Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 29 de outubro de 2020 Páx. 42970

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 14 de outubro de 2020 pola que se clasifica de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde, con domicilio na avenida de García Barbón, número 36, en Vigo (Pontevedra),

Feitos:

1. O 21 de xullo de 2020 Enrique Mandado Pérez, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 10 de marzo de 2020, ante o notario Miguel Lucas Sánchez, co número de protocolo 793, por Enrique Mandado Pérez, Enrique Soto Campos, Manuel Doiro Sancho e Francisco Javier Fernández López, actuando no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:«difundir e promover as actividades de desenvolvemento tecnolóxico que leven á xeración de novos produtos e a mellora dos produtos existentes co obxectivo de crear tecido industrial e contribuír a que os técnicos galegos poidan desenvolver a súa profesión en Galicia en lugar de ter que emigrar».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Enrique Mandado Pérez como presidente, Enrique Soto Campos como vicepresidente, Francisco Javier Fernández López como secretario e Manuel Doiro Sancho como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico da Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e a súa adscrición á Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Emprego e Innovación.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 5 de outubro de 2020,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico a Fundación Aprotega, Rodolfo Pérez Alcalde, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Emprego e Innovación.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo