Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 23 de outubro de 2020 Páx. 42309

III. Outras disposicións

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2020 pola que se aproba o procedemento de autorización temporal de uso de posto de atracada, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, outorgada para barcos con base no porto (código de procedemento IF501A).

Antecedentes

De acordo cos artigos 148.1.6 e 149.1.20 da Constitución española, o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 27.9 que corresponde á Comunidade Autónoma galega, dentro do seu ámbito territorial, a competencia exclusiva en materia de portos non cualificados de interese xeral polo Estado, portos de refuxio e portos deportivos, ao mesmo tempo que no seu artigo 28.6 lle atribúe á propia Comunidade Autónoma a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que esta estableza, en canto aos portos pesqueiros.

Consonte estas previsións constitucionais e estatutarias, o Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo, e o Decreto do Consello da Xunta de Galicia 167/1982, do 1 de decembro, tramitaron a transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do marco de competencias do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo, das funcións e servizos relativos a todos os portos e instalacións portuarias, suxeitos ou non a réxime de concesión, non cualificados de interese xeral polo Estado no Real decreto 989/1982, do 14 de maio, e aos de refuxio e deportivos existentes no seu ámbito territorial.

O 14 de xuño de 2018 entrou en vigor a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (DOG do 14.12.2017), que derroga a Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

Por outra banda, a prestación dos servizos nos portos, relativos á ocupación do dominio público portuario e ás súas infraestruturas, rexerase polo Regulamento de servizo e policía e pola Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa complementaria, supletoria e de desenvolvemento en materia tributaria, servizos entre os cales se encontran as ocupacións do dominio público, fornecementos e uso de infraestruturas de atracada.

Con base na normativa de aplicación, Portos de Galicia xestiona diversa tipoloxía de portos e instalacións náuticas, tanto na modalidade de construción e explotación por parte dunha entidade concesionaria, en que a propia entidade é quen de autorizar as atracadas baixo as condicións do título concesional, como as construídas e xestionadas directamente por Portos de Galicia.

Nesta segunda modalidade, Portos de Galicia resolve as autorizacións das prazas de amarre. Existen dúas tipoloxías de xestión:

– Instalacións menores, normalmente infraestruturas de atracada que dispoñen de prazas para embarcación de pequena eslora, de ata un máximo de 8 metros, que son xestionadas integramente por Portos de Galicia, nas cales unicamente se presta o servizo de amarre.

– Instalacións de maior envergadura, que reúnen as características de portos deportivos, en que existe diversa tipoloxía de prazas de amarre, nas cales Portos de Galicia presta o servizo de amarre e outorga as autorizacións temporais, pero delega a prestacións doutros servizos a través dun terceiro, usualmente mediante unha concesión administrativa de explotación. Pola prestación de servizos, a entidade prestadora está habilitada para o cobramento dunha cota de mantemento.

A Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, conta dentro do título IV, que regula os portos deportivos e as zonas portuarias de uso náutico deportivo, co capítulo IV, onde se establece o réxime aplicable ás autorizacións temporais de uso de postos de atracada outorgados por Portos de Galicia, e que é de aplicación ás tipoloxías indicadas sempre que o outorgamento da praza de amarre a realice directamente Portos de Galicia. Pola súa vez, o Decreto 130/2013, do 1 de agosto, que regula a explotación dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu capítulo IV, tamén desenvolve este tipo de autorización, e está en vigor naquilo que non se opoña á Lei 6/2017 de portos de Galicia.

Polo exposto, este procedemento será de aplicación a todas a autorización temporais de usos de postos de atracada existentes en portos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia e outorgadas por Portos de Galicia, tanto en instalacións menores como en portos deportivos. A relación de instalacións manterase actualizada na web de Portos de Galicia.

O Goberno da Xunta de Galicia ten dentro dos seus eixes de actuación impulsar a modernización e a innovación tecnolóxica co obxecto de potenciar a mellora da calidade do servizo ofrecido á cidadanía, convertendo a Xunta de Galicia nun modelo de referencia para o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia en todos os seus ámbitos.

Pola súa banda, o artigo 6 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG nº 17, do 27 de xaneiro), estableceu que as disposicións de carácter xeral que regulen procedementos por instancia de parte, as bases reguladoras e as convocatorias de subvencións, así como o establecemento de servizos aos cidadáns e aos empregados públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e demais entidades integrantes do sector público autonómico, deberán contar cun informe tecnolóxico e funcional favorable emitido conxuntamente polos órganos con competencias horizontais en materia de Administración electrónica e simplificación de procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen o escenario normativo base para a consolidación da Administración dixital nas administracións públicas, e polo tanto tamén na Administración xeral e sector público autonómico de Galicia.

Por todo iso, de cara á simplificación de documentos e trámites, redución de cargas administrativas aos particulares, facilidade de acceso á información e á realización de trámites administrativos, de acordo con todo o indicado e en virtude das atribucións conferidas no artigo 12.j) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o procedemento de autorización temporal de uso de postos de atracada, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, outorgada por Portos de Galicia para barcos con base no porto.

O procedemento de solicitude e autorización regúlase segundo as cláusulas incorporadas a esta resolución.

Segundo. Mediante a presente resolución, e en aplicación do disposto no Decreto 130/2013, as listas de espera que puidesen existir con anterioridade á entrada en vigor deste decreto quedarán sen efectos, e deberán os interesados presentar nova solicitude segundo o disposto neste procedemento. Non obstante, ábrese un prazo preferente de trinta (30) días naturais, previos á apertura do prazo para os solicitantes en xeral, para realizar una nova solicitude e obter un posto preferente, sempre e cando a solicitude estea formalizada para a mesma embarcación que figura na citada lista de espera.

Aquelas solicitudes presentadas con anterioridade á convocatoria do presente procedemento pendentes de adxudicación en portos sen lista de espera serán resoltas sen necesidade de que o solicitante teña que presentar unha nova solicitude.

Terceiro. Abrir o prazo de presentación de solicitudes a partir do día seguinte á publicación no DOG da presente resolución. Os primeiros trinta (30) días naturais destinaranse á presentación de solicitudes por parte daqueles solicitantes que estivesen rexistrados nalgunha lista de espera e a partir do trixésimo primeiro día natural, para os interesados en xeral.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Non obstante, os interesados poderán interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao desta publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Mediante este documento notifícase esta resolución segundo o exixido no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Claúsulas que regulan o procedemento:

Primeira. Normativa

A normativa de aplicación para a ocupación de dominio público para uso de posto de atracada, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, para barcos con base no porto é a seguinte:

– Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

– Decreto 130/2013, do 1 de agosto, que regula a explotación dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Regulamento de servizo, policía e réxime dos portos adscritos á Comunidade Autónoma.

– Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Decreto 227/1995, do 20 de xullo, que recolle o Regulamento do ente público Portos de Galicia.

Ademais, de ser o caso, será de aplicación a seguinte normativa:

– Lei 22/1988, de 28 de xullo, de costas.

– Decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de costas.

– Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte.

– Lei 3/2012, do 2 de abril, Lei do deporte de Galicia.

– Demais normativa de pertinente aplicación.

En todo caso, no suposto de diverxencia entre o presente clausulado e a normativa de aplicación, prevalecerá a normativa vixente.

Segunda. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto é establecer o procedemento de autorización temporal de uso de posto de atracada, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, outorgada por Portos de Galicia, para barcos con base no porto (código de procedemento IF501A). Defínese o presente procedemento tanto para o uso de postos de atracada nun porto deportivo como nunha zona portuaria de uso náutico-deportivo, nos cales Portos de Galicia autoriza o uso do posto de atracada nunha estrutura flotante, pantalán, con prazas delimitadas, identificadas e cunhas características previamente definidas.

O ámbito de aplicación será os portos deportivos e as zonas portuarias de uso náutico-deportivo destinadas á atracada de embarcacións menores, motivo polo cal o presente procedemento deberá aplicarse a ambas tipoloxías de instalación, sempre e cando se trate de embarcacións náutico-deportivas.

A tipoloxía destas atracadas será a seguinte:

a) Autorizacións de atracada de embarcacións deportivas en instalacións deportivas con concesionario que xestione a instalación.

b) Autorizacións de atracada de embarcacións deportivas en instalación de atracada sen concesionario que xestione a instalación.

Quedan excluídas deste procedemento as solicitudes de atracada de embarcacións profesionais, ou doutra tipoloxía.

Para os efectos deste procedemento, considerase, segundo o disposto nos artigos 2 e 3 do Decreto 130/2013:

Porto deportivo: o conxunto de augas abrigadas, natural ou artificialmente, os espazos terrestres contiguos a estas e as obras, infraestruturas e instalacións necesarias para desenvolver operacións propias da frota deportiva.

Zona portuaria de uso náutico-deportivo: a parte dun recinto portuario preexistente que se destina á prestación de servizos ás embarcacións deportivas e de lecer.

Autorizacións temporais de uso de postos de atracada: os títulos que habilitan para o uso e gozo, durante un prazo mínimo de seis meses e non superior a catro anos, dun posto de atracada destinado a embarcacións deportivas e de lecer.

Embarcacións deportivas ou de lecer con base no porto: aqueles barcos que reciben a prestación do servizo de atracada ou ancoraxe por un período dun ou máis semestres. Os restantes barcos serán considerados como de paso no porto.

Considéranse embarcacións deportivas ou de lecer aquelas de todo tipo, con independencia do medio de propulsión, que teñan eslora de casco comprendida entre 2.5 e 24 metros, proxectadas e destinadas para fins recreativos e deportivos, e que no transporten máis de 12 pasaxeiros.

A relación de portos deportivos ou zonas de uso náutico-deportivas, con pantaláns, nas cales existen postos de atracada vacantes, serán todos aqueles en que Portos de Galicia asume o outorgamento directo das prazas de amarre, con ou sen xestor doutros servizos relacionados coa atracada.

Terceira. Órgano competente

A autorización temporal de uso do posto de atracada, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, será competencia da Presidencia de Portos de Galicia.

Non obstante, segundo a Resolución do 15 de maio de 2019 de delegación de competencias do presidente no director xeral, publicada no DOG número 102, do 31 de maio, a resolución de autorizacións temporais de uso de postos de atracada está delegada no director xeral.

Cuarta. Tipos de instalacións e prazas de amarre

Ademais da diferenciación de tipoloxía de instalacións con ou sen xestor prestador de servizos, as prazas postas á disposición nunha instalación poden ser de paso polo porto ou de base.

Segundo a definición de praza de base indicada na cláusula primeira da presente resolución, as autorizacións temporais de uso de postos de atracada serán o título habilitante para o uso e gozo, durante un prazo mínimo de seis meses e non superior a catro anos, dun posto de atracada destinado a embarcacións deportivas e de lecer de base no porto.

O presente procedemento non é aplicable ás embarcacións de paso polo porto; non se regula, polo tanto, o uso de posto de atracada por un período inferior a 6 meses.

Os portos en que se ofertan prazas de amarre, a súa localización e tipoloxía, existencia de xestor e tarifas están á disposición dos solicitantes na páxina web de Portos de Galicia, na seguinte ligazón:

http://www.portosdegalicia.gal/solicitudes_atracadas_deportivos

Identificaranse as prazas vacantes de cada dimensión en cada unha das instalacións e dimensións máximas da embarcación en cada unha das prazas tipo no momento da apertura da convocatoria. Esta información será actualizada periodicamente na web de Portos de Galicia, na ligazón indicada.

Quinta. Listas de espera

Cando, reunindo a solicitude todos os requisitos, non poida outorgarse a autorización de uso por non existir un punto de amarre vacante, a solicitude incluirase na lista de espera, coa asignación dun número de orde segundo a data de rexistro de entrada da petición debidamente cuberta e coa documentación completa, e unha vez que a persoa titular da Presidencia de Portos de Galicia dite a resolución pola cal se declara a dita inclusión.

Existirá unha lista de espera para cada un dos portos e das instalacións competencia da Comunidade Autónoma de Galicia nos cales o número de solicitudes exceda os postos de atracada dispoñibles.

A lista de espera estará aberta permanentemente ata a realización dunha nova convocatoria, e admitirase a incorporación de novas solicitudes, segundo o indicado neste procedemento, para embarcacións que se adapten ás dimensións do tipo de praza solicitada, ás cales se lles asignará un número de orde na citada lista de espera.

Mediante a presente resolución, e en aplicación do disposto no Decreto 130/2013, as listas de espera que puidesen existir con anterioridade á entrada en vigor deste decreto quedarán sen efectos, e deberán os interesados presentar unha nova solicitude segundo o disposto neste procedemento. Non obstante, ábrese un prazo preferente de trinta (30) días naturais, previos á apertura do prazo de presentación de solicitudes en xeral, para presentar una nova solicitude, segundo o disposto no presente procedemento, e poderase optar a un posto preferente sempre e cando a solicitude estea formalizada para o mesmo titular e a mesma embarcación que figura na citada lista de espera. De recibir algunha solicitude neste prazo de trinta (30) días en que non se constate a súa pertenza nalgunha lista de espera, non será tida en conta.

Aquelas solicitudes presentadas con anterioridade á convocatoria do presente procedemento pendentes de adxudicación en portos sen lista de espera serán resoltas sen necesidade de que o solicitante teña que presentar unha nova solicitude.

Admitirase, en calquera momento antes de iniciar os trámites para cubrir a vacante mediante as solicitudes incluídas na lista de espera, a substitución ou cambio de embarcación sen alteración do número de orde, sempre que se trate dunha embarcación das mesmas características. Noutro caso a nova embarcación, que en todo caso deberá adaptarse ás dimensións do tipo de praza solicitada, pasará a ocupar o último posto da lista.

Sexta. Entidades solicitantes

Poderán formalizar a solicitude persoas xurídicas, entidades sen personalidade xurídica públicas ou privadas e persoas físicas.

O solicitante deberá ser o titular da embarcación deportiva ou de lecer. Se existisen varios titulares, presentará a solicitude aquel que teña unha maior porcentaxe de participación na titularidade da embarcación e, en situación de igualdade, haberá que aterse ás normas reitoras da comunidade.

No caso de solicitantes doutros países que non teñan residencia no territorio nacional, deberán designar un representante, para todos os efectos que dimanen da autorización, con domicilio en territorio nacional. Este representante será o mesmo que presente a solicitude.

Sétima. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é a partir do día seguinte á publicación no DOG da presente resolución, e destínanse os primeiros trinta (30) días naturais á presentación de solicitudes por parte daqueles solicitantes que estivesen rexistrados nalgunha lista de espera e a partir do trixésimo primeiro día natural, para os interesados en xeral, prazo que quedará aberto desde a mencionada data.

Oitava. Tramitación da solicitude

Recibida a solicitude de autorización e a documentación anexa, Portos de Galicia analizará o cumprimento da normativa aplicable para os efectos da autorización do uso da praza de atracada e a existencia de praza vacante para as características da embarcación, e requirirá, cando proceda, os solicitantes para a súa emenda.

Portos de Galicia examinará a solicitude e, se non reúne os requisitos ou non vai acompañada dos documentos exixidos, requirirá o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude.

Entenderase que se desiste da solicitude cando non atenda o solicitante o requirimento de emenda da documentación realizado por Portos de Galicia no prazo establecido para iso.

Unha mesma persoa solicitante poderá presentar unha solicitude por embarcación para tantos portos ou zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia como coide oportuno. Non obstante, non se adxudicará unha autorización de uso de posto de atracada para a mesma embarcación á persoa titular que xa dispoña de autorización de uso dun posto de atracada en calquera dos outros portos e instalacións competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, agás no suposto de que o número de postos de amarre ofertados na concreta convocatoria sexa superior ao número de solicitudes e non exista lista de espera no porto ou na instalación de que se trate.

Para iso, no modelo normalizado, deberá indicar se desexa manter a autorización de que dispón ou se unicamente desexa unha. No caso de que resulte adxudicatario da nova praza, a primeira autorización extinguirase, agás que no dito porto non exista lista de espera. Igualmente, extinguísese a primeira se non indica o interese de mantela na epígrafe correspondente do anexo I.

Se o solicitante desexa obter autorización para varias embarcacións, deberá formalizar solicitudes independentes.

Para tramitar a solicitude, será requisito imprescindible que o solicitante estea ao día do pagamento tanto das taxas debidas a Portos de Galicia como, se é o caso, das tarifas debidas ao concesionario da instalación, e que non incumprisen as condicións da autorización.

Poderán solicitar praza de amarre os titulares de embarcacións que estean en construción, e achegarán a documentación indicada na cláusula novena. Non obstante, no suposto de que no porto exista maior demanda que prazas dispoñibles, nas diferentes categorías, a embarcación en construción non será susceptible de adxudicación dunha praza de amarre ata que se acredite ante Portos de Galicia a finalización da embarcación mediante achega da documentación indicada nas letras e), f), g), e/ou h) e/ou j) da cláusula novena, segundo corresponda. Manterase a súa posición na lista de espera pero, se transcorridos seis meses desde a súa inclusión na citada lista non se achega documentación que acredita a súa finalización, darase por desistido da solicitude.

Novena. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Modelo de presentación, anexo I, debidamente cuberto. O dito modelo está á disposición dos solicitantes na sede electrónica da Xunta de Galicia, procedemento IF501A.

b) Persoas físicas estranxeiras sen NIE: pasaporte.

c) Persoas xurídicas: escritura ou documento de constitución, estatutos ou acta fundacional debidamente inscritos, se é o caso, no rexistro pertinente.

d) Persoas xurídicas: poder de representación outorgado a favor do solicitante que teña debidamente verificada a súa suficiencia, e inscrito, se é o caso, no rexistro pertinente, agás que a representación se desprenda dos documentos anteriormente citados.

e) Seguro da embarcación coas coberturas establecidas pola normativa que regula o seguro de responsabilidade civil de subscrición obrigatoria para embarcacións deportivas ou de lecer, que na actualidade vén constituída polo Real decreto 607/1999, do 16 de abril, ás cales se engadirá a cobertura de remoción de restos da embarcación. Para acreditar a formalización do seguro deberase achegar certificado da compañía aseguradora, redactado en lingua española ou galega, que acredite a formalización e o aboamento con vixencia no período onde se formalice a solicitude.

f) O certificado deberá conter a seguinte información:

– Identificación da compañía aseguradora ou do axente de seguros e da persoa que actúa en representación.

– Numero da póliza de seguro.

– Identificación da embarcación asegurada que indique nome e matrícula.

– Mención expresa da cobertura de responsabilidade civil e a vixencia temporal do seguro.

– Mención expresa da cobertura dos gastos de remoción de restos da embarcación.

– Importe da franquía, de ser o caso.

– Data de pagamento da póliza que acredite a súa formalización.

– Data de expedición do certificado, asinado polo titular ou representante legal.

g) Permiso de navegación da embarcación.

h) Folla de asento do rexistro da capitanía marítima correspondente. A certificación debe ter unha antigüidade máxima dun ano, ata a data de presentación da solicitude. Este documento componse das follas: «Rexistro Marítimo Español» e «Folla ou follas de asento» (no caso de que estea en trámites de actualización, deberá presentarse o xustificante conforme se está tramitando a dita actualización na capitanía marítima, e deberá achegala en canto se dispoña dela).

i) As embarcacións inscritas segundo o réxime especial das embarcacións de recreo con marcación CE de eslora igual o inferior a 12 metros e que non teñan certificado ordinario do Rexistro Marítimo Español, en lugar dos documentos indicados nos dous puntos anteriores deberán presentar copia do anverso e do reverso do certificado de inscrición xunto cunha copia da declaración de conformidade da embarcación CE.

j) No caso dunha embarcación en construción, presentarase certificado do estaleiro coas características desta e a data prevista de entrega.

k) Se a embarcación se destina exclusivamente a competicións deportivas e non está inscrita no Rexistro Marítimo Español, deberase presentar a documentación que acredite tal circunstancia, a propiedade da embarcación e as características técnicas da embarcación.

l) As embarcacións de bandeira estranxeira deberán presentar unha declaración expedida pola autoridade competente en que conste que non están obrigadas á matriculación definitiva en España conforme o establecido na Lei 38/1992, do 28 de decembro, reguladora dos impostos especiais (a cal establece que deberán ser obxecto de matriculación definitiva en España os medios de transporte novos ou usados, cando se destinen a ser empregados no territorio español por persoas ou entidades que sexan residentes en España ou que sexan titulares de establecementos situados en España), ou unha certificación do rexistro marítimo central ou territorial de buques ou mesmo da administración de Aduanas-AEAT, que acredite tales circunstancias.

m) Se o solicitante ten a condición de xubilado no réxime especial de traballadores do mar, certificado acreditativo de tal condición expedido polo organismo oficial correspondente.

n) Modelo de presentación anexo II de domiciliación bancaria, para o cobramento das taxas portuarias, debidamente cuberto e selado por unha entidade bancaria con operatividade en España en que o solicitante sexa titular da conta bancaria onde desexe realizar os pagamentos. O dito modelo está á disposición dos solicitantes na sede electrónica da Xunta de Galicia.

o) Portos de Galicia poderá requirir outra documentación complementaria se a considera necesaria e a súa exixencia estea xustificada por razón imperiosa de interese xeral.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se deban presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décima. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIF da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de domicilio fiscal.

e) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Certificado acreditativo, expedido polo organismo oficial correspondente, de que a embarcación está inscrita no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia, da Xunta de Galicia, como embarcación tradicional galega ou embarcación histórica (clásica ou de época).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo primeira. Resolución da solicitude

1. Recibidas as solicitudes, e unha vez analizadas a documentación achegada, a adaptación da solicitude de atracada ás prazas postas á disposición, o cumprimento dos requisitos ao presente procedemento e calquera outro condicionante, resolverase a solicitude autorizándoa, denegándoa ou incluíndoa na lista de espera, segundo proceda.

2. Segundo o disposto no artigo 104.1 da Lei 6/2017 de portos de Galicia, o prazo máximo para resolver o expediente será de tres (3) meses; transcorrido este sen que se dite resolución expresa, a correspondente solicitude entenderase desestimada.

3. Considerando as características deste tipo de autorización, por razóns de eficacia, a resolución para autorizar ou denegar a solicitude está delegada no director xeral, segundo resolución de delegación indicada na condición terceira do presente documento, e baixo as condicións xerais reflectidas no anexo III.

4. A adxudicación das autorizacións temporais de uso dos postos de atracada en base efectuarase tendo en conta a orde cronolóxica de presentación das solicitudes debidamente cubertas e coa documentación completa, sempre e cando a eslora e as mangas das embarcacións se axusten ás dimensións máximas establecidas en función da tipoloxía da praza.

No caso de empate, daráselles preferencia ás embarcacións de maior eslora que mellor se axusten ás dimensións do posto de atracada.

5. Entenderase que o solicitante acepta as condicións da autorización se no prazo máximo de dez (10) días desde a súa recepción non presenta manifestación en contra.

Décimo segunda. Réxime das autorizacións

1. As autorizacións outorgaranse con carácter persoal e intransferible inter vivos para unha soa persoa titular e para unha embarcación concreta, sen prexuízo de que Portos de Galicia autorizará a substitución ou o cambio de embarcación sempre e cando se trate dunha embarcación das mesmas características.

2. No suposto de falecemento da persoa titular da autorización, o seu sucesor ou sucesora a título de herdanza ou de legado poderá solicitar por unha soa vez e nun prazo máximo dun ano, contado desde o falecemento, a autorización para o uso do mesmo posto de atracada, e sempre e cando se trate da mesma embarcación, empregando este mesmo procedemento.

3. Portos de Galicia, directamente ou a través do concesionario, de ser o caso, poderá modificar ou cambiar temporalmente de posto de atracada as embarcacións en base sempre que sexa por motivos de seguridade ou forza maior ou relativos á explotación e á planificación do porto.

4. O prazo de vixencia da autorización temporal será o que determine no título administrativo de autorización, e non poderá ser inferior a seis (6) meses nin superior a catro (4) anos. O prazo concreto fixarase na autorización.

5. As autorizacións correspondentes a persoas titulares que estean ao día do pagamento tanto das taxas debidas a Portos de Galicia como, se é o caso, das tarifas debidas ao concesionario, e que non incumprisen as condicións da autorización, renovaranse automaticamente polo mesmo período ao concedido inicialmente, e outorgará Portos de Galicia de oficio unha nova autorización, a non ser que cun prazo mínimo de quince (15) días anterior ao vencemento da autorización a persoa interesada manifeste a súa decisión de non continuar co uso e gozo da praza de atracada unha vez superado o límite máximo de catro anos.

6. No prazo dun mes contado desde a notificación da resolución pola que se outorga a autorización, o seu titular deberá ocupar o posto asignado coa embarcación autorizada. Este prazo poderá ser ampliado por Portos de Galicia de existir causa xustificada a xuízo deste.

7. Unha vez que se produza a ocupación do posto de atracada, o persoal portuario ou, se é o caso, o persoal do concesionario autorizado para efectuar funcións de auxilio na vixilancia que efectuará Portos de Galicia poderá, en todo momento, realizar as medicións correspondentes no suposto de que as dimensións manifestadas na solicitude non coincidisen coas dimensións reais da embarcación.

Se a diverxencia entre as medidas reais e as manifestadas na solicitude for tal que non permitise a acomodación da embarcación e a súa correcta manobrabilidade no posto correspondente, a autorización outorgada caducará e será posta á disposición para unha nova asignación do posto de atracada.

8. Se a ocupación do posto non se levase a cabo no prazo indicado no anterior punto 6, e se con isto non se prexudican dereitos de terceiros, considerarase que o interesado renuncia á autorización e queda o posto á disposición da Presidencia para unha nova asignación, conforme as normas de xestión de listas de espera.

9. No caso de que a resolución veña referida a unha embarcación en construción, o seu titular deberá achegar a nova embarcación e ocupar a praza asignada nun prazo máximo de seis (6) meses contado desde a notificación da resolución. No caso contrario, e agás causa xustificada aceptada por Portos de Galicia, producirase a caducidade da autorización sen dereito a indemnización nin á devolución das taxas satisfeitas, que se devindicarán desde a recepción da notificación da resolución de autorización do uso da praza de amarre.

Décimo terceira. Aboamento das taxas portuarias

A persoa titular da autorización deberá aboar a taxa portuaria vixente en cada momento aplicable ás embarcacións deportivas ou de lecer, así como as demais taxas portuarias que poidan ser de aplicación, e mais as tarifas ou os prezos privados aos concesionarios de servizos portuarios pola súa prestación a aquela.

Ás embarcacións autorizadas con carácter de base nun porto, consonte o establecido na normativa autonómica sobre taxas, que é a Lei 6/2003 de prezos, taxas e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, seralles de aplicación a tarifa X-5.-Embarcacións deportivas e de lecer e, de ser o caso, a tarifa E-3.-fornecementos, se se consome auga e/ou electricidade.

O importe da taxa X-5 correspondente a embarcacións deportivas e de lecer aplicarase polo período completo autorizado, cun mínimo de seis (6) meses, independentemente das entradas, das saídas ou dos días de ausencia da embarcación e, no caso de extinción da autorización, os efectos tributarios fronte a Portos de Galicia produciranse unicamente desde o semestre natural seguinte ao da extinción.

No suposto de que un titular dispoña de varias prazas de amarre para unha mesma embarcación, non exime do aboamento da taxa X-5 en cada un dos portos autorizados polo uso do posto de atracada de xeito exclusivo.

No caso de existir un concesionario, a persoa titular deberalle aboar a este as tarifas por prestación de servizos diversos aprobadas por Portos de Galicia.

Para o aboamento de todas as cantidades previstas nesta condición, Portos de Galicia exixirá a domiciliación bancaria.

Na web de Portos de Galicia reflectirase o importe da citada tarifa a das cotas de mantemento autorizadas a un terceiro, de ser o caso, na seguinte ligazón:

http://www.portosdegalicia.gal/solicitudes_atracadas_deportivos

Na autorización fixarase a taxa X-5 especifica para a autorización en función das dimensións da embarcación e das características e servizos da praza.

Décimo cuarta. Contido da autorización precarial de ocupación de dominio público portuario

As autorización temporal de uso de postos de atracada outorgaranse segundo o modelo de autorización incluído no anexo III, no cal se reflicten as condicións xerais que rexerán a autorización, e poderanse incorporar ademais as condicións particulares que en función da actividade se consideren necesarias.

Décimo quinta. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorran dez (10) días hábiles desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexta. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de inclusión de solicitudes na lista de espera por non existiren prazas vacantes da tipoloxía correspondente, así como as solicitudes denegadas.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web http://www.portosdegalicia.gal/gl/.

Décimo sétima. Extinción das autorizacións de ocupación de dominio público

1. As autorizacións extínguense polos seguintes motivos:

a) O remate do prazo de outorgamento.

b) A revisión de oficio nos supostos establecidos na lexislación reguladora do procedemento administrativo común.

c) A renuncia da persoa titular.

d) O mutuo acordo.

e) A disolución ou extinción da sociedade titular da autorización, agás nos supostos de fusión ou escisión.

f) A revogación.

g) A caducidade.

2. Revogación da autorización.

As autorizacións temporais de uso, ao outorgarse a título de precario, poderán ser revogadas por Portos de Galicia en calquera momento e sen dereito a indemnización cando resulten incompatibles con obras ou plans que, aprobados con posterioridade, empecen a explotación portuaria ou impiden a utilización do espazo portuario para actividades de maior interese portuario.

3. Caducidade.

As autorizacións temporais estarán incursas en caducidade, nos seguintes casos:

a) Polo abandono ou a falta de utilización do posto de atracada durante un período consecutivo de seis (6) meses, agás causas xustificadas relativas a invernadas ou avarías das embarcacións.

b) Polo non pagamento dunha liquidación en concepto de taxa portuaria X-5 durante un prazo de seis (6) meses, con independencia de que o seu aboamento o exixa de maneira directa a Administración portuaria ou de que exista unha subrogación no pagamento por parte dun concesionario consonte o establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para iniciar o expediente de caducidade será dabondo con que non se efectuase o ingreso en período voluntario. Unha vez iniciado, poderase acordar o seu arquivamento se antes de ditar a resolución se produce o aboamento íntegro da débeda, incluídos os xuros e as cargas derivados do procedemento de constrinximento, e se se constitúe a garantía que ao respecto e de maneira discrecional poida fixar Portos de Galicia.

c) Polo incumprimento das obrigas impostas pola normativa de aplicación ou o incumprimento das obrigas ou condicións esenciais definidas con tal carácter no título da autorización, cuxa inobservancia estea expresamente prevista como causa de caducidade.

Décimo oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –entidade pública empresarial Portos de Galicia– coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Modelo da autorización temporal de uso de posto de atracada no porto deportivo ou zona portuaria de uso náutico deportivo no porto de (porto).

(Titular) con NIF (número CIF/NIF), con domicilio postal en (domicilio postal) e enderezo electrónico (e-mail), presentou en Portos de Galicia unha solicitude de autorización para a ocupación arriba descrita para a embarcación_____

Consideracións legais e técnicas

Á vista da solicitude presentada para atracar unha embarcación deportiva por un período superior a 6 meses nun porto dependente de Portos de Galicia, conforme o disposto no capítulo IV do título IV da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, trátase dunha autorización temporal de uso de posto de atracada no porto deportivo ou zona portuaria de uso náutico-deportivo.

A dita autorización rexerase pola lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia; pola Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade autónoma de Galicia, tarifa X-5 e E-3; polo Decreto 130/2013, do 1 de agosto, que regula a explotación dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e de ser o caso polo Regulamento de explotación e policía polas ordenanzas portuaria.

De acordo con todo o indicado e en virtude das atribucións conferidas ao director xeral de Portos de Galicia por delegación de competencias do presidente resolta con data 9 de xullo, publicada no DOG nº 137, do 18 de xullo de 2018, con base no disposto no artigo 104 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

O director xeral de Portos de Galicia

RESOLVE:

Outorgar a (titular) a autorización para a utilización das instalacións portuarias de atracada, baixo as condicións que figuran no anexo. O peticionario dispón dun prazo de dez (10) días, contados dende o seguinte ao da notificación desta resolución para alegar ou renunciar expresamente á presente autorización. Se en tal prazo non fixer manifestación ningunha, entenderase conforme as condicións, e entrará en vigor na data indicada no condicionado que se achega con esta resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Non obstante, o interesado poderá optar por interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Mediante este documento notifícaselle esta resolución segundo o exixido no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Prego de condicións da autorización temporal de uso de posto de atracada no porto deportivo ou zona portuaria de uso náutico-deportivo no porto de (porto)

A presente autorización réxese polas condicións xerais establecidas na Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, nas regras establecidas para as tarifas X5 e E-3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade autónoma de Galicia; polo Decreto 130/2013, do 1 de agosto, que regula a explotación dos portos deportivos e das zonas portuarias de uso náutico-deportivo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; polo Regulamento de servizo, policía e réxime dos portos, aprobado pola Orde ministerial do 12 de xuño de 1976, e polas condicións xerais e particulares seguintes:

1. A embarcación autorizada, as súas dimensións, o período e o lugar da atracada son os seguintes:

Embarcación:

Identificación:

Esolara máxima:

Manga máxima:

Porto:

Período de atracada:

Lugar de atracada:

2. A dita autorización outórgase a título de precario, deixando a salvo o dereito de propiedade, sen prexuízo de terceiros, e sen cesión do dominio público nin das facultades dominicais da Comunidade Autónoma. Esta autorización outórgase a título de precario e non pode inscribirse no rexistro da propiedade.

3. A autorización outórgase con carácter persoal e intransferible inter vivos para un só titular, que coincidirá co armador da embarcación con maior porcentaxe de propiedade, e para unha embarcación concreta. Admitirase a substitución ou cambio de embarcación sempre que se adapte ás dimensións previstas para a clase de amarre de que se trate. Para a súa validez, a substitución deberá ser comunicada a Portos de Galicia. A falta de comunicación ou a omisión ou o falseamento de datos será causa de caducidade da autorización e de incoación de procedemento administrativo sancionador.

4. No caso de falecemento do titular, o seu sucesor ou sucesora ao título de herdanza ou de legado poderá solicitar por unha soa vez e nun prazo máximo dun ano, contado desde o falecemento, a autorización para o uso do mesmo posto de atracada, e sempre e cando se trate da mesma embarcación.

5. Sempre que o titular se atope ao día no pagamento tanto das taxas debidas a Portos de Galicia como, se é o caso, das tarifas de mantemento correspondentes, e que non incumprise as condicións da autorización, esta renovarase automaticamente polo mesmo período ao concedido inicialmente, e outorgará Portos de Galicia de oficio unha nova autorización, a non ser que cun prazo mínimo de quince (15) días anterior ao vencemento da autorización a persoa interesada manifeste a súa decisión de non continuar co uso e gozo da praza de atracada por un límite máximo de catro (4) anos.

6. En caso de que se detecte a falsidade dalgún dos datos que o interesado facilite a Portos de Galicia para a solicitude da autorización de atracada, especialmente no que se refire a medidas da embarcación e potencia do motor, procederase a caducar esta autorización. Para os efectos establecidos nesta condición, o persoal de Portos de Galicia con funcións de inspección ou control estará facultado para acceder ás embarcacións observando os límites de inviolabilidade naqueles espazos que teñan a consideración legal de domicilio.

7. Poderá declararse a caducidade da autorización nos seguintes casos:

a) Abandono ou falta de utilización do posto de atracada durante un período consecutivo de seis (6) meses, agás causas xustificadas relativas a invernadas ou avarías da embarcación.

b) Non pagamento dunha liquidación en concepto de taxa portuaria X-5 durante un prazo de 6 meses, con independencia de que o seu aboamento o exixa directamente a Administración portuaria ou de que exista unha subrogación no pagamento por parte dun concesionario conforme a Lei 6/2003.

c) Polo incumprimento das obrigas impostas pola normativa de aplicación ou o incumprimento das obrigas ou condicións esenciais definidas con tal carácter no título da autorización, cuxa inobservancia estea expresamente prevista como causa de caducidade.

8. A renuncia, a caducidade ou a extinción da autorización por calquera das causas previstas e a conseguinte baixa como embarcación de base producirán efectos tributarios fronte a Portos de Galicia desde o semestre natural seguinte ao da extinción, e o antigo titular non terá dereito a solicitar ningunha devolución por este concepto.

9. De conformidade cos principios de obxectividade e proporcionalidade e, en calquera caso, sempre que veña imposto por obras ou plans aprobados con posterioridade, por razóns de explotación ou planificación portuaria ou pola normativa de aplicación, Portos de Galicia poderá modificar as condicións da autorización. Neste caso, os interesados poderán renunciar á autorización, sen dereito a indemnización, e procederá unicamente, se é o caso, o dereito á devolución das contías correspondentes ás taxas portuarias aboadas por adiantado polo período de tempo non gozado.

10. Portos de Galicia poderá modificar ou cambiar de posto de atracada as embarcacións en base, sempre que sexa por motivos de seguridade ou forza maior ou relativos á explotación e á planificación do porto. O incumprimento de ordes de desatracada, cambio de praza ou calquera outra indicación similar emitida por Portos de Galicia será causa de caducidade da autorización, sen prexuízo da aplicación das medidas correctoras, coercitivas e executivas previstas na normativa de aplicación, na actualidade a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

11. A autorización habilita exclusivamente a atracada da embarcación na praza asignada. O titular non poderá realizar modificacións nas instalacións nin instalar dispositivos ou elementos nestas sen contar coa autorización previa e expresa de Portos de Galicia. O incumprimento desta condición será causa de caducidade desta autorización.

12. O titular queda obrigado a conservar as instalacións onde dispón da autorización de atracada en perfecto estado de utilización, limpeza, hixiene e ornato. Queda prohibido, agás autorización expresa, o depósito de materiais de calquera tipo na superficie do pantalán.

13. O titular adoptará as máximas medidas de seguridade para evitar calquera tipo de polución ou contaminación na zona portuaria e nos seus arredores, queda expresamente prohibida a vertedura de residuos ao mar e deberanse cumprir as disposicións legais vixentes nestas materias.

14. Os propietarios ou usuarios das embarcacións serán os responsables dos danos ou avarías que se ocasionen nas instalacións portuarias, elementos de fornecemento, na súa embarcación ou nas de terceiros como consecuencia de usos indebidos das instalacións, anomalías nas embarcacións ou malas manobras destas.

15. O titular da autorización deberá aboar a tarifa portuaria X-5 vixente en cada momento de aplicación ás embarcacións deportivas ou de lecer. Esta tarifa liquidarase de acordo coa normativa vixente. O importe da tarifa será independente das entradas, saídas ou días de ausencia da embarcación, mentres manteña asignado o posto de atracada.

16. No suposto de que as dimensións reais da embarcación non coincidan coas recollidas na documentación, o solicitante deberá achegar declaración que recolla as dimensións reais máximas da súa embarcación, entendendo como tales os puntos máis extremos da embarcación, incluídos todos aqueles elementos fixos ou desmontables que formen parte dela, aínda que poidan eliminarse sen afectar a integridade estrutural da embarcación. No caso de que existan discrepancias, ou sempre que existan dúbidas sobre as dimensións totais reais da embarcación, Portos de Galicia poderá realizar a medición directa da embarcación.

17. Se existise fornecemento de auga ou electricidade a través de tomas, o titular deberá aboar a tarifa portuaria vixente en cada momento. Na actualidade é a tarifa E-3, que se liquidará trimestralmente, a non ser que os ditos fornecementos se atopen incluídos na tarifa de conservación e mantemento que deberá aboar a entidade concesionaria.

18. Portos de Galicia poderá exixir a domiciliación bancaria, no caso de consideralo conveniente, para a xestión recadadora das taxas tributarias devindicadas ao seu favor pola utilizacións das instalacións portuarias.

19. O titular recibirá una tarxeta de acceso ao inicio da autorización, que deberá ser devolta a Portos de Galicia en caso de renuncia á praza. Poderá solicitar a Portos de Galicia unha soa tarxeta máis. O usuario deberá aboar o custo de todas as tarxetas, na forma que se determine.

20. En relación con esta autorización de atracada, as comunicacións deben remitirse preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (procedemento IF501A), e en todo caso deste xeito se o titular é unha persoa xurídica.

21. De tratarse dunha instalación xestionada en réxime de concesión administrativa, o titular deberá aboar ao concesionario as tarifas ou prezos privados por prestación de servizos diversos aprobados por esta entidade pública empresarial. Esas tarifas deberán ser aboadas polo período completo autorizado cun mínimo de seis (6) meses, sen que o concesionario estea obrigado a reintegrar ningunha cantidade no caso de abandono da praza de atracada antes do tempo establecido. No caso de impagamento destas tarifas por servizos prestados, a entidade concesionaria quedará facultada, con autorización previa de Portos de Galicia, a denegar a entrada e a prestación dos servizos portuarios.

22. Transcorrido un prazo de dez (10) días contados desde o seguinte ao da recepción da presente, e de non facer manifestación expresa en contrario, entenderase que vostede está conforme coas condicións e a autorización será eficaz para todos os efectos.

23. Os datos de carácter persoal obtidos con motivo deste procedemento administrativo van ser incorporados e tratados nun ficheiro de datos debidamente autorizado para o exercicio das funcións que como Administración pública legalmente lle corresponden á entidade pública empresarial Portos de Galicia, entidade responsable do ficheiro «Programa facturación espigón». O seu domicilio é praza de Europa, portal 5A, 6º B, Área Central, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela. A cesión destes datos farase de acordo coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e co Regulamento europeo xeral de protección de datos 2016/679/UE, do 27 de abril, para os fins relacionados coa xestión e explotación portuaria atribuídas a esta entidade pública polas leis 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. O acceso aos ficheiros por terceiros realizarase para a prestación de servizos de tratamento e técnicos ao responsable destes. O exercicio ante o responsable do ficheiro dos seus dereitos a solicitar o acceso aos datos persoais relativos ao interesado, a solicitar a súa rectificación ou supresión, a solicitar a limitación no seu tratamento, a opoñerse ao tratamento, a portabilidade dos datos e a acudir a Axencia Española de Protección de Datos en defensa dos seus dereitos realizarase nos termos establecidos legalmente considerando as peculiaridades que derivan do carácter público dos ficheiros deste organismo, e poderase exercer na sede de Portos de Galicia, sita na praza de Europa, portal 5A, 6º B, Área Central, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña. Se precisa unha información máis detallada sobre os seus dereitos, orientación legal e xurídica acerca de como exercer estes dereitos, formular reclamacións e ante que instancias, pódese pór en contacto co departamento xurídico no correo portos@portosdegalicia.com ou no teléfono 881 95 00 95 de Portos de Galicia. En todo caso, facilítanselle indicacións de autoridades de protección de datos a que poden acudir: Axencia Española de Protección de Datos: www.agpd.es, Supervisor Europeo de Protección de Datos: https://edps.europa.eu/. Pode obter máis información na ligazón da páxina web de Portos de Galicia: http://www.portosdegalicia.gal/gl/web/portos-de-galicia/informacion-regulamento-europeo-xeral-de-proteccion-de-datos.

Condicións particulares

Inclúanse as que se consideren oportunas.

No suposto de que a instalación estea concesionada, deberá incluírse a seguinte condición particular:

1ª. A instalación está concesionada á entidade___________, con CIF (____) con domicilio para os efectos de notificación en ________________, e correo electrónico__________. A vixencia do título administrativo é ata ______.

Polo exposto, o titular da autorización deberá aboar ao concesionario as tarifas por prestación de servizos diversos aprobados por esta entidade pública empresarial.