Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 9 de outubro de 2020 Páx. 39448

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 1 de outubro de 2020 pola que se publica a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador para o ano 2020, modificada como consecuencia do requirimento do Ministerio de Facenda.

No DOG núm. 125, do 26 de xuño de 2020, publicouse a Resolución do 18 de xuño, da oferta de emprego público de persoal docente e investigador para o ano 2020. Esta oferta estaba conformada por 20 prazas da categoría de profesor contratado doutor, 31 prazas do corpo docente de profesor titular de universidade pola quenda libre e 31 prazas do corpo docente de catedrático de universidade pola quenda de promoción interna. Das prazas anteriores reserváronse 7 (6 de profesorado contratado doutor e 1 de profesorado titular de universidade) para dar cumprimento á obriga de destinar un 15 % do total de prazas á incorporación de persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal e obtivese o certificado I3, tal e como se recolle no artigo 19.un.3.l) da Lei 6/2018.

O Ministerio de Facenda solicitou á Universidade de Santiago de Compostela a modificación da citada Resolución do 18 de xuño de 2020 co fin de axustar o número de prazas ofertadas para persoal docente e investigador que completou o Programa Ramón y Cajal e obtivo o certificado I3, no sentido de incrementar nunha praza en aplicación do arredondamento por exceso.

Con data do 24 de xullo de 2020 o Consello de Goberno aprobou a modificación da OEP no sentido indicado polo Ministerio de Facenda e, con posterioridade, a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia autorizou a citada modificación o 21 de setembro de 2020.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela para o ano 2020, modificada a consecuencia do requirimento do Ministerio de Facenda. A OEP resultante consiste en 83 prazas de profesorado con vinculación permanente. Da totalidade destas prazas, 52 (20 de profesorado contratado doutor e 32 de profesorado titular de universidade) corresponden ao sistema de quenda libre. Delas resérvanse 8 prazas (6 de profesorado contratado doutor e 2 de profesorado titular de universidade) para dar cumprimento á obriga de destinar un 15 % do total de prazas á incorporación de persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal e obtivese o certificado I3, tal e como se recolle no artigo 19.un.3.l) da Lei 6/2018. Na OEP inclúense ademais 31 prazas para a quenda de promoción interna correspondentes ao corpo de catedrático de universidade.

Segundo. Esta OEP inclúe as necesidades de recursos humanos de carácter permanente no ámbito docente e investigador, con asignación orzamentaria, que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, segundo se detalla no anexo I, dentro do contexto global de restrición orzamentaria que afecta todas as administracións públicas.

Terceiro. A planificación dos recursos humanos na USC oriéntase á atención das súas funcións prioritarias, á correcta dimensión do volume de efectivos e a potenciar a estabilización do seu persoal docente e investigador.

Cuarto. As convocatorias dos concursos derivados desta oferta publicaranse no Diario Oficial de Galicia e, de ser o caso, no Boletín Oficial del Estado, para garantir a súa publicidade, e executaranse dentro do prazo máximo previsto no artigo 70 do Estatuto básico do empregado público.

Quinto. Coa finalidade de dar unha maior difusión ás convocatorias de concursos relacionados con esta oferta de emprego, así como aos actos que deriven deles, na páxina web do Servizo de Planificación de PDI da USC (http://www.usc.gal/gl/servizos/profesorado), na sección de Convocatorias de prazas, poderase consultar a documentación correspondente.

Sexto. Esta resolución substitúe a do 18 de xuño de 2020 pola que se publicaba a oferta de emprego público do persoal docente e investigador para o ano 2020 (DOG núm. 125, do 26 de xuño).

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2020

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (R.R. 30.4.2020; DOG do 11.5.2020)
Ernesto González Seoane
Vicerreitor de Profesorado

ANEXO I

Oferta de emprego público para o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela do ano 2020

Categoría/corpo docente

Nº de prazas

Sistema de acceso

Profesor/a titular de universidade

30

Quenda libre

Profesor/a titular de universidade

(reserva do 15 % para persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal e obtivese o certificado I3)

2

Quenda libre

Profesor/a contratado/a doutor/a

14

Quenda libre

Profesor/a contratado/a doutor/a

(reserva do 15 % para persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal e obtivese o certificado I3)

6

Quenda libre

Catedrático/a de universidade

31

Quenda de promoción interna