA) (19A); BOU DE MAN (RÍA DE AROUSA) (20A); BOU DE MAN (RÍA DE PONTEVEDRA) (20B); BOU DE MAN (RÍA DE VIGO) (20C) // PLAN BOU DE VARA + BOU DE MAN 2020-2021 (RÍAS DE AROUSA, PONTEVEDRA E VIGO)»]. Polo tanto, as embarcacións que despachen a un plan de explotación só poderán faenar no mesmo día no ámbito do correspondente plan, e non poderán usar ningunha outra arte que teñan no seu permiso de explotación.

Por outra banda, advírtese que, ao rematar a vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira a embarcación pasaría á situación de «pendente rexistro actividade».

b) Remisión de datos de capturas. Con periodicidade mensual a confraría deberá remitir datos de extracción por especie, utilizando como modelo o que como anexo se xunta, ao Servizo de Pesca da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, por correo electrónico ao enderezo serviciopesca@xunta.gal. A non inclusión de datos dalgunha das embarcacións no período estipulado terá como consecuencia a súa baixa definitiva do plan.

c) Mostraxes. Durante o período de vixencia do plan, técnicos da Consellería poderán realizar, en calquera das embarcacións autorizadas mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

10. Extracción e comercialización. A presente resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

11. Infraccións e sancións. O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file