Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Luns, 21 de setembro de 2020 Páx. 36696

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 9 de setembro de 2020 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2020 e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento BS508D).

A Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, ten por obxecto a ordenación e o fomento da participación solidaria e altruísta da cidadanía nas actividades de voluntariado organizadas por entidades ou directamente pola Administración autonómica, para o desenvolvemento de programas concretos.

O artigo 21 da citada norma establece, dentro das competencias das administracións públicas de Galicia, a de fomentar e promover a participación social da cidadanía no desenvolvemento da acción voluntaria a través de entidades de acción voluntaria debidamente rexistradas ou, de ser o caso, no marco da acción programada para os fins desta lei polas administracións públicas de Galicia.

O dito artigo determina que, dentro das facultades que lle corresponden á Administración, se atopa a de sensibilizar a sociedade respecto dos valores da acción voluntaria e o seu recoñecemento público.

Segundo establece o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, corresponden á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e de todas aquelas actuacións en aplicación da Lei galega 10/2011, do 28 de novembro.

Na actualidade hai que ter en conta que a pandemia do COVID-19 derivou nunha ampla manifestación de solidariedade que puxo de manifesto a implicación e compromiso do bo facer social por parte de entidades e persoas que, de maneira voluntaria, proporcionaron os seus coñecementos e habilidades á contención e prevención da pandemia, así como á axuda e apoio a aqueles sectores da poboación máis vulnerables.

Consonte co anterior, e como recoñecemento público do labor daquelas persoas físicas ou xurídicas que participen ou desenvolvan accións de voluntariado na Comunidade Autónoma de Galicia e que sirvan de estímulo para a promoción e o fomento da dita actividade no noso territorio, promóvense os Premios Galicia de Acción Voluntaria desde esta Administración pública para o presente ano.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto a regulación do procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, coa finalidade de recoñecer publicamente o labor daquelas persoas físicas e xurídicas que, de xeito cotián, desenvolvan programas, accións ou proxectos de voluntariado na Comunidade Autónoma de Galicia, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2020.

2. Cos Premios Galicia de Acción Voluntaria preténdese recoñecer o exercicio da acción voluntaria a nivel individual e colectivo e dos beneficios que esta achega ao conxunto da sociedade.

3. O código de procedemento administrativo é BS508D.

Artigo 2. Procedemento e modalidades

1. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo o non previsto nestas bases será de aplicación a dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os Premios Galicia de Acción Voluntaria terán as seguintes modalidades:

a) Premio voluntaria/o do ano: modalidade individual, para as persoas físicas.

b) Premio entidade de acción voluntaria do ano: modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Premio mellor proxecto de acción voluntaria do ano: modalidade para proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, presentados por unha entidade de xeito individual ou por varias entidades de xeito conxunto, que se caractericen pola innovación e a repercusión social.

Artigo 3. Premios

Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas no artigo 2, cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade.

Artigo 4. Orzamento

Para financiar estes premios destinarase un crédito de 12.000 euros con cargo ás aplicacións orzamentarias 13.05.312F.480.0 e 13.05.312F.481.0 consignadas na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Artigo 5. Destinatarias/os

1. Serán persoas destinatarias dos Premios Galicia de Acción Voluntaria na modalidade individual ao Premio voluntaria/o do ano aquelas persoas físicas voluntarias que desenvolvan a súa actividade e colaboren con entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria, públicas ou privadas, que se teñan distinguido polo seu sobresaínte labor na promoción e xestión do voluntariado social na nosa Comunidade Autónoma.

2. Serán destinatarias dos Premios Galicia de Acción Voluntaria na modalidade colectiva ao Premio entidade de acción voluntaria do ano as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que, de xeito continuado e eficaz, desenvolvan actividades e/ou programas sociais ou de interese xeral que impliquen un compromiso social e comunitario a través de proxectos consolidados e normalizados no tempo e nos cales a acción voluntaria e as persoas voluntarias asuman un especial protagonismo.

3. Serán destinatarios dos Premios Galicia de Acción Voluntaria na modalidade de Premio mellor proxecto de acción voluntaria do ano aqueles proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, presentados por unha entidade de xeito individual ou por varias entidades de xeito conxunto, vinculados a áreas de especial interese e que supoñan unha innovación social para a nosa Comunidade Autónoma.

4. As persoas destinatarias, tanto físicas como xurídicas, deberán contar cunha traxectoria relevante na modalidade do premio a que concorran. Para estes efectos, os méritos que motivan a solicitude deben estar referidos a circunstancias acreditadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.

5. Só se permitirá unha solicitude por cada modalidade e entidade, de tal xeito que unha mesma entidade non pode presentarse á modalidade colectiva e á de proxectos (artigo 2.2.b) e artigo 2.2.c).

6. Todos os requisitos exixidos ás persoas físicas e xurídicas solicitantes entenderanse cumpridos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6. Compatibilidade dos premios

A obtención do premio é compatible con outros outorgados coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. Poderán presentar solicitudes para a concesión dos premios as persoas físicas ou xurídicas, comprendidas no artigo 5.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I, procedemento BS508D), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requerida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuaria/o e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

4. Para poder optar aos Premios Galicia de Acción Voluntaria as persoas solicitantes deberán acreditar documentalmente, na forma prevista no artigo seguinte, que reúnen as calidades que xustifiquen poder optar ao premio na modalidade de que se trate.

5. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases da convocatoria.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas solicitantes deberán achegar co impreso de solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Memoria individualizada descritiva do proxecto ou traxectoria que se presenta para optar ao premio, na modalidade de que se trate, que poña de manifesto os seus aspectos máis relevantes e valiosos e que conteña expresa mención dos méritos en que se fundamente a solicitude (anexo II).

b) Documentación oficial acreditativa dos méritos que alega emitida por organismo público ou privado, tal como diplomas, certificados ou outros documentos.

c) Relación temporal de actividades realizadas e interese social do contido destas.

d) Outra documentación que a persoa solicitante considere relevante, tal como apoios á candidatura, tanto de persoas físicas como xurídicas.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo solicitante, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Emenda das solicitudes

Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, no prazo de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 21 da referida lei.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa solicitante se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIF da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas solicitantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas solicitantes que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Instrución do procedemento

O órgano instrutor do procedemento será o órgano competente en materia de voluntariado e participación da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado. Unha vez completos os expedientes, remitirallos ao xurado previsto no artigo seguinte para a súa valoración. Unha vez que este emita o informe previsto no artigo 14, elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver o procedemento.

Artigo 13. Xurado dos Premios Galicia Acción Voluntaria

1. Para o exame e valoración dos expedientes constituirase un xurado cuxos membros serán designados pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado, que será quen desempeñe a súa presidencia.

O xurado estará formado por un máximo de 11 membros, que serán designados entre persoas destacadas no ámbito institucional e social pola súa relevancia profesional e persoal en cada unha das modalidades e premios, por proposta do órgano competente en materia de voluntariado e participación da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado.

2. O xurado, como órgano colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e pola Lei 6/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. Na composición do xurado procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

4. A persoa secretaria do xurado, con voz pero sen voto, corresponderalle a unha persoa funcionaria da citada dirección xeral, nomeada por resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado.

5. No caso de ausencia de calquera das persoas que compoñen o xurado, ou da persoa secretaria deste, será substituída por outra persoa nomeada, así mesmo, pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado conforme os mesmos criterios de elección recollidos nos números 1 e 4.

Artigo 14. Valoración das solicitudes admitidas

1. Coa finalidade de elaborar a proposta de concesión, o xurado examinará e valorará as solicitudes presentadas para as distintas modalidades en función dos seguintes criterios específicos por modalidade que se deduzan da memoria presentada e dos méritos acreditados polo solicitante, sen prexuízo da consulta dos datos que figuran no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia:

a) Persoas voluntarias.

1º. Actividades de voluntariado consolidadas no tempo nos diferentes ámbitos de actuación social establecidos na Lei de acción voluntaria de Galicia, nas cales de maneira transversal se recoñeza a diversidade social, igualdade de oportunidades ou a integración social e supoñan unha certa incidencia en áreas sensibles como o medio rural ou en materia de demografía, tendo en conta a súa traxectoria e calidade, a súa consolidación no tempo e a repercusión social que a súa realización implica (ata un máximo de 20 puntos).

2º. Compromiso e implicación en diferentes eidos sociais (ata un máximo de 20 puntos).

3º. Responsabilidade en función das accións realizadas, no exercicio da acción voluntaria (ata un máximo de 20 puntos).

4º. Tempo de permanencia e/ou continuidade na actividade voluntaria ou promocional da persoa voluntaria (ata un máximo de 20 puntos).

5º. Actividades relacionadas coa COVID-19 (ata un máximo de 20 puntos).

b) Entidades de acción voluntaria.

1º. Implantación social da entidade e realización de actividades de interese xeral de voluntariado consolidadas no tempo nos diferentes ámbitos de actuación establecidos na Lei de acción voluntaria de Galicia, nas cales de maneira transversal se recoñeza a diversidade social, igualdade de oportunidades ou a integración social e supoñan unha certa incidencia en áreas sensibles como o medio rural ou en materia de demografía, tendo en conta a súa traxectoria e calidade, a súa consolidación no tempo e a repercusión social que a súa realización implica (ata un máximo de 20 puntos).

2º. Promoción de habilidades para mellorar a empregabilidade das persoas voluntarias (ata un máximo de 20 puntos).

3º. Implicación na captación de persoas voluntarias e difusión da importancia da acción voluntaria na sociedade tanto no ámbito xuvenil como sénior (ata un máximo de 20 puntos).

4º. Creación e mantemento dunha rede de persoas voluntarias constante no tempo e implantación de sistemas de avaliación para a medición do resultado e do impacto dos programas desenvolvidos (ata un máximo de 20 puntos).

5º. Realización de actividades relacionadas coa COVID-19 (ata un máximo de 20 puntos).

c) Proxectos.

1º. Grao de innovación social nos diferentes ámbitos de actuación establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria de Galicia, nos cales de xeito transversal se recoñeza a diversidade social, igualdade de oportunidades ou a integración social e supoñan unha certa incidencia en áreas sensibles como o medio rural ou en materia de demografía, tendo en conta a súa traxectoria e calidade, a súa consolidación no tempo e a repercusión social que a súa realización implica (ata un máximo de 20 puntos).

2º. Fomento de campañas de información e divulgación de actividades voluntarias e captación de persoas voluntarias con especial repercusión no ámbito xuvenil e sénior (ata un máximo de 20 puntos).

3º. Implantación de sistemas de avaliación para a medición do resultado e estudo do impacto dos programas desenvolvidos polas entidades de acción voluntaria (ata un máximo de 20 puntos).

4º. Impacto social do proxecto que implique cambios positivos e sustentables na sociedade e a súa dimensión (ata un máximo de 20 puntos).

5º. Proxectos relacionados coa COVID-19 (ata un máximo de 20 puntos).

2. Os criterios anteriormente indicados polas diferentes modalidades aplicaranse tendo en conta o volume de actividades, o período temporal ao longo do cal se levaron a cabo, a tipoloxía de áreas a que están destinadas e a súa relevancia social, a participación nun maior número de áreas cunha maior repercusión social, o maior compromiso coa acción voluntaria ao longo do tempo preponderando o tempo de permanencia no desenvolvemento da acción voluntaria.

Por outra banda, terase en conta a proxección social e os beneficios que reportan á sociedade as actividades e programas e o desenvolvemento de habilidades nas persoas voluntarias que lles faciliten unha mellor preparación para futuros empregos, segundo os estudos obxectivos que presenten e que reflictan na memoria as persoas interesadas.

Tendo en conta a situación actual de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, valoraranse nas solicitudes admitidas seguindo os criterios descritos aquelas iniciativas emprendedoras ou innovadoras que se dirixan a proporcionar solucións á loita contra o COVID-19 e as súas consecuencias, así como aqueles proxectos ou actividades realizados polas persoas tanto físicas como xurídicas que supoñan un grao de compromiso e implicación con aqueles sectores desfavorecidos, vulnerables ou agraviados pola situación de crise sanitaria. Considerarase esencial a formación e a preparación para este tipo de emerxencias de todo o persoal destinado a realizar as actividades de voluntariado, así como a rápida adopción de protocolos e medidas de protección necesarias para levar a cabo axeitadamente as funcións encomendadas.

Para estes efectos, teranse en conta os datos que constan no Rexistro de Acción Voluntaria e a memoria que achegue cada unha das persoas solicitantes que se presente, na cal consten as actividades e méritos alegados nos tres últimos exercicios salvo, no referente á epígrafe do COVID-19, na cal se valorarán as actividades realizadas polas persoas interesadas desde a declaración de emerxencia sanitaria e ata a data de publicación desta convocatoria, atendendo á información achegada na correspondente memoria.

3. O xurado emitirá un informe proposta da solicitude premiada para cada modalidade, no cal expresará as razóns que xustifiquen o acordo adoptado, e elevarao ao órgano instrutor. No informe proposta o xurado poderá propor que se declare deserta algunha modalidade por non reunir, ao seu xuízo, os méritos suficientes ningunha das solicitudes presentadas.

Artigo 15. Resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe proposta do xurado, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución dos premios por cada modalidade ou declaración de deserta, se for o caso.

2. O órgano competente para resolver será a persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

3. A resolución será notificada de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo máximo de tres (3) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 16. Entrega de premios

A entrega de premios de acción voluntaria realizarase, de ser posible, nun acto público de carácter institucional co fin de visibilizar e pór en valor as persoas gañadoras en cada unha das modalidades.

Artigo 17. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 18. Obrigas das persoas premiadas

1. As persoas premiadas deberán:

a) Cumprir cos requisitos e obrigas recollidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e coas restantes obrigas contidas nesta orde e demais normativa aplicable.

b) Acreditar, con carácter previo á concesión e ao pagamento dos premios, que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non teñen débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma.

c) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe do premio no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión e das demais obrigas contidas nesta orde; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na restante normativa que lle sexa de aplicación. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral de Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Comunicarlle á dirección xeral competente en materia de voluntariado as modificacións que se produzan nos requisitos e condicións que determinaron a concesión do premio. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que a coñeza.

f) Comunicarlle á dirección xeral competente en materia de voluntariado a obtención doutras axudas para a mesma traxectoria ou proxecto. Para estes efectos, a persoa solicitante debe incluír no anexo I a declaración relativa a outras axudas e, con posterioridade á presentación da solicitude, comunicar a súa obtención, de ser o caso.

Artigo 19. Publicación dos actos e resolucións

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

2. A relación da persoa premiada de cada especialidade será publicada, de xeito complementario, na páxina web http://voluntariadogalego.org.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no titulo I da citada lei.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias dos premios previstos nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado para ditar cantos actos e instrucións sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file