Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 23 de setembro de 2020 Páx. 37082

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 18 de setembro de 2020 pola que se fai público o acordo de inicio de procedemento para a declaración de abandono de remolques con matrículas R-5172-BBM e R-5173-BBM localizados no porto de Viveiro.

De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), por resultar descoñecido o enderezo do propietario dos remolques, a Asociación para a Promoción do Deporte e Turismo Náutico na Provincia de Lugo, e por motivos de interese público que o fan aconsellable, faise público mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado o acordo de inicio de procedemento para a declaración de abandono dos remolques con matrículas R-5172-BBM e R-5173-BBM que se atopan localizados no porto de Viveiro.

Sobre os ditos remolques están as embarcacións Río Landro, con folio 7ª-LU-2-103, e Río Sor, con folio 7ª-LU-2-4-03, que xunto cos remolques están varadas sen actividade e nun claro estado de abandono desde hai uns 10 anos no porto de Viveiro, motivo polo que estas embarcacións foron declaradas en situación de abandono por Resolución da Presidencia de Portos de Galicia do 21 de xullo de 2020.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

O presente acordo emítese con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de Portos de Galicia (DOG núm. 236, do 14 de decembro), e no artigo 49 do Regulamento de servizo e policía portuarios aprobado pola O.M. do 12 de xuño de 1976.

O órgano competente para a resolución deste procedemento é a Presidencia de Portos de Galicia, en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, letras a) e l), da Lei 6/2017 de portos de Galicia.

A instrución do procedemento recae en Jesús Javier Fernández Barro, xefe da División Xurídica de Portos de Galicia, e o seu réxime de recusación é o consignado no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro (BOE núm. 236, do 2 de outubro), de réxime xurídico do sector público.

De conformidade co establecido no artigo 33 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por motivos de interese público que fan necesaria a retirada conxunta das embarcacións antes citadas xunto cos remolques, aplícase ao presente procedemento a tramitación de urxencia.

En consecuencia, outórgase ao propietario dos remolques segundo os datos de Tráfico, así como a calquera terceiro persoa física ou xurídica que acredite dereitos e/ou intereses sobre os remolques, un prazo máximo de 5 días para formular alegacións.

Advírtese que, de acordo coa normativa mais arriba citada, chegado o termo de declarar os remolques abandonados estes pasarán a ser propiedade de Portos de Galicia, o que non impedirá que todos os custos de tramitación ou que xeren as actuacións que se realicen sobre eles sexan por conta do anterior propietario.

Para o seu exame, o expediente está nas dependencias dos Servizos Centrais de Portos de Galicia en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia