Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 10 de setembro de 2020 Páx. 35609

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 9 de setembro de 2020 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga indefinida no CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Lalín a partir do día 10 de setembro de 2020.

A Secretaría Comarcal de Pontevedra da organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria de folga indefinida no CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Lalín (Pontevedra) desde o 10 de setembro (incluído), que afectará a totalidade do cadro de persoal.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito debe conciliarse co resto dos dereitos de carácter fundamental da cidadanía, polo que resulta imprescindible adoptar as medidas oportunas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da comunidade (entre os que se atopa o da educación), e está obrigada esta Administración, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

En consecuencia, no que respecta aos servizos mínimos que garantan a esencialidade dos dereitos en xogo, a apertura do centro devén obrigatoria para o acceso do alumnado e necesaria para o exercicio do dereito ao traballo (artigo 35 da Constitución) do persoal que non secunde a folga. Por iso, enténdese como servizo mínimo garantir o control de acceso ao centro e edificios vinculados, como mínimo, o acceso do persoal que opte por non exercer o dereito de folga, así como o do alumnado, dado que sen a apertura do centro se impediría inxustificadamente o correlativo dereito ao traballo e á educación.

Pero a apertura do centro non só exixe a acción material de «abrir o centro», senón tamén realizar as accións estritamente necesarias da función ou actividade docente e de vixilancia e custodia das instalacións, xa que, ao tratarse de alumnado menor de idade, se impón unha especial dilixencia na eliminación ou minoración de riscos evitables, mediante a adecuada disposición e mantemento das instalacións, así como o desenvolvemento das tarefas de vixilancia, control e limpeza, e garantir a continuidade mínima do servizo de cociña e comedor.

En consecuencia, deberá establecerse como servizo mínimo a presenza durante a folga da persoa pertencente á dirección con capacidade para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores, de persoal subalterno e de persoal do servizo de limpeza e de cociña e comedor.

A duración da folga é un factor relevante porque pode poñer en perigo a educación do alumnado afectado pola convocatoria, non só pola perda potencial de días lectivos, senón que ademais esta perda se produza de forma continuada, polo que a desconexión do alumnado do desenvolvemento da actividade lectiva pode poñer en risco evidente o dereito á educación garantido no artigo 27 da Constitución e ter consecuencias sobre o rendemento académico.

Por isto e por tratarse dunha convocatoria de folga de carácter indefinido, considérase necesario que, ademais das persoas que se designan para a apertura do centro, para garantir o dereito ao traballo (artigo 35 da Constitución) e a seguridade e custodia do alumnado, se designe un número de profesores suficientes para continuar coas actividades educativas mínimas e fundamentais durante o período que dure a folga.

Se o que acabamos de dicir son razóns que sosteñen a necesidade de fixar servizos mínimos ante calquera convocatoria de folga no ámbito dos centros docentes non universitarios, neste caso atopámonos, como é notorio para todos, ante unhas circunstancias extraordinarias e graves que obrigan a afastarnos dos servizos mínimos fixados en anteriores convocatorias de folga. Referímonos, como é obvio, á situación de emerxencia sanitaria en que nos atopamos como consecuencia da pandemia internacional provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 que causa a COVID-19.

O artigo 43.1 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, mentres que o punto 2 dese artigo sinala que lles compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas. Pois ben, os servizos mínimos que se deben fixar para esta convocatoria de folga deben ser tales que permitan o cumprimento efectivo das medidas preventivas fixadas polos diferentes instrumentos regulatorios aprobados polas autoridades, pois con eles non só se protexe a saúde dos usuarios do servizo público educativo senón a toda a poboación en xeral, como medidas destinadas a evitar a propagación da pandemia, evitar a propagación do coronavirus SARS-CoV-2 e con iso a infección polo COVID-19.

Entre eses instrumentos regulatorios cómpre salientar a Orde comunicada do ministro de Sanidade do 27 de agosto de 2020 (publicada no DOG do 28 de agosto de 2020 como anexo á Orde da Consellería de Sanidade do 28 de agosto de 2020) e as Instrucións polas que se incorporan a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde Pública (DOG nº 174-bis, do 28.8.2020) e a actualización das recomendacións sanitarias do Comité Clínico ao Protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto do COVID 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21 (instrucións publicadas na páxina web corporativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional).

Estes instrumentos prevén medidas preventivas tales como a limitación dos contactos, mediante a distancia social ou mediante o mantemento de grupos de convivencia estable; medidas de prevención persoal, como a hixiene de mans, que o alumnado menor de idade ou con necesidades educativas especiais non realizará por iniciativa propia, senón que precisará o estímulo e vixilancia do persoal do centro; ou as medidas de limpeza, desinfección e ventilación do centro.

Aínda máis, a convocatoria de folga está prevista para días en que se inicia a actividade lectiva, é dicir, para o primeiro día da entrada no centro e nas aulas do alumnado logo das vacacións de verán, día, polo tanto, clave para que se implanten nos centros todas as medidas preventivas previstas, especialmente aquelas que deben ser asumidas polo alumnado, inéditas para eles, coas convenientes explicacións dos profesionais do centro educativo.

Pois ben, tendo presente o anterior, consideramos que neste contexto debe acudir a cada centro educativo, como servizos mínimos, ademais da persoa titular da dirección ou de quen a substitúa, un profesor ou profesora por cada grupo de alumnado que teña prevista actividade lectiva nos días de folga. Consideramos isto imprescindible para o cumprimento das medidas relativas á limitación de contactos ou de hixiene persoal no alumnado e, desde logo, para instruír o alumnado no cumprimento de tales medidas.

No mesmo contexto, ademais das medidas de hixiene individual, resultan tamén imprescindibles o mantemento da limpeza, desinfección e ventilación do centro, razón pola cal resulta necesario fixar como servizos mínimos o 100 % do persoal de limpeza. Das instrucións antes mencionadas recollemos algunhas da medidas que xustifican tales servizos mínimos:

«4. Medidas xerais de limpeza nos centros

(...)

4.1.1. Limpeza polo menos unha vez ao día, reforzándoa naqueles espazos que o precisen en función da intensidade de uso, como no caso dos aseos, onde será de polo menos dúas veces ao día.

4.1.2. Terase especial atención nas zonas de uso común e nas superficies de contacto máis frecuentes como pomos das portas, mesas, mobles, pasamáns, teléfonos, perchas e outros elementos de similares características, así como de billas, elementos das cisternas e outros dos aseos.

4.1.3. Durante a xornada lectiva unha persoa do servizo de limpeza realizará unha limpeza de superficies de uso frecuente e no caso dos aseos de polo menos dúas veces na xornada. En todo caso, nos aseos existirán xaboeiras ou material de desinfección para ser utilizado polos usuarios voluntariamente.

(...)

4.1.8. Deberá vixiarse a limpeza de papeleiras (todas con bolsa interior e protexidas con tapa), de xeito que queden limpas e cos materiais recollidos, co fin de evitar calquera contacto accidental».

Ao ser necesario o mantemento do servizo de comedor, no dito contexto de medidas preventivas para a propagación da pandemia, entendemos necesario fixar como servizo mínimo o 100 % do persoal de comedor. Ao fío do anterior, das instrucións citadas cómpre salientar as seguintes medidas:

«14.3. Os menús serán os utilizados habitualmente segundo a tempada. Cando sexa posible os menús serán empratados en cociña e servidos en bandexa. No caso de existiren varios pratos secuenciais, recoméndase o uso de máscara no período entre ambos.

(...)

14.5. O persoal de cociña ten a obriga de lavar e desinfectar todo o enxoval, e electrodomésticos e utensilios que se utilicen no proceso de elaboración dos menús».

Todas as circunstancias antes apuntadas son as que levan a establecer os servizos mínimos concretados na presente orde, tentando deste xeito compatibilizar o contido esencial dos dereitos en conflito.

O artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, sobre prestación de servizos esenciais en caso de folga (DOG do 20 de xuño), en caso de exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, faculta a persoa titular da consellería competente por razón do servizo esencial afectado para que, mediante orde, determine a actividade mínima necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Por canto antecede, de conformidade co Decreto 155/1988, do 9 de xuño, e demais normativa citada, e oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1. Servizos mínimos

1. Terán a consideración de servizos mínimos os seguintes:

a) A persoa titular da dirección ou un membro do equipo de dirección, e un subalterno ou subalterna ou persoal con funcións análogas.

b) 1 profesor ou profesora por cada grupo de alumnado que teña prevista actividade lectiva nos días de folga.

c) 100 % do persoal de limpeza e de cociña e comedor.

2. A dirección do centro designará de forma nominal o persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no punto 1 deste artigo e procederá á súa publicación no taboleiro de anuncios do centro.

Artigo 2. Limitación de dereitos

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal na devandita situación.

Artigo 3. Garantía das persoas usuarias

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberán observarse as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias do establecemento docente.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade