Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 8 de outubro de 2020 Páx. 38833

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 25 de setembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras dos Premios Galegos de Innovación e Deseño e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN822E).

BDNS (Identif.): 526436.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto das bases reguladoras e a convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias dos Premios Galegos de Innovación e Deseño as persoas físicas e as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia, validamente constituído, que manteña a súa actividade. En ambos os casos, en función da categoría a que concorran, deberán posuír as seguintes características:

a) Premios Galegos de Innovación:

– Categoría «Traxectoria Innovadora»: empresarios e profesionais cunha traxectoria de polo menos dez anos en que a innovación fose unha das súas características relevantes.

– Categoría «Grande Empresa»: grandes empresas cunha actividade innovadora de polo menos dez anos.

– Categoría «Pequena e Mediana Empresa»: pequenas e medianas empresas con demostrada actividade innovadora de polo menos cinco anos.

b) Premios Galegos de Deseño:

Premiarán persoas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor do sector do deseño galego.

– Categoría «Profesionais»: profesionais do deseño (persoas físicas ou equipos de profesionais) cunha traxectoria de polo menos dez anos de recoñecido prestixio no sector.

– Categoría «Empresas»: empresas consolidadas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante polo menos dez anos.

– Categoría «Mozos/as Deseñadores/as»: dirixido a aqueles creadores, cunha idade que non exceda os trinta e cinco anos no día de presentación da candidatura, e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

Segundo. Obxecto

A finalidade dos premios é recoñecer o labor de persoas e empresas galegas pola súa excelente contribución á innovación como un elemento indispensable no desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial, alcanzando con iso altas cotas de competitividade nos mercados, tanto galegos, nacionais como internacionais.

Así mesmo, trátase de recoñecer aos profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e ás empresas que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como como motor de innovación e competitividade.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

Todos os premios disporán dunha dotación económica de 15.000 €, menos nos casos relativos ao Premio Galego de Innovación categoría «Grande Empresa» e ao Premio Galego de Deseño categoría «Empresas» que terán un carácter estritamente honorífico.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación