Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 21 de setembro de 2020 Páx. 36713

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2020 e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento BS508D).

BDNS (Identif.): 523751.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Establecer a regulación do procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria coa finalidade de recoñecer publicamente o labor daquelas persoas físicas e xurídicas que, de xeito cotián, desenvolvan programas, accións ou proxectos de voluntariado na Comunidade Autónoma de Galicia, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2020.

Segundo. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2020 e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento BS508D).

Terceiro. Modalidades e destinatarias/os

Os Premios Galicia de Acción Voluntaria terán as seguintes modalidades:

a) Premio voluntaria/o do ano: modalidade individual, para as persoas físicas.

b) Premio entidade de acción voluntaria do ano: modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Premio mellor proxecto de acción voluntaria do ano: modalidade para proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, presentados por unha entidade de xeito individual ou por varias entidades de xeito conxunto, que se caractericen pola innovación e a repercusión social.

Cuarto. Premios

Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas, cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade.

Quinto. Orzamento

Para financiar estes premios destinarase un crédito de 12.000 euros con cargo ás aplicacións orzamentarias 13.05.312F.480.0 e 13.05.312F.481.0 consignadas na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Sexto. Outros datos

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social