Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 30 de setembro de 2020 Páx. 37895

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 21 de setembro de 2020 pola que se leva a cabo a actualización e revisión das áreas de especial interese paisaxístico AEIP-05-03 Canóns do Río Miño e AEIP-05-04 Canóns do Sil previstas no Decreto 119/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das paisaxes de Galicia, co obxecto de fundir as dúas áreas nunha única, denominada AEIP-05-03 Ribeira Sacra.

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva, entre outras, en materia de ordenación do territorio e do litoral.

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, conforme o Convenio europeo da paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe e, no seu capítulo III, establece os instrumentos para conseguilo.

Entre estes instrumentos están os catálogos da paisaxe, definidos no artigo 9 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, como os documentos de referencia que, apoiándose nas distintas áreas xeográficas, morfolóxicas, urbanas e litorais existentes no territorio galego, deberán delimitar, con base nos diferentes estudos e traballos existentes na materia, as grandes áreas paisaxísticas de Galicia, identificando os diversos tipos de paisaxe existentes en cada unha delas e as súas características diferenciais. O contido dos catálogos da paisaxe aparecen recollidos neste mesmo artigo, que tamén establece que os catálogos da paisaxe poderán, se é o caso, identificar determinadas zonas xeográficas como áreas de especial interese paisaxístico, en atención aos valores naturais e culturais alí presentes, o que se fai neste catálogo.

O Catálogo das paisaxes de Galicia elaborouse consonte o disposto nos artigos 8 e 9 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia mediante o Decreto 119/2016, do 28 de xullo (DOG nº 160, do 25 de agosto).

Unha das determinacións do Catálogo das paisaxes, de acordo co sinalado no artigo 9.3 da Lei 7/2008, é a delimitación de áreas de especial interese paisaxístico.

O artigo 4 do Decreto 119/2016 regula a actualización e revisión das áreas de especial interese paisaxístico e sinala que as áreas identificadas e delimitadas no Catálogo das paisaxes de Galicia poderán ser revisadas ou actualizadas, de oficio ou por instancia de calquera interesado, cando se acrediten circunstancias que o xustifiquen, tales como a dispoñibilidade de novas fontes de información, cambios ou transformacións da paisaxe, perda ou aparición de valores paisaxísticos ou cambios na percepción da paisaxe por parte da poboación.

O mesmo artigo prescribe que o órgano autonómico con competencias en materia de paisaxe será o competente para proceder á actualización ou revisión, seguindo o seguinte procedemento:

a) Elaborará unha proposta de inclusión, eliminación ou modificación de áreas de especial interese paisaxístico. Esta proposta conterá, necesariamente, a xustificación das circunstancias que motiven a modificación, así como a explicación detallada do procedemento, metodoloxía e resultado da correspondente proposta.

b) A proposta someterase a información pública por un prazo de dous (2) meses, para que todos os posibles interesados poidan formular as alegacións que coiden pertinentes.

c) O expediente será aprobado por orde da persoa titular da consellería competente en materia de paisaxe, logo da consulta aos departamentos autonómicos competentes en materia de ordenación do territorio e patrimonio cultural.

d) Antes da súa aprobación, remitirase para consulta previa do Consello Asesor da Paisaxe de Galicia.

e) Unha vez aprobada, procederase á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Entre as áreas de especial interese paisaxístico delimitadas no Catálogo das paisaxes de Galicia atópanse a AEIP-05-03 Canóns do Río Miño e a AEIP-05-04 Canóns do Sil, ambas na grande área paisaxística das Ribeiras Encaixadas do Miño e do Sil, a primeira na comarca paisaxística da Ribeira Sacra Miñota e a segunda na comarca paisaxística da Ribeira Sacra Silense. As dúas AEIP foron delimitadas seguindo a metodoloxía recollida no punto 2.7 do Catálogo das paisaxes de Galicia.

Os canóns do Miño e os canóns do Sil conforman unha unidade territorial e paisaxística homoxénea e recoñecible, identificada e coñecida comunmente como a Ribeira Sacra. Porén, no Catálogo das paisaxes recolléronse dúas áreas de especial interese paisaxístico diferenciadas, como consecuencia de atopárense en dúas comarcas paisaxísticas.

Por outro lado, cabe destacar que, respecto do momento en que se aprobou o Catálogo das paisaxes, se producen uns cambios importantes que inflúe de forma determinante na percepción da Ribeira Sacra, e no reflexo que esta debe ter no citado catálogo. Eses cambios son:

– A declaración do Ben de Interese Cultural da paisaxe cultural da Ribeira Sacra polo Decreto 166/2018, do 27 de decembro.

– Acordo adoptado polo Consello de Patrimonio Histórico sobre a paisaxe cultural da Ribeira Sacra en abril do ano 2019 como candidatura da Ribera Sacra para formar parte da lista do Patrimonio da Humanidade da Unesco.

– Proposta de reserva da biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel. En agosto do ano 2019 publicouse o anuncio da exposición pública da proposta por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (Mapa Reserva da Biosfera).

Na súa virtude, e en exercicio das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Fundir as dúas áreas de especial interese paisaxístico: AEIP-05-03 Canóns do Río Miño e a AEIP-05-04 Canóns do Sil, nunha única, denominada AEIP-05-03 Ribeira Sacra.

No anexo I atópase a ficha da nova AEIP.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Ficha da Área de Especial Interese Paisaxístico AEIP-05-03 Ribeira Sacra

missing image file
missing image file
missing image file