Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 29 de outubro de 2020 Páx. 43042

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 19 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e as adiccións, orientados a minimizar o impacto que a pandemia pola COVID-19 ten na saúde mental da poboación galega (código de procedemento SA463I).

BDNS (Identif.): 529324.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar esta subvención as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e outras organizacións, sempre que cumpran os seguintes requisitos sinalados no punto 1 artigo 4 da orde.

Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos termos sinalados no punto 2 do artigo 4.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e as adiccións, orientados a minimizar o impacto que a pandemia pola COVID-19 ten na saúde mental da poboación galega (código de procedemento SA463I).

O contido dos programas, que se desenvolverán durante o ano 2020 e 2021, deberán axustarse ás liñas de actuación indicadas no artigo 3 de esta orde, de conformidade coa tipoloxía de cada programa recollido no anexo I.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 19 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e as adiccións, orientados a minimizar o impacto que a pandemia pola COVID-19 ten na saúde mental da poboación galega (código de procedemento SA463I).

Cuarto. Contía

A contía total das subvencións que se van a conceder é de 421.746,20 €, procedentes do tramo autonómico da asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario, con cargo ao código de proxecto 201800005 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020. As aplicacións orzamentarias e os créditos de cada liña quedarán desagregadas do seguinte xeito:

– Liña I. Proxectos de investimento en melloras nos centros cuxa actividade principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais, psicosociais ou preventivos en materia de trastornos adictivos e trastornos mentais.

Importe: 155.940,66 €.

Aplicación orzamentaria: 50.01.413A.781.30.

– Liña II. Programas sociosanitarios de detección e intervención comunitaria de persoas en risco de presentar un trastorno mental, incluídos os trastornos adictivos.

Importe: 165.805,54 €.

Aplicación orzamentaria : 50.01.413A.481.30.

– Liña III. Programas para favorecer a empregabilidade e a incorporación sociolaboral de persoas con trastorno mental severo e adiccións.

Importe: 100.000,00 €.

Aplicación orzamentaria: 50.01.413A.481.30.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Para poder ser beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo da orde e que estará dispoñible tanto na guía de procedementos (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos) como na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código SA463I.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade