Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Martes, 3 de novembro de 2020 Páx. 43743

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2020, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ortigueira (expediente-e IN407A 2020/99-1).

Expediente-e: IN407A 2020/99-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Instalación: substitución CTC Couce das Taugas (15CV23) por CTI.

Concello: Ortigueira.

Feitos:

1. O 28.5.2020 a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Acordo de información pública: 29 de xuño de 2020.

– DOG: 13 de xullo de 2020.

– BOP: 3 de xullo de 2020.

– Xornal La Voz de Galicia: 8 de xullo de 2020.

– Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 21 de xullo de 2020.

3. Durante o período no que se someteu o proxecto ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación ou suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.

4. De acordo ao establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, dunha separata do proxecto na parte que a instalación puidese afectar bens e dereitos ao seu cargo, contendo as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente.

UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou separatas para os seguintes organismos: Concello de Ortigueira.

Non consta no expediente contestación do organismo á solicitude de condicionado nin á reiteración.

5. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente de acordo co establecido no artigo 66.a) do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, conforme a disposición transitoria terceira do Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

2. Lexislación de aplicación:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

• Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 181, do 7 de setembro).

• Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 190, do 18 de setembro).

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

– Tramo liña eléctrica de media tensión aérea, a 20 kV (actuación nº 1), cunha lonxitude de 49 m, coa orixe no apoio 45-34 existente da LMT MEA808, condutor tipo LA-56 mm2 Al, e final no apoio 45-36 existente da LMT MEA808.

– Tramo liña eléctrica de media tensión aérea, a 20 kV (actuación nº 2), cunha lonxitude de 23 m, coa orixe no apoio 45-35 proxectado da LMT MEA808, condutor tipo LA-56 mm2 Al, e final no centro de transformación intemperie proxectado.

– Novo centro de transformación intemperie Couce das Taugas, cunha potencia de 50 kVA, e unha relación de transformación de 20.000/400 V.

– Desmantelamento do centro de transformación en caseta existente.

4. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume sinaladas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 8 de outubro de 2020

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña

Disposición transitoria terceira Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.