Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 8 de outubro de 2020 Páx. 38798

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 168/2020, do 24 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol da Deputación de Ourense das estradas autonómicas OU-211 e OU-400 na súa totalidade.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación de Ourense solicita o cambio de titularidade ao seu favor das estradas autonómicas OU-211 e OU-400 na súa totalidade.

A estrada OU-211 Val de Pereira (N-120)-O Coedo (OU-504) pertence á rede secundaria da RAEGA, conta cunha lonxitude total de 5,38 km e discorre polos municipios de Ribadavia e Cenlle.

A estrada OU-400 Ramirás (OU-531)-Mosteiro, tamén pertence á rede secundaria, cunha lonxitude de 3,61 km, e discorre na súa totalidade polo Concello de Ramirás.

Ambas as estradas posúen un tráfico de carácter local e unha baixa IMD (na OU-211, 764 veh/día no 2019; na OU-400 285 veh/día) e carecen de funcionalidade dentro da RAEGA.

Estas estradas cumpren co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG), relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de setembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol da Deputación de Ourense:

Código

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

Lonxitude

OU-211

Val de Pereira (N-120)-O Coedo (OU-504)

0+000

X=572.575

Y=4.684.057

5+380

X=572.547

Y=4.688.395

5.380 m

OU-400

Ramirás (OU-531)-Mosteiro

0+000

X=580.489

Y=4.670.784

3+610

X=580.065

Y=4.668.886

3.610 m

Modificar o Decreto 308/2003 suprimindo da relación de estradas da Comunidade Autónoma de Galicia as estradas OU-211 e OU-400 que figuran como segue:

Código

Rede

Denominación

Clave anterior

OU-211

S

Valdepereira-Gomariz (OU-504)

OU-211

OU-400

S

OU-531-Mosteiro

OU-400

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Deputación de Ourense deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír os cambios de titularidade aos que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndelle á Deputación de Ourense, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de setembro de dous mil vinte

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

Alberto Núñez Feijóo
Presidente