Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 7 de setembro de 2020 Páx. 35203

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 26 de agosto de 2020 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en equipamentos para protexer as artes de pesca e as capturas fronte aos mamíferos e ás aves protexidas pola Directiva 92/43/CEE ou pola Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, para propietarios de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2020 o devandito procedemento (código de procedemento PE120A).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE, L347, do 20 de decembro de 2012) (en diante, disposicións comúns dos fondos EIE); e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os Regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1225/2011 do Parlamento europeo e do Consello (DOUE, L149, do 20 de marzo de 2014), constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca sustentable e respectuoso co ambiente para lograr os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da estratexia de Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13 de novembro de 2015, a Comisión aprobou o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para os efectos de concesión de axudas do devandito fondo neste Estado membro, de maneira que se contribúe á estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e as prioridades da Unión.

O sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa comunidade que ten o reto de contribuír á consecución de determinados obxectivos temáticos do Marco estratéxico común. Ademais, este sector ten que aproveitar ao máximo os fondos deste marco para vencer os novos retos que se presentan e, neste sentido, tanto o sector extractivo como o sector transformador terán que aproveitar todas as posibilidades que brindan estes instrumentos para lograr o obxectivo de sector competitivo, sustentable e respectuoso co ambiente.

En cumprimento das citadas disposicións, e dada a importancia económica e social da pesca en gran parte da franxa costeira da Comunidade Autónoma de Galicia, xa se ditaron cinco ordes para as convocatorias de 2016, 2017, 2018, 2019 e 2020 (Orde do 23 de setembro de 2016, DOG nº 187, do 30 de setembro; Orde do 31 de decembro de 2016, DOG nº 42, do 1 de marzo de 2017; a Orde do 19 de decembro de 2017, DOG nº 28, do 8 de febreiro de 2018; a Orde do 19 de decembro de 2018, DOG nº 12, do 17 de xaneiro de 2019; e a Orde do 5 de decembro de 2019 (DOG nº 245, do 26 de decembro de 2019), polas que se establecían as bases e se regulaba o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomentasen a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e convocábanse para o ano 2016, 2017, 2018, 2019 e 2020 respectivamente).

No momento actual e ante a situación aparecida no Golfo de Biscaia en relación coa aparición de cetáceos mortos, considérase adecuado realizar unha nova convocatoria dunha das liñas normalmente convocadas, que permitirá que as embarcacións de arrastre que traballan na zona (do Censo de arrastre de fondo do Cantábrico Noroeste e do Censo das frotas de altura, grande altura e buques palangreiros maiores e menores de 100 TRB que operan dentro dos límites xeográficos da NEAFC) poidan voluntariamente instalar dispositivos de disuasión destas especies mariñas (os coñecidos como pingers) con anticipación ao período de maior presenza destes animais no mar (que é a comezos de ano). Consecuentemente, é necesario facer esta convocatoria específica para esta cuestión, establecendo as bases así como procedendo á súa convocatoria para este ano 2020.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 e 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, e a convocatoria para 2020, de axudas destinadas á realización de actuacións por parte de propietarios de buques pesqueiros que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies, en particular en relación cos cetáceos mariños. O código do procedemento administrativo regulado por esta orde é o PE120A, para axudas que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies.

Artigo 2. Definicións

a) Para os efectos desta orde, establécense as seguintes definicións:

– Microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes): empresas con menos de 250 empregados e cun volume de negocios anual igual ou inferior a 50 millóns de euros. As empresas deberán cumprir os criterios de independencia segundo a Recomendación da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros terase en conta o indicado na citada recomendación.

– Innovación a bordo: investimentos novos ou substancialmente mellorados que non se estean aplicando no buque nin maioritariamente no segmento a que pertence.

– Proxecto vinculado: para os efectos da axuda para a limitación do impacto da pesca no medio mariño (primeira liña do artigo 3 desta orde), entenderase por proxectos vinculados o caso en que o 10 % dos buques dun mesmo caladoiro, segmento e porto base soliciten o mesmo investimento. Para que un proxecto teña esta consideración deberá figurar o nome de todos os buques no anexo VIII e asinar cada propietario que forme parte do proxecto vinculado o compromiso de realizar o investimento.

b) Para as definicións non incluídas na letra a) aplicaranse as definicións do Regulamento (UE) nº 1303/2013 relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE e do Regulamento (UE) nº 508/2014 relativo ao FEMP e, na súa falta, demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas terán como finalidade realizar investimentos que:

– Limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies (procedemento PE120A).

Artigo 4. Crédito orzamentario

1. Para o ano 2020 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723A.770.0, código proxecto 2016.00254 (limitar o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies) que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2020, e o importe total máximo das subvencións que se concedan no devandito exercicio orzamentario será de 300.000 euros.

2. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2014-2020) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2023, segundo dispón o artigo 65 punto 2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas aos fondos EIE.

3. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou, en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. A concesión das axudas queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

5. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (CA de Galicia) nun 25 %.

6. Poderanse adquirir compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 5. Persoas beneficiarias e requisitos xerais

Poderán ser persoas beneficiarias persoas físicas, xurídicas ou pluralidade de persoas físicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidade de bens que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser propietario dun buque de 3ª lista do Rexistro de matrícula de buques e empresas navieiras, incluído no Censo de arrastre de fondo do Caladoiro Nacional Cantábrico-Noroeste, ou no Censo das frotas de altura, grande altura e buques palangreiros maiores e menores de 100 TRB que operan dentro dos límites xeográficos da NEAFC, sempre e cando neste caso sexa da modalidade de arrastre.

2. O buque debe ter o porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e atoparse de alta no Rexistro de buques pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Rexistro xeral da frota pesqueira.

3. O buque para o cal se solicita axuda debe constituír un seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros.

4. No caso de buques cuxa primeira venda dos produtos que captura sexa en fresco e, por tanto, obrigatoria en lonxa, o volume de vendas que se obteña da suma das notas de venda durante o ano anterior ao da convocatoria deberá ser superior ao 50 % da media obtida para ese porto base e polo segmento de frota que figura no Rexistro de buques pesqueiros de Galicia (RBPG).

5. No caso de buques para os cales a primeira venda dos produtos que captura non sexa obrigada en lonxa, o buque debe dispoñer da autorización para realizar a devandita venda e debe transmitila ao órgano competente.

6. O buque non pode ter unha resolución desfavorable de regularización, salvo que posteriormente se regularizase, para o que deberá asinar o anexo IV.

7. Os investimentos para os cales se solicite axuda non poderán estar iniciados nin pagados antes de que se acredite que non se iniciaron, nos termos indicados no artigo 11 desta orde.

No caso de que o solicitante conte cunha certificación de non inicio anticipada, os investimentos non poderán estar finalizados nin completamente pagados antes de que os servizos da Consellería do Mar acrediten unha vez presentada a solicitude, que non están finalizados. No caso de que o barco estea fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, o órgano competente autorizará a persoa ou entidade encargada de facer esta certificación. Non obstante, o órgano competente poderá determinar que a inspección in situ se realice no porto base do buque.

8. Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

9. Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Non ter pendente de pagamento ningunha sanción firme por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

12. Non ter cometido infracción grave:

– Da PPC definidas como tales en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, durante os doce (12) meses anteriores á data da presentación de solicitudes. Se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, suporá un (1) mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

13. No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das comunidades europeas (DOUE serie C 316 do 27.11.1995).

14. Que non estea nin estivese nos últimos vinte catro (24) meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos doce (12) meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

15. Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

16. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

17. Á solicitude xuntaráselle unha declaración responsable por parte do solicitante, do representante ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 9 a 16 deste artigo.

Artigo 6. Requisitos específicos das persoas beneficiarias

1. Sen prexuízo do anterior, o buque debe ter unha actividade pesqueira no mar de cando menos sesenta (60) días durante os dous anos civís anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

2. O órgano xestor das axudas comprobará o cumprimento dos días de actividade pesqueira mediante sistemas de localización de buques. Se o buque non dispón destes dispositivos, a comprobación realizarase mediante a consulta dos datos dos rexistros oficiais de vendas.

Tamén se poderán consultar outros medios que, a xuízo do devandito órgano, acrediten suficientemente a actividade pesqueira e/ou a zona de faena da devandita actividade.

Artigo 7. Obrigas xerais das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación.

b) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, esta non pode:

– Cesar na actividade produtiva nin, no caso de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica e comunidades de bens, disolverse ata que finalice o devandito prazo.

– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.

– Cambiar a propiedade da infraestrutura ou dun elemento da infraestrutura de forma que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedente.

– Producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumpriron os requisitos.

Se o investimento é en infraestruturas ou en investimentos produtivos, deberá reembolsarse integramente a axuda se, nos dez (10) anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión, excepto cando a persoa beneficiaria sexa unha peme.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra de comprobación ou control financeiro que poidan realizar os órganos de control competente, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias. Con todo, tamén deberá conservar os devanditos documentos durante dous anos a partir de 31 de decembro do ano seguinte á presentación das contas por parte da administración, nas cales se incluíra a súa operación, para o que se lle informará da devandita data.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

f) Comunicar á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.

g) Comunicar á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

h) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, cando a axuda sexa de 100.000 euros ou superior ou cando o proxecto se considere relevante, segundo se indique na resolución de concesión.

i) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá cometer unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ser declarada culpable de cometer fraude nin estar incluída na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008.

Artigo 8. Investimento máximo subvencionable e intensidade das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de estado.

2. Nas axudas cuxa finalidade sexa a realización dun investimento, o importe do investimento subvencionable será o que se obteña da valoración das obras ou investimentos con criterios técnico-económicos, obxectivos e homoxéneos, de acordo cos informes emitidos.

3. A contía máxima da axuda será o 50 % do investimento máximo subvencionable a que se refire o punto 2 deste artigo. Se o beneficiario non é peme, a axuda será do 30 %.

Artigo 9. Investimentos obxecto de subvención e gastos subvencionables

1. Os investimentos que poderán ser obxecto de subvención son os seguintes:

Investimentos que limiten o impacto da pesca no medio mariño e a adaptación da pesca á protección das especies:

– En equipos para protexer as artes de pesca e as capturas fronte aos mamíferos e ás aves protexidas pola Directiva 92/43/CEE ou pola Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, coa condición de que non se limite a selectividade das artes de pesca e se apliquen todas as medidas idóneas para evitar o dano físico aos predadores.

Só se poderán conceder unha vez en todo o período do FEMP para o mesmo tipo de equipo/investimento no mesmo buque.

2. Non serán subvencionables:

– As operacións que incrementen a capacidade de pesca dun buque ou o equipamento que aumente a capacidade do buque de detectar peixes.

– As construcións ou importacións de buques.

– A pesca exploratoria.

– O imposto do valor engadido (IVE) nin outros impostos recuperables.

– As transferencias de propiedade dunha empresa.

– Non se financiarán nin a construción nin a adquisición de elementos, infraestruturas, artefactos, instalacións e equipamento que non supoñan unha mellora substancial nos procesos de produción, na calidade dos produtos ou melloras para o ambiente.

– Os gastos de reposición de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos, nin os gastos de mantemento das estruturas ou empresas, salvo que a nova adquisición supoña unha mellora substancial, ben pola tecnoloxía utilizada, polo seu rendemento, ou por unha mellora substancial nos procesos de produción ou na creación de emprego.

– As adquisicións de elementos, infraestruturas, instalacións e equipamentos de segundo uso e posteriores.

– A adquisición de elementos e todo tipo de bens que non sexan pagados por transferencias bancarias ou aqueles pagados mediante préstamos de entidades provedoras.

3. Se for o caso, serán subvencionables os gastos dos proxectos técnicos, que non poderán superar o límite do 12 % do investimento máximo subvencionable.

4. A elixibilidade das operacións basearase nos criterios de selección sinalados no artigo 113.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, aprobados polo comité de seguimento, e que, segundo se indica na citada norma, serán revisados de conformidade coas necesidades de programación.

Artigo 10. Compatibilidade das axudas

1. Os gastos cofinanciados por esta orde serán compatibles con outras liñas de axudas sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014.

2. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican no número anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.

Artigo 11. Certificación de non inicio

1. Con carácter xeral, as actuacións para as cales se solicita axuda non poderán estar iniciadas antes de que os servizos da Consellería do Mar acrediten, unha vez presentada a solicitude, o non inicio. No caso excepcional de que no momento da acreditación do non inicio o buque estea a faenar, deberase acreditar este feito e asinar unha declaración responsable segundo o anexo II, e será condición indispensable para o pagamento da axuda a realización da citada acreditación con anterioridade ao comezo dos traballos correspondentes aos investimentos solicitados.

2. Non precisarán da certificación a que fai referencia o número anterior os investimentos que se refiren a instalacións de equipamentos que non requiran a autorización para a súa instalación, sempre que o investimento declarado polo interesado sexa igual ou inferior a 6.000 euros.

Nestes supostos o non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable (anexo II) de que os investimentos non foron iniciados.

No caso de que estas actuacións se refiran a investimentos que requiran obras, precisarán da acta de non inicio realizada polos servizos da Consellería do Mar.

3. No caso de proxectos técnicos, o non inicio acreditarase mediante a factura, que poderá ser de data de ata tres (3) meses antes da presentación da solicitude, salvo no caso de non inicio anticipadas, que terá que ser posterior á data de realización da devandita acta.

4. Para a realización das actas de non inicio o interesado deberá poñer os medios necesarios que faculten a dita inspección, asumindo os gastos que deriven dela. Tamén se aplicará isto para os controis que deriven da letra c) do artigo 7, cando sexa necesario.

5. Non obstante o indicado no punto 2 deste artigo, para investimentos en buques e por causas xustificadas, poderase solicitar ao órgano competente que a certificación do non inicio sexa realizada por outros servizos:

5.1. No caso de que as obras se realicen noutra comunidade autónoma ou cando o buque estea noutra comunidade no momento de realización da acta, esta certificación poderá ser emitida polos servizos correspondentes desa comunidade autónoma.

5.2. Para obras que se realicen no estranxeiro ou se o buque está no estranxeiro, esta certificación poderá ser emitida por entidade ou organismo habilitado e debidamente acreditada coa inescusable intervención das autoridades españolas correspondentes (embaixada, consulado ou outras con capacidade para realizala).

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, o órgano competente poderá designar a persoa ou persoas para que se despracen ata onde estea o buque co fin de realizar a visita in situ e posterior certificación de non inicio; os gastos do devandito desprazamento serán por conta do solicitante da axuda. Aplicarase isto tamén para os controis que deriven da letra c) do artigo 7, cando sexa necesario.

Non obstante, o órgano competente poderá determinar que a inspección in situ se realice no porto base do buque.

6. A realización da certificación de non inicio en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

7. A realización da certificación de non inicio poderá dar lugar ao pagamento das correspondentes taxas.

Artigo 12. Prazo de presentación das solicitudes

Para esta convocatoria o prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 13. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado do anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Só se admitirá unha solicitude por barco.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidas pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para os efectos da presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse, mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación, utilizando o anexo XI da presente orde.

Artigo 14. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Anexo I de solicitude de axudas para investimentos que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies, código do procedemento (PE120A).

– Anexo II da declaración responsable de non inicio do investimento, se for o caso.

– Anexo III do formulario de investimento e anexo VIII de proxecto vinculado.

– Anexo IV, declaración de non ter resolución desfavorable a un proceso de regularización.

– Anexo V.1, de pluralidade de persoas físicas, se é o caso.

– Anexo V.2, de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, se é o caso.

– Anexo VI.1, declaración relativa á condición de peme de persoa/s física/s solicitante/s.

– Anexo VI.2, declaración relativa á condición de peme de persoas xurídicas.

– Anexo VI.3, declaración de persoa física partícipe en persoa xurídica.

– Anexo XI, nomeamento de representantes para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.

– Anexo XII de indicadores FEMP de axudas para investimentos que limiten o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies.

2. A documentación complementaria está formada por:

I) Se o solicitante é unha persoa física:

a) Declaración da renda da persoa solicitante dos dous últimos exercicios económicos pechados para os cales se cumpriu o prazo de presentación legalmente establecido.

II) Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais e da escritura de constitución.

b) Poder suficiente do representante, no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

c) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais individuais, depositadas no último exercicio económico pechado, incluíndo informe de auditoría, se é o caso.

d) Imposto de sociedades do último exercicio económico pechado en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

e) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas, depositadas pola persoa solicitante, ou certificación actualizada do Rexistro Mercantil das contas anuais consolidadas onde a persoa solicitante estea incluída por consolidación, do último exercicio económico pechado, incluído informe de auditoría consolidado, se é o caso.

f) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro central de penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

III) Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado e, na súa falta, co que figure en primeiro termo. Para os efectos do ingreso da subvención, a conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes:

a) Escritura de constitución da comunidade de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica, se é o caso. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación e especificar a porcentaxe de participación de cada un dos seus membros (anexo V.2).

b) No caso dunha comunidade de bens ou unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica que estea en réxime de atribución de rendas, deberán presentar o modelo 184 de declaración informativa de entidades en réxime de atribución de rendas, dos dous últimos exercicios económicos pechados para os cales se cumpriu o prazo de presentación legalmente establecido.

c) Anexo V.1 de pluralidade de persoas físicas ou anexo V.2 de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidade de bens.

d) Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.

e) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais desta entidade, obtido a través do Rexistro central de penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarada culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

f) Declaración da renda das persoas solicitantes dos dous últimos exercicios económicos pechados para os cales se cumpriu o prazo de presentación legalmente establecido.

Outra documentación complementaria:

IV) Declaración resumo anual do IVE do último exercicio económico pechado ou, no caso de non realizala, as liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE do último exercicio económico pechado para as cales se cumpriu o prazo de presentación legalmente establecido, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.

V) Liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE do exercicio en curso para as cales se cumpriu o prazo de presentación legalmente establecido, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, se é o caso.

VI) Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias, de cada solicitante, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de data posterior á data de publicación da orde.

VII) Cando o importe do gasto unitario supere a contía de 40.000 euros, no caso de execución de obras, ou de 15.000 euros, no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, a persoa beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores. A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a escolla deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

VIII) Facturas pro forma dos investimentos para os cales se solicita subvención, con descrición detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, instalacións, equipamentos e sistemas que os integran, achegando, se for o caso, os planos, esbozos ou vistas 3D necesarios para a súa correcta definición e, se for o caso, certificado de importación.

IX) Certificación actualizada do Rexistro de bens mobles, sección de buques, acreditativa da propiedade do buque e o estado de cargas ou gravames deste, ou solicitude da devandita certificación ante o Rexistro, sen prexuízo da achega da devandita certificación previa a ditarse a proposta de resolución.

X) Folla de asento actualizada (expedida nos tres (3) meses anteriores contados desde a data de publicación desta orde) ou acreditación de tela solicitado, sen prexuízo da achega da folla de asento previa a ditarse a proposta de resolución.

XI) Seguro que garanta a cobertura de danos a terceiros.

XII) Se a realización do investimento require proxecto técnico ou planos, deberá achegarse e estar asinado por un técnico competente. Tamén deberá entregarse en soporte informático (formato jpg ou pdf). Deberán achegarse os planos de antes e despois da realización do investimento que se solicita.

XIII) Se a axuda é para limitar o impacto da pesca no medio mariño e adaptación da pesca á protección das especies e se trata dun proxecto vinculado, segundo a definición establecida nesta orde, deberá asinar o compromiso de execución do investimento que figura no anexo VIII e indicar o nome de todos os buques involucrados.

XIV) Declaración doutras axudas (xa incluído no anexo I), no caso doutras axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto. Só se presentará a resolución de concesión no caso de que se opoña expresamente á súa consulta.

XV) Informe de riscos actualizado expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España con data posterior á da publicación da orde, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.

XVI) Plan de financiamento do proxecto:

a) Informe en que se indique a forma en que se vai financiar o proxecto, especificando se se realizará con recursos propios, alleos ou con ambos os tipos de financiamento.

b) Documentación xustificativa do tipo de financiamento:

Recursos propios:

– Certificados bancarios actualizados debidamente asinados e selados das contas do solicitante onde conste o seu titular ou titulares, o tipo de conta (corrente, aforro, a prazos, etc. –as contas de crédito considéranse recursos alleos–) e os fondos dispoñibles para realizar o investimento. No caso de que o tipo de conta non sexa unha conta corrente ou conta de aforro, deberase indicar a dispoñibilidade desta ou, en caso contrario, o prazo de vencemento.

– Ampliación de capital: escritura notarial de ampliación de capital en diñeiro, a súa correspondente inscrición no Rexistro Mercantil e os certificados bancarios dos desembolsos.

Recursos alleos:

– Préstamos formalizados con entidades de crédito: póliza de préstamo vixente debidamente intervida ante notario.

– Pólizas de crédito formalizadas con entidades de crédito: póliza de crédito vixente (última renovación), debidamente intervida por un notario, e certificado bancario actualizado debidamente asinado e selado, onde se identifique o número da póliza de crédito a que fai referencia, o límite da póliza, o importe dispoñible e disposto.

– Préstamos formalizados con socios: contrato de préstamo entre socios, debidamente asinado por prestamista e prestameiro, certificados bancarios dos desembolsos daquel, daquel, e a liquidación definitiva do imposto correspondente no organismo competente, se é o caso.

Noutros casos, achegarase a documentación financeira correspondente (non se admitirán préstamos de entidades provedoras).

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa física solicitante. Cando as pretensións correspondan a unha pluralidade de persoas físicas, DNI/NIE de todas elas.

b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica, ou da persoa representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude, segundo sexa o caso.

d) NIF da persoa xurídica solicitante, da entidade ou agrupación sen personalidade xurídica ou da comunidade de bens, segundo corresponda.

e) Certificación de que a persoa solicitante estea ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Certificación de que cada persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Certificación de que cada persoa solicitante está ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

h) Consulta de acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións obtida da Consellería de Facenda (Atriga).

i) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, emitido pola unidade de sancións e reclamacións da Xefatura Territorial correspondente da Consellería do Mar.

j) Consulta de non estar en concurso de acredores, artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obtida a través do Rexistro público concursal do Ministerio de Xustiza.

k) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

l) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais, no caso de persoas físicas ou de pluralidade de persoas. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, certificado de carecer de antecedentes penais dos seus integrantes. Os certificados deberán ser obtidos a través do Rexistro central de penados do Ministerio de Xustiza, e deberán conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

m) Consulta do sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda de non ser declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP.

n) Consulta de non estar nin ter estado nos últimos vinte e catro (24) meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR obtida a través da base de datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

o) Autorización ou solicitude de autorización da Consellería do Mar para a realización do investimento previsto, no caso de que esta sexa necesaria.

p) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

q) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro oportuno habilitado nos formularios correspondentes e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Tramitación de solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases, implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. Inicio do expediente.

O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Mar nos servizos centrais, analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, se for o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos imprescindibles recollidos no artigo 14.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixe, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5, punto 16, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os cales solicita a axuda.

Non se considerarán aumento do importe total do investimento as diferenzas ou erros materiais que se poidan dar ao transcribir nos anexos o importe das facturas pro forma.

5. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, darase a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes que fará a Comisión de Selección.

6. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, no cal se indicarán as causas que o motivan.

B) Fase de avaliación das solicitudes.

Os proxectos que se financien deberán acomodarse ao programa operativo (PO) do FEMP.

I) Criterios xerais de avaliación.

1. Avaliaranse os proxectos segundo criterios xerais en que se terá en conta a súa idoneidade co programa operativo do FEMP.

2. Esta avaliación será realizada, preferentemente, por persoas cunha idónea cualificación e/ou experiencia dos organismos intermedios ou doutras organizacións que poidan fornecer valor engadido a esta avaliación.

3. Para a valoración da idoneidade coa Europa 2020 e ao programa operativo do FEMP terase en conta:

– Adecuación do proxecto á análise DAFO do programa operativo (PO) do FEMP e ao cumprimento dos fins do seu obxectivo específico: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Contribución do proxecto á consecución dos indicadores de resultado do PO: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

– Implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, indicadores de resultados ou plans estratéxicos: alto (4 puntos), medio (2 puntos), baixo (1 punto), nulo (0 puntos).

O órgano instrutor emitirá un informe de idoneidade para cada solicitude que alcanzase esta fase no cal se cualificará o proxecto de significante (alto: > 7 puntos), razoable (medio: ≤ 7, > 5), deficiente (baixo: ≤ 5) e inadecuado (nulo ≤ 2) en función dos puntos totais que obteña.

Os proxectos que sexan cualificados como inadecuados non poderán continuar tramitándose e formularase proposta de resolución previa á resolución desfavorable da axuda. Na resolución de denegación da axuda indicaranse as causas que a motivan.

II) Criterios específicos de valoración.

1. Unha Comisión de Selección valorará os criterios específicos de cada proxecto de acordo co establecido nesta liña.

2. Os criterios poderanse modificar en cada convocatoria durante a vixencia do FEMP.

3. Para o ano 2020 os criterios que servirán de base para a determinación da prelación da solicitude serán, segundo a finalidade da axuda, os que se relacionan a seguir:

– O proxecto ten un encaixe colectivo, é dicir, o 10 % dos buques dun mesmo caladoiro, segmento e mesmo porto base solicitan o mesmo investimento, é dicir, son proxectos vinculados: 70 puntos.

– Financiamento propio do proxecto (fórmula do anexo IX).

• O financiamento con fondos propios é igual ou superior ao 40 %: 30 puntos.

• O financiamento está entre o 15 % e menos do 40 %: 20 puntos.

• O financiamento está entre o 1 % e menos do 15 %: 10 puntos.

• O financiamento é inferior ao 1 %: 0 puntos.

En caso de empate, terán preferencia aqueles investimentos realizados por embarcacións do Censo de arrastre de fondo no Caladoiro Nacional Cantábrico Noroeste, en atención á menor capacidade financeira.

C) Fase de selección.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección procederá a formular a proposta de resolución de concesión das axudas.

2. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención e indicarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios fixados nesta orde e indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida ata esgotar as dispoñibilidades orzamentarias. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da subvención para cada un deles.

3. A Comisión de Selección, se for o caso, establecerá unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria, non obteñan a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. Nesta lista de reserva indicaranse os expedientes seleccionados ordenadamente de acordo coa puntuación obtida.

4. No caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

5. O presidente da Comisión de Avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 18. Comisión de Selección

1. Os expedientes serán avaliados por unha Comisión de Selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A composición da Comisión Avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: subdirector/a xeral de Innovación Tecnolóxica.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo presidente e a Xefatura do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, que exercerá como secretaría.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección. No caso de excepcional ausencia do presidente, actuará como tal o secretario.

4. A reunión da Comisión de Selección poderá celebrarse presencial ou telematicamente.

5. A Comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira a documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A Comisión Avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá celebrar cantas sesións considere necesarias emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 19. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de tres (3) meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez notificada a dita resolución, o interesado terá un prazo de dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

5. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; os prazos e modo de pagamento da subvención; e o prazo e a forma de xustificación por parte da persoa beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se cobra a subvención.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o dito enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados, en ambos os casos, desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver o establecido no artigo 20, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados, en ambos os casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 22. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, e antes da presentación da xustificación de cobramento, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á súa modificación.

2. A autorización para a modificación dos termos en que foi concedida a axuda quedará condicionada aos seguintes requisitos:

a) Que o proxecto modificado non poida dar lugar a unha nova análise da solicitude.

b) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

c) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

e) Que o proxecto modificado, no caso de que fose presentado co resto das solicitudes, resultase seleccionado na concesión inicial, seguindo os criterios de selección fixados.

3. As solicitudes de modificacións deberá comunicalas a persoa beneficiaria, por escrito, con anterioridade á súa realización nun prazo non inferior a dous (2) meses antes da data límite de xustificación do investimento e requirirá resolución expresa da Consellería do Mar. No escrito a persoa beneficiaria deberá deixar constancia debidamente motivada das razóns que aconsellan a modificación proposta.

4. Non se admitirán nin se aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 60 % do investimento inicialmente aprobado e en ningún caso poderán supoñer un incremento da subvención concedida.

5. Non obstante o indicado nos parágrafos anteriores, poderanse autorizar modificacións que se orixinen por causas de forza maior ou situacións sobrevidas suficientemente xustificadas que, en todo caso, deberán ser apreciadas polo órgano concedente e debidamente motivadas.

6. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas, excepto nos casos de enfermidade que dificulte ou imposibilite a realización desta actividade, sucesión mortis causa, adquisición da propiedade como consecuencia de procesos de disolución e liquidación de persoas xurídicas, operacións de fusión ou escisión parcial ou total de sociedades ou naqueloutros casos en que, a xuízo do órgano competente para a concesión das axudas, a transmisión da propiedade do investimento subvencionado e a subrogación do novo propietario na posición do solicitante ou persoa beneficiaria non desvirtúe a finalidade das axudas e non produza enriquecemento. En calquera caso, a nova persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

7. As modificacións nos prazos de xustificación dos investimentos terán a consideración de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, por tanto, deberán tramitarse de acordo co establecido no presente artigo.

8. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, en que se dará audiencia ao interesado. Con todo, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 23. Actas de fin de obra/investimento

1. A realización do investimento xustificarase mediante a oportuna acta de fin de obra/investimento mediante certificación dos servizos da Consellería do Mar, que se solicitará coa propia presentación do expediente para o pagamento, nos mesmos termos e condicións establecidos no artigo 11, puntos 5 a 7.

2. Exceptúanse dos puntos anteriores aqueles investimentos en que o importe da subvención sexa inferior a 9.000 euros. Nestes casos a realización do investimento xustificarase coas facturas e a certificación bancaria dos pagamentos correspondentes ás devanditas facturas, así como cunha declaración responsable do interesado (anexo VII) de que o dito investimento foi realizado segundo a resolución de concesión.

A consellería poderá, en calquera momento, realizar as comprobacións que considere oportunas para verificar a efectiva e correcta realización dos investimentos antes mencionados.

Artigo 24. Prazos de execución, xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, o prazo para a xustificación material e documental dos investimentos será o 30 de novembro de 2020, salvo que a resolución individual de concesión da axuda dispoña dun prazo distinto.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa, procederase segundo o artigo 45 do Regulamento de subvencións.

3. Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o investimento obxecto da axuda e a súa xustificación estean realizados de conformidade coa resolución de concesión, integramente finalizado e totalmente pagado. A acreditación da realización do investimento realizarase coa certificación de fin de obra, regulada no artigo 24 desta orde.

No caso de que a axuda sexa un proxecto vinculado só se poderá pagar se todos os buques realizan o devandito investimento.

b) Que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigacións tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Igualmente, a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

4. As solicitudes de pagamento presentaranse conforme o disposto no artigo 13 desta orde reguladora, en calquera das formas previstas nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes deberán conter a seguinte documentación:

– Anexo X, relativo á declaración responsable doutras axudas e compromiso do requisito de admisibilidade.

– Facturas detalladas do investimento realizado.

No caso de que os beneficiarios sexan unha pluralidade de persoas, as facturas deben ter sido emitidas a nome de cada beneficiario pola porcentaxe de axuda concedida que lle corresponda segundo o indicado na resolución de concesión.

– Documento de concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos e para a instalación e o funcionamento do establecemento, no caso de non achegalo antes da concesión da axuda.

– Certificación bancaria acreditativa dos pagamentos realizados correspondentes ás mencionadas facturas. Os certificados bancarios indicarán a factura ou facturas que soportan. Os pagamentos teranse que realizar obrigatoriamente mediante transferencia bancaria.

No caso de que os beneficiarios sexan unha pluralidade de persoas, os pagamentos deben estar realizados a nome de cada beneficiario pola porcentaxe de axuda concedida que lle corresponda segundo o indicado na resolución de concesión.

– Anexo VII, declaración responsable de fin de obra, se for o caso.

– Para as axudas en servizos de asesoramento para fomentar a pesca sustentable: presentar os traballos de asesoramento que inclúan as tarefas realizadas.

5. No caso de que o investimento fose xustificado por menor contía que a considerada como elixible inicialmente, minorarase a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración na xustificación da axuda non afecte aspectos fundamentais do proxecto e non supoña unha execución deficiente deste. En calquera caso, unha xustificación inferior ao 60 % do investimento inicialmente concedido implicará a perda ao dereito de cobramento da axuda.

6. No suposto de falta de xustificación documental ou material, a persoa beneficiaria perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, segundo os casos.

Artigo 25. Garantías

1. No caso de axudas con varias anualidades, será necesario para o pagamento de cada unha delas, excepto a última, a presentación dunha garantía en forma de aval bancario do 110 % da cantidade pagadoira, segundo o previsto nos artigos 62 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estes avais deberán presentarse ante a Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o previsto no capítulo II do título IV do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o cal se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

4. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios das subvencións concedidas cuxos pagamentos non superen os 18.000 euros, segundo o previsto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, se for o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción do dereito comunitario por parte da persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou ás entidades previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquelas cumpran as obrigacións previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 29. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os devanditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo devandito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 30. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputa, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no devandito artigo, se for o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e os seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 de disposicións comúns e a remisión á Base nacional de subvencións.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recompilados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Mar, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. No entanto, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda, á Secretaría Xeral de Pesca e á Intervención xeral da C.A. de Galicia coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación do PO do FEMP.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ás disposicións comúns dos fondos estruturais e de investimentos europeos; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional terceira

Delégase na directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición final primeira

Facúltase a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición final segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2020

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IX

Investimento en activos produtivos.

I.A.P.=

Investimentos activos produtivos

____________________________

%

Investimentos totais en inmobilizado

Financiamento propio.

FPP=

Recursos propios achegados ________________________

%

Investimento total

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file