Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 28 de agosto de 2020 Páx. 34175

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2020 pola que se acorda levantar a suspensión das prácticas que se realicen en calquera centro sanitario situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

A aparición do COVID-19 xerou unha crise sanitaria, económica e social sen precedentes e de enorme magnitude, tanto cuantitativa como cualitativa, que afecta a cidadanía e os seus dereitos. A especial incidencia do COVID-19 motivou que se ditase o Real decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria, en que figuran unha serie de medidas dirixidas a protexer a saúde e seguridade da cidadanía, conter a progresión da enfermidade e reforzar o sistema de saúde pública.

O día anterior, o 12 de marzo de 2020, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade pola que se lle daba publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, dese mesmo día, polo que se adoptaban as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Entre as medidas preventivas que se adoptaron figuran a da «suspensión das prácticas que se realizan en calquera centro sanitario situado na Comunidade Autónoma de Galicia nos graos en Ciencias da Saúde ou doutras titulacións e ciclos formativos. Inclúense nesta epígrafe as prácticas dos ciclos formativos de formación profesional» (letra e) do punto primeiro do acordo).

Tras os escenarios de contención e mitigación da pandemia, a tendencia decrecente no número de novos casos fixo posible o inicio da etapa de desaceleración, ao abeiro do disposto no Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que ten por obxecto establecer as medidas urxentes de prevención, contención e coordinación necesarias para enfrontar a crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, así como previr posibles rebrotes, con vistas á superación da fase III do Plan para a transición cara unha nova normalidade.

Aínda que non recolle un precepto específico acerca da realización de prácticas formativas en materia de saúde, para o caso que esas se desenvolvan en centros sanitarios, cómpre atender ao disposto no artigo 8 do citado real decreto lei, relativo a centros, servizos e establecementos sanitarios, en que a Administración sanitaria competente garantirá a adopción das medidas organizativas, de prevención e hixiene para asegurar o benestar dos traballadores e os pacientes. Así mesmo, garantirá a dispoñibilidade dos materiais de protección necesarios nas localizacións pertinentes, a limpeza e desinfección das áreas utilizadas e a eliminación de residuos, así como o mantemento adecuado de equipamentos e instalacións.

Así mesmo, no seu artigo 16 establece, respecto doutros sectores de actividade, que as administracións competentes deberán asegurar o cumprimento por parte dos titulares de calquera outro centro, lugar, establecemento, local ou entidade que desenvolva a súa actividade nun sector distinto dos mencionados nos artigos anteriores, ou polos responsables ou organizadores dela, cando poida apreciarse risco de transmisión comunitaria do COVID-19 consonte o establecido no artigo 5 das normas de capacidade, desinfección, prevención e acondicionamento que aquelas establezan. En todo caso, deberase asegurar que se adopten as medidas necesarias para garantir unha distancia interpersoal mínima de, polo menos, 1,5 metros, así como o debido control para evitar as aglomeracións. Cando non sexa posible manter esa distancia de seguridade, observaranse as medidas de hixiene adecuadas para previr os riscos de contaxio.

O 13 de xuño de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do mesmo día, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

No punto 4.2 establece as medidas específicas relativas a centros, servizos e establecementos sanitarios, indicando que os titulares ou directores dos distintos centros, servizos e establecementos sanitarios, de natureza pública ou privada, deberán adoptar as medidas organizativas, de prevención e hixiene necesarias do seu persoal traballador e dos pacientes, co obxecto de aplicar as recomendacións emitidas nesta materia, relativas á distancia de seguridade interpersoal, uso de máscaras en sitios pechados de uso público, capacidade, hixiene de mans e respiratoria, así como calquera outra medida que establezan as autoridades competentes. Estas medidas deberán aplicarse na xestión dos espazos do centro, accesos, zonas de espera e na xestión das citas dos pacientes, así como na regulación de acompañantes ou visitas, tendo en conta a situación e actividade de cada centro. Así mesmo, adoptarán as medidas necesarias para garantir a protección da seguridade e saúde do seu persoal traballador, a limpeza e desinfección das áreas utilizadas e a eliminación de residuos, así como o mantemento adecuado dos equipamentos e instalacións. Estarán obrigados a colaborar coas autoridades sanitarias e de política social nos labores de vixilancia, prevención e control do COVID-19.

Actualmente, dentro do contexto que permite a nova normalidade, e mantendo necesariamente as medidas de seguridade e hixiene vixentes en cada caso, cóidase oportuno adoptar as medidas encamiñadas a recuperar a actividade formativa presencial no eido sanitario, suspendida co gallo das medidas de contención adoptadas para paliar os efectos do impacto económico e social derivado da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, ao abeiro do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, e en vista da situación epidemiolóxica en Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar o levantamento da suspensión das prácticas dos ciclos formativos de formación profesional, dos graos e mestrados universitarios tanto de titulacións de Ciencias da Saúde como doutras titulacións que se desenvolven en calquera centro sanitario situado na Comunidade Autónoma de Galicia, a partir do día 1 de setembro de 2020.

Segundo. Para os efectos do restablecemento das prácticas que se desenvolvan en calquera centro sanitario situado na Comunidade Autónoma de Galicia, o proceso de incorporación do alumnado ás prácticas presenciais realizarase segundo as medidas, indicacións e recomendacións incluídas nos protocolos que estableza a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) e as autoridades sanitarias.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade