Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 28 de outubro de 2020 Páx. 42779

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 19 de outubro de 2020 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Mediante a Orde do 30 de xaneiro de 2017 (DOG do 8 de febreiro), fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o Consello Social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77 da citada Lei 6/2013 establece que son membros natos do Consello Social o/a reitor/a da universidade, o/a secretario/a xeral e o/a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal da administración de servizos, elixidos/as polo Consello de Goberno das universidades. A duración do mandato dos membros do Consello Social sinalados neste punto será establecida polos estatutos da universidade.

O Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro (DOG do 12 de febreiro), polo que se aproban os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, regula no seu artigo 71.3 que «O mandato dos órganos unipersoais electivos será de catro anos e non se poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos» e o artigo 74.3 recolle que «Os membros do Consello Social elixidos polo Consello de Goberno deberán reunir os requisitos exixidos no artigo 71 para seren titulares de órganos unipersoais».

A condición de persoa membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Con data do 8 de outubro de 2020, o Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela comunica á Consellería de Cultura, Educación e Universidade a designación polo Consello de Goberno da universidade, como membro no Consello Social, de Fernando Sedano Arnáez, en representación do persoal de administración e servizos (PAS) e en substitución de Esther Hervés Sayar. Xúntase declaración de non estar incurso nas incompatibilidades sinaladas no artigo 78 da mencionada Lei 6/2013.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do Consello Social lle serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear a Fernando Sedano Arnáez, en representación do persoal de administración e servizos no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución de Esther Hervés Sayar.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade