Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 2 de outubro de 2020 Páx. 38213

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 24 de setembro de 2020 pola que se autoriza a implantación do máster universitario en Informática Industrial e Robótica na Universidade da Coruña, para o curso 2020/21.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, regula a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e dispón, no seu capítulo VI, o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT). O Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, dou unha nova regulación ás ensinanzas de doutoramento e iniciouse unha nova etapa de reorganización xeral dos estudos de posgrao, diferenciando o máster universitario dos programas de doutoramento.

No ámbito autonómico, esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia; a Orde do 20 de marzo de 2012, que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma se fará por orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que recibir o informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño.

As universidades, logo de seren autorizadas a implantar os estudos, quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición alén dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na sesión do 15 de xuño de 2020, acordou emitir informe favorable e por unanimidade dos membros sobre a proposta de implantación do máster universitario en Informática Industrial e Robótica, conxunto coa Universidade de La Laguna, na Universidade da Coruña e para o curso 2020/21, condicionado á obtención do informe final favorable da ACSUG e á resolución de verificación do Consello de Universidades.

Unha vez obtido o informe final favorable da ACSUG e a resolución de verificación emitida polo Consello de Universidades con data do 17 de setembro de 2020, proponse a publicación desta orde pola que se autoriza a implantación do máster universitario en Informática Industrial e Robótica, coordinado pola Universidade da Coruña e coa participación da Universidade La Laguna, para o curso 2020/21.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Autorízase a Universidade da Coruña para implantar, no curso 2020/21, o máster universitario en Informática Industrial e Robótica.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade