Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 26 de outubro de 2020 Páx. 42512

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de outubro de 2020 pola que se determinan os servizos mínimos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para a folga convocada pola organización sindical Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM), que terá lugar con carácter indefinido o último martes de cada mes a partir do 27 de outubro de 2020.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) convocou unha folga cuxo ámbito subxectivo, no seu teor literal, se estende a todo o persoal sanitario do grupo A1 do Sistema nacional de saúde, calquera que sexa a súa modalidade de contratación, estatutaria, funcionarial ou laboral (incluído o persoal de formación sanitaria especializada); e calquera que sexa a modalidade de xestión, o que inclúe centros propios, concertados, consorcios, empresas públicas ou entidades instrumentais de análoga ou similar natureza. O ámbito territorial da folga abrangue todo o Estado Español e, polo que atinxe ao seu ámbito temporal, a folga comezará o martes 27 de outubro de 2020 e consistirá nun paro diario ao mes, en concreto o último martes de cada mes que non sexa festivo, comezando ás 0.00 horas e rematando ás 24.00 horas de cada martes. Con todo, e polo que concirne ás institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e ás entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade con réxime de traballo por quendas, os termos da convocatoria implican que as xornadas de folga se iniciarán ás 8.00 horas do correspondente martes e rematarán ás 8.00 horas do mércores seguinte.

Por outra banda, cómpre subliñar o contexto en que se vai desenvolver a presente folga, nun escenario de crise sanitaria internacional que motivou, como é público e notorio, a progresiva adopción, evolución e adaptación de medidas preventivas, de contención, seguimento e de actuación en materia de saúde pública e asistencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia do coronavirus COVID-19.

A aparición do novo coronavirus que causou a síndrome respiratoria aguda grave (SARS-CoV-2), xurdido no mes de decembro de 2019, creou un escenario mundial que está a requirir a adopción de medidas e accións que permitan facer un seguimento da situación do avance dos casos, o que implica para as autoridades a previsión de escenarios e o deseño de protocolos para afrontar as múltiples situacións que se están a dar, coa maior eficacia posible.

Neste sentido, o abrocho do coronavirus denominado COVID-19 motivou que o día 30 de xaneiro de 2020 a Organización Mundial da Saúde (OMS) o declarase como emerxencia de saúde pública de importancia internacional, o que deu inicio a unha serie de actividades que se puxeron en marcha en todo o Estado e nas comunidades autónomas en canto axentes integrantes do Sistema nacional de saúde.

En concreto, e entre outros aspectos, na Comunidade Autónoma de Galicia constituíronse diversos comités e órganos de avaliación e actuación ante a crise sanitaria, nomeadamente unha comisión interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19, con funcións de coordinación, seguimento e avaliación das actuacións adoptadas, tanto preventivas como paliativas, en función da evolución da situación epidemiolóxica concreta en Galicia e no Estado; con proposta de sistemas de vixilancia, aprobación dos niveis de decisión e de responsabilidade das actuacións para preparar a resposta e de coordinación coa Administración xeral do Estado, así como a aprobación dos plans e protocolos de actuación e a coordinación da información.

No plano normativo, a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, establece no seu artigo 1 que, co obxecto de protexer a saúde pública e previr a súa perda ou deterioración, as autoridades sanitarias das distintas administracións públicas poderán, dentro do ámbito das súas competencias, adoptar as medidas previstas na mesma lei cando así o exixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

As ditas medidas inclúen o recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da poboación por mor da situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas, ou polas condicións sanitarias en que se desenvolva unha actividade.

E a mesma lei orgánica prevé tamén que, co fin de controlar as enfermidades transmisibles, a autoridade sanitaria, ademais de realizar as accións preventivas xerais, poderá adoptar as actuacións oportunas para o control das persoas enfermas, das que estean ou estivesen en contacto con elas e do ambiente inmediato, así como as que se consideren necesarias en caso de risco de carácter transmisible.

Por outra banda, a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, faculta as autoridades sanitarias para adoptaren as medidas preventivas pertinentes cando existan riscos inminentes e extraordinarios para a saúde.

E a Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, prevé, así mesmo, a adopción de diversas medidas por parte das autoridades sanitarias perante as situacións de risco para a saúde das persoas.

Na mesma liña, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, inclúe entre as intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes a de adoptar as medidas preventivas que se consideren pertinentes en caso de que exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e extraordinario para a saúde. E a mesma lei establece, asemade, que as autoridades sanitarias poidan levar a cabo intervencións públicas nos supostos de riscos para a saúde das persoas, nos mesmos termos previstos na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril.

O artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, atribúe a condición de autoridade sanitaria ao Consello da Xunta de Galicia e á persoa titular da Consellería de Sanidade, entre outras.

Pola súa vez, a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que, cando a situación de perigo ou os danos ocorridos sexan, pola súa especial extensión ou intensidade, particularmente graves, o Consello da Xunta poderá acordar a declaración de emerxencia de interese galego. O que aconteceu neste caso.

En definitiva, desde que a Organización Mundial da Saúde declarou que a situación en relación co novo coronavirus SARS-CoV-2 supuña unha emerxencia de saúde pública de impacto internacional, a Comunidade Autónoma de Galicia, xunto ao Ministerio de Sanidade e o resto de comunidades autónomas, vén realizando a través do Consello da Xunta e a Consellería de Sanidade un seguimento constante da situación co fin de adoptar as medidas de prevención, contención e asistencia necesarias no marco do ordenamento xurídico que vén de resumirse.

De acordo con isto e polo que atinxe nomeadamente ao eido das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e as entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, a través de sucesivas ordes, instrucións e outros instrumentos xurídicos estase a adoptar un conxunto de medidas de ordenación do seu persoal (en materia de xornada, horarios, mobilidade, reforzos de determinados servizos e unidades, etcétera), dirixidas a garantir en todo momento a dispoñibilidade de profesionais nos centros sanitarios, esencial para atender a carga asistencial, tanto a través de actuacións de protección daqueles como para tratar de flexibilizar e axilizar os procedementos previstos para atender as necesidades de persoal derivadas da actual situación de crise sanitaria. Todo iso na procura, en último termo, da garantía do dereito á vida e á protección da saúde da cidadanía.

De tal sorte que os criterios reitores e os servizos mínimos establecidos na presente folga pretenden conciliarse coa salvagarda das medidas de ordenación e reforzo de persoal emprendidas nas distintas institucións sanitarias, con carácter extraordinario e transitorio, ante unha situación de indispoñibilidade de recursos humanos por mor da crise sanitaria. Trátase de conciliar, en suma, o lexítimo exercicio do dereito de folga co elenco de actuacións que, en materia de persoal, se teñen adoptado (e continúan a implantarse) co fin de dispoñer dos recursos humanos necesarios para facer fronte ao incremento da carga asistencial motivada pola evolución actual da pandemia.

Polo que a determinación dos servizos esenciais contidos nesta orde se realiza atendendo ás devanditas circunstancias.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1.

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen na presente orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía e, ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado e particularmente no actual contexto de emerxencia sanitaria.

De acordo co anterior, deben fixarse os servizos mínimos necesarios para garantir a atención aos/ás usuarios/as que non se pode aprazar sen consecuencias negativas para a saúde. E con esa finalidade establécense os seguintes criterios reitores para o mantemento dos servizos esenciais nos centros de traballo e nas institucións sanitarias afectadas pola folga:

I. O persoal mínimo necesario para a cobertura do 100 % da atención urxente e permanente e as emerxencias do 061.

O servizo que presta a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ten como misión atender calquera demanda que sexa percibida pola poboación como de resolución urxente. Para a consecución do seu fin, a central de coordinación funciona basicamente con dous chanzos básicos de atención ás demandas de atención sanitaria: o do persoal operador e o chanzo sanitario. Neste último é onde se toman as decisións que implican a resolución dos casos que se expoñen, ben mediante a mobilización dos recursos de atención e transporte ben mediante o consello sanitario.

Nesta segunda fase, na central de coordinación traballa un conxunto de profesionais sanitarios constituído por persoal médico coordinador, ademais de enfermaría. Dependendo da natureza do feito que se expón, a súa gravidade e urxencia, cada chamada é resolta por persoal dun ou outro perfil.

O traballo do persoal sanitario, médico neste caso, consiste fundamentalmente en realizar un interrogatorio sanitario dirixido a precisar a información inicial e unha toma de decisións posterior para resolver os problemas detectados. Este é un labor de conxunto que se realiza dimensionando os efectivos de xeito adaptado aos ciclos de demanda horarios. A falla dalgún dos axentes implica unha mingua na capacidade da Sala de Coordinación para resolver a demanda entrante. Cómpre valorar que, nunha actividade desta natureza, a demora en atender un servizo repercute en toda a demanda, tanto na que entra nese momento como posteriormente: non realizar a tempo a clasificación dun proceso menos grave –porque a capacidade de atención estea saturada– pode deixar sen atender os intentos de chamadas por procesos moi graves que inmediatamente entran a seguir.

En resumo, a dimensión da Sala de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 está estipulada en función do número de chamadas histórico do servizo, por días e tramos horarios, garantindo a atención do 100 % das chamadas. O índice de chamadas perdidas non supera o 2 % e procédese por protocolo a chamar a todos aqueles números que non conseguiron contactar, dado o carácter de urxencia do servizo prestado.

Unha minoración do persoal médico implica desatender parte das urxencias vitais en materia de saúde que acontecen no territorio galego, coas consecuencias directas sobre a mortalidade e a supervivencia na poboación.

Polas características do servizo dispensado, a poboación non pode quedar desasistida en circunstancias de urxencia e emerxencia. Ademais, son tarefas específicas que non poden ser suplidas por persoal non sanitario e cómpre ter en conta que a carga de traballo, ao longo do día, depende dun número de chamadas que non son programables, senón que se dimensionan de maneira periódica para dar cobertura ás necesidades estimadas dentro dun rango.

II. No ámbito da transfusión de sangue, os servizos necesarios para o mantemento do abastecemento sanguíneo en toda a comunidade autónoma.

Na Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura da subministración de sangue e hemoderivados a todos os centros sanitarios, tanto públicos como privados, do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como para evitar que se produzan prexuízos aos doadores e, consecuentemente, aos posibles receptores. Na mesma medida debe garantirse a coordinación das doazóns, os transplantes de órganos e os implantes de células e tecidos, velando polo cumprimento dos estándares de calidade vixentes e na lexislación de aplicación.

III. Nos centros e institucións sanitarias:

a) Persoal licenciado sanitario do ámbito da atención hospitalaria:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención dos/das usuarios/as que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

Nas áreas sinaladas é imprescindible a cobertura do 100 % da actividade urxente, dado que non é posible prever as necesidades, por non ser unha actividade programable e, posto que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, de ser o caso.

– Áreas de diálise.

– Áreas de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).

As unidades de reanimación de coidados intensivos precisan manter a súa cobertura habitual, pois teñen que dar resposta aos quirófanos e ás posibles urxencias que, pola súa gravidade e ante unha posible falta axeitada de resposta, porían en perigo a vida dos/das pacientes.

3. Cobertura do 100 % da actividade inaprazable nas áreas de medicina preventiva, de saúde laboral e de microbioloxía.

Por mor da pandemia téñense reforzado, precisamente, as unidades e servizos máis directamente relacionados coa prevención, detección, manexo e tratamento tanto de pacientes como de profesionais con patoloxía suxestiva ou confirmada de infección polo SARS-CoV-2, unidades cuxa plena operatividade resulta arestora imprescindible ante o avance da pandemia.

4. Cobertura da actividade cirúrxica dos/das pacientes, tanto hospitalizados/as como ambulatorios/as, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásicos.

Nestes casos, a morbilidade e o prognóstico dos/das pacientes poderían agravarse de forma significativa se se modificase a planificación realizada. A historia natural de moitas enfermidades graves e oncolóxicas pode evitarse dando a resposta más áxil posible.

5. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir a atención urxente dos/das doentes hospitalizados/as e as altas clínicas.

Os/as pacientes ingresados/as precisan do control axeitado que permita asegurar o seguimento da súa evolución e a supervisión do tratamento, evitando estadías innecesarias que poidan modificar ou complicar a dita evolución. A hospitalización é necesaria nos casos en que a situación clínica do/a paciente o determina, e a súa prolongación innecesaria pode ter implicacións clínicas prexudiciais.

6. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos/das pacientes hospitalizados/as que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes no criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos/das doentes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático incluíndo os/as doentes desprazados/as.

Dada a grande variedade das doenzas que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia do/da enfermo/a. Con isto garántese a necesaria asistencia sanitaria que debe prestarse aos/ás doentes para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías.

7. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes e as que se refiren aos/ás pacientes hospitalizados que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables.

Igual que no caso anterior, á vista da grande variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios, establécese como criterio de urxencia ou de dispensación ineludible o do persoal facultativo responsable da asistencia do/da enfermo/a. Os atrasos na realización destas probas poden comprometer a situación clínica do/da doente.

8. Garantirase a prescrición de sangue, medicamentos e produtos sanitarios.

Dada a variedade das patoloxías que se atenden nos centros sanitarios establécese como criterio de urxencia ou de dispensación ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia da persoa enferma. As demoras na subministración dos hemoderivados e os medicamentos poden comprometer a situación clínica do/da paciente.

9. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios/as de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

No caso da hospitalización a domicilio requírese garantir a prestación asistencial, igual que na hospitalización convencional. No que atinxe aos coidados paliativos, dado o limitado prognóstico vital e a complexidade da situación clínica dos/das pacientes, tense que garantir o nivel de coidados necesario.

b) Persoal licenciado sanitario do ámbito da atención primaria:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos puntos de atención continuada.

É imprescindible a cobertura do 100 % da actividade urxente, tendo en conta que non cabe prever as necesidades por non tratarse dunha actividade programable e que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, polo que ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. Os servizos mínimos que se fixan no tramo ordinario de atención prestarán a asistencia urxente ou inaprazable desa unidade, calquera que sexa a modalidade da prestación.

A prestación sanitaria urxente no horario ordinario é desenvolvida polos profesionais dos servizos de atención primaria, polo que cómpre definir uns mínimos para garantir a asistencia urxente e o seguimento e tratamento dos procesos inaprazables, garantindo a seguinte dotación mínima:

– En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

– En centros con cinco a oito profesionais: 2 efectivos.

– En centros con nove a doce profesionais: 3 efectivos.

– En centros con trece ou máis profesionais: 4 efectivos.

Artigo 2.

As empresas privadas que teñan concertada a prestación pública sanitaria co Servizo Galego de Saúde deberán fixar o persoal necesario para garantir a prestación de recoñecida e inaprazable necesidade, de acordo cos criterios determinados nesta orde.

Artigo 3.

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a dirección da correspondente institución e a súa fixación debe estar adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola dirección respectiva e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado para a cobertura dos servizos mínimos que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia.

Artigo 4.

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 5.

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 6.

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base, asemade, nas normas vixentes.

Disposición adicional

Os criterios reitores e os servizos esenciais fixados nesta orde estenderán os seus efectos en canto se manteñan as circunstancias actuais, sen prexuízo da súa eventual e ulterior adaptación, de ser o caso a través de novas ordes da Consellería de Sanidade, en función da evolución da actual e excepcional situación de crise sanitaria.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Área sanitaria da Coruña e Cee

a) Servizos sanitarios de atención hospitalaria:

– Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

13

7

6

Área Cirúrxica

54

35

35

Área Clínica/Hospitalización

44

20

20

Servizos Centrais

36

10

10

– Hospital Virxe da Xunqueira-Cee.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

3

3

2

Área Cirúrxica

8

5

5

Área Clínica/Hospitalización

5

3

2

Servizos Centrais

2

1

1

b) Servizos sanitarios de atención primaria:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal médico de familia

98

54

18

Pediatras

28

9

-

Área sanitaria de Ferrol

a) Servizos sanitarios de atención hospitalaria:

– Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Novoa Santos.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

7

6

4

Área Cirúrxica

20

12

12

Área Clínica/Hospitalización

26

10

10

Servizos Centrais

19

8

8

b) Servizos sanitarios de atención primaria:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal médico de familia

38

10

-

Persoal médico PAC

-

12

11

Pediatras

13

5

-

Odontólogos/as

1

-

-

Persoal farmacéutico

1

-

-

Área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza

a) Servizos sanitarios de atención hospitalaria:

– Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

12

12

7

Área Cirúrxica

15

7

7

Área Clínica/Hospitalización

113

49

49

Servizos Centrais

43

15

12

– Hospital da Barbanza.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

5

5

3

Área Cirúrxica

7

7

7

Área Clínica/Hospitalización

3

3

2

Servizos Centrais

5

3

2

b) Servizos sanitarios de atención primaria:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal médico de familia, pediatra, odontólogo

135

46

23

Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos

a) Servizos sanitarios de atención hospitalaria:

– Complexo Hospitalario Lucus Augusti.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

11

12

8

Área Cirúrxica

31

17

17

Área Clínica/Hospitalización

41

12

12

Servizos Centrais

40

11

9

– Hospital Comarcal de Monforte.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

4

3

3

Área Cirúrxica

9

9

9

Área Clínica/Hospitalización

5

4

4

Servizos Centrais

8

5

5

– Hospital da Mariña.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

4

3

2

Área Cirúrxica

12

11

11

Área Clínica/Hospitalización

6

3

3

Servizos Centrais

9

2

2

b) Servizos sanitarios de atención primaria:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal médico, pediatra, odontólogo

119

39

26

Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

a) Servizos sanitarios de atención hospitalaria:

– Complexo Hospitalario de Ourense.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

8

7

5

Área Cirúrxica

32

9+8

9+8

Área Clínica/Hospitalización

61

17+3

13+3

Servizos Centrais

71

9+3

6+4

Inclúense como sumandos gardas de presenza física e localizadas

– Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

3

2

2

Área Cirúrxica

3

2

2

Área Clínica/Hospitalización

11

6

6

Servizos Centrais

7

3

3

– Hospital de Verín.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

3

3

3

Área Cirúrxica

4

4

4

Área Clínica/Hospitalización

7

1

1

Servizos Centrais

3

-

-

b) Servizos sanitarios de atención primaria:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal médico de familia

120

39

24

Pediatras

16

3

-

Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés

a) Servizos sanitarios de atención hospitalaria:

– Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

9

9

6

Área Cirúrxica

56

19

18

Área Clínica/Hospitalización

49

13

12

Servizos Centrais

32

8

4

– Hospital do Salnés.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

5

5

3

Área Cirúrxica

12

4

4

Área Clínica/Hospitalización

7

3

2

Servizos Centrais

5

2

2

b) Servizos sanitarios de atención primaria:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal médico de familia

60

24

12

Pediatra

19

4

-

Área sanitaria de Vigo

a) Servizos sanitarios de atención hospitalaria:

– Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Áreas de actividade

Urxencias

14

14

9

Área Cirúrxica

66

34

34

Área Clínica/Hospitalización

67

27

23

Servizos Centrais

41

13

11

b) Servizos sanitarios de atención primaria:

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal médico/a de familia

82

41

-

Pediatra

36

16

-

Farmacéutico/a

2

-

-

Médico/a de familia PAC

-

19

19

Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

Localidade

Área de actividade

Categoría

Mañá

Tarde

Noite

Ourense

Medicina nuclear

Facultativo/a

1

-

-

Santiago

Ciclotrón

Facultativo/a

1

-

-

UTPR

Facultativo/a

1

-

-

Vigo

Diagnóstico por imaxe.- Resonancias móbiles

Facultativo/a

1

1

-

Medicina nuclear-PET

Facultativo/a

1

2

1(1)

Oncoloxía radioterápica

Facultativo/a

3

2

-

Radiofísica

Facultativo/a

3

1

-

(1) Localizado.

Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo:

Hematólogo/a

2

-

-

Médico/a Hemodoazón

7

12

-

Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061

Servizos mínimos

Persoal facultativo:

Mañá

(8 a 15 h)

Tarde

(15 a 22 h)

Noite

(0 a 8 h)

(22 a 0 h)

Médico/a coordinador/a

6+1(1)

6+1(1)

3

Médico/a asistencial base ambulancia

12

12

12

Médico/a asistencial base helicóptero

2 (2)

2 (2)

-

(1) Aos seis profesionais na quenda da mañá hai que sumarlles un en horario de 10.00 a 16.00 horas. Aos seis profesionais na quenda da tarde hai que sumarlles un en horario de 16.00 a 23.00 horas.

(2) Están operativos de orto a ocaso.

Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal facultativo

1

-

-