Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 20 de outubro de 2020 Páx. 41778

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2020 pola que se modifica a Resolución do 14 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e se convocan para o ano 2018 (código de procedemento CT207A).

O 29 de decembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 242 a Resolución do 14 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e se convocan para o ano 2018 (código de procedemento CT207A).

O día 14 de marzo, en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declárase o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, crise que se fixo extensible a todos os sectores económicos e sociais.

A Axencia das Industrias Culturais, sendo sensible ao impacto producido pola pandemia nas empresas audiovisuais, a través da Consellería de Cultura e Turismo (hoxe Consellería de Cultura, Educación e Universidade), elevou ao Consello da Xunta de Galicia para a súa valoración as propostas relativas a aqueles expedientes de subvencións para os cales se propoñía a súa continuidade, así como de modificacións dos que estaban en execución por estaren vinculados con carácter maioritario ao funcionamento de servizos públicos esenciais e á protección do interese xeral. Este, mediante o Acordo do 24 de abril de 2020, determinou a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

O día 30 de abril de 2020, por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, apróbase o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19 e adóptase un paquete de medidas dirixidas ao sector cultural co obxectivo de paliar esta crise e reactivar o sector cultural e turístico, este fíxose público o día 5 de maio de 2020.

Entre as medidas que recolle o plan atópanse as medidas de apoio ao sector audiovisual, o que supón unha inxección de liquidez ás empresas a través da modificación extraordinaria das convocatorias de axudas ao audiovisual para a consecución dos anticipos.

Así mesmo, no ámbito estatal, aprobáronse medidas de apoio ao sector cultural e de carácter tributario para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19 e adaptáronse ás xa existentes, para a protección tanto de traballadores como das empresas, especialmente autónomos e pemes do sector cultural e, dentro deste, do audiovisual.

O día 8 de setembro de 2020 publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 6 a Resolución do 31 de agosto de 2020 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións concedidas ao abeiro da Resolución do 14 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e se convocan para o ano 2018, e establécese como data límite de xustificación da subvención o 15 de novembro de 2020.

Malia o anterior, sendo isto insuficiente, a Axencia Galega das Industrias Culturais considera necesaria a modificación da convocatoria do ano 2018 das subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Modificar a Resolución do 14 de decembro de 2017 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e se convocan para o ano 2018, no sentido seguinte:

Primeiro. Na base décimo sexta, punto 3, os últimos parágrafos resultan redactados como seguen:

«3. No resto dos proxectos subvencionados, o réxime de pagamentos anticipados será o seguinte:...

– Nos supostos en que se teña presentado a documentación exixida para o pagamento da anualidade 2019, poderá pagarse o 80 % da totalidade da anualidade 2020, como anticipada sen xustificación, de conformidade co artigo 63.3 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tras a autorización do Consello da Xunta de Galicia para facer fronte á situación de crise provocada pola COVID-19, e presentarase a documentación xustificativa que acredite as dificultades empresariais ou a falta de liquidez. O importe do anticipo deberase xustificar mediante gastos realizados e pagados dentro da anualidade 2020.

Disposición adicional única. Redistribución de créditos

Coa finalidade de facilitar a realización dos proxectos á distribución anual de gasto, poderase solicitar unha redistribución do importe da anualidade 2020, cun límite máximo do 20 % do custo concedido para esta anualidade, e aumentarase no mesmo importe a anualidade 2021. Esta redistribución deberá ser solicitada antes do 15 de novembro de 2020 e previamente á súa aprobación deberá tramitarse o correspondente expediente económico.

A autorización desta redistribución implica que para o ano 2021 o período de realización de gastos (emisión de facturas) e a realización de pagamento dos gastos executados será do 16 de novembro de 2020 ata o prazo de presentación da documentación xustificativa, que será ata o 30 de abril de 2021.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia
Galega das Industrias Culturais