Expediente-e: IN407A 2020/68-1.
Promotora: Electra de Santa Comba, S.L.
Denominación da instalación: repotenciación da LMTA. Portocarreiro, no lugar de Portocarreiro.
Concello: Santa Comba.
Feitos:
1. O 25 de marzo do 2020, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 38 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, Augas de Galicia-Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Concello de Santa Comba e Telefónica de España, S.A. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado establecido por Telefónica. A día de hoxe, non consta no expediente resposta dos organismos afectados, isto é, Augas e Concello, á solicitude nin á reiteración do condicionado solicitado.
4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.
Consideracións legais e técnicas:
1. Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
2. Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
3. Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
4. Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
5. Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
6. A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
7. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Retensamento do condutor existente CCX 94-Al1/22-ST1A 20kV entre os apoios números 18 e 23, cunha lonxitude de 608 metros. Do apoio núm. 23 ao núm. 45 substitución do actual condutor LAC-28 pola LA-78, así como as ferraxes, crucetas e apoios que non sosteñen os esforzos resultantes do tendido do novo condutor, cunha lonxitude total de 3.733 metros. Substitúense un total de 15 apoios e intercálase un novo, o núm. 35 do proxecto.
8. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e as prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícase á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
A Coruña, 26 de agosto de 2020
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña