Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Xoves, 20 de agosto de 2020 Páx. 33051

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento, con carácter experimental, dos cursos de especialización de formación profesional no ano académico 2020/21 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, na súa redacción modificada na Lei orgánica 4/2011, do 11 de marzo, complementaria da Lei de economía sustentable, establece no seu artigo 10 que o goberno, logo de consulta ás comunidades autónomas e mediante real decreto, poderá crear cursos de especialización para complementar as competencias de quen xa dispoña dun título de formación profesional. A superación da formación requirida para adquirir as competencias asociadas a unha especialización acreditarase mediante unha certificación académica.

No artigo 4 do Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, indícase que as ensinanzas da formación profesional do sistema educativo ordénanse nos ciclos formativos de grao medio e de grao superior e nos cursos de especialización.

Este Real decreto 1147/2011 dedica o seu capítulo IV do título I aos cursos de especialización, e establece que terán por obxecto complementar as competencias das persoas que xa dispoñan dun título de formación profesional e, desta forma, facilitar a aprendizaxe ao longo da vida. Así mesmo, recolle que versarán, dentro do seu mesmo nivel de formación, sobre os aspectos e áreas que impliquen afondar no campo de coñecemento dos títulos de referencia, ou ben unha ampliación das competencias que se inclúen neles, e que o real decreto que regule o curso de especialización deberá especificar os títulos de formación profesional que dan acceso a este. A súa duración, con carácter xeral, estará entre 300 e 600 horas de formación e nalgúns cursos poderase incorporar o módulo profesional de Formación en centros de traballo (FCT) que se axustará ao establecido para o módulo de FCT para os ciclos formativos de formación profesional.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, que establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia, recolle no seu artigo 19 que as ofertas de accións formativas de formación profesional irán dirixidas á adquisición e á mellora das competencias e das cualificacións profesionais, promoverán a formación permanente e organizaranse en ciclos formativos e en cursos para unha maior especialización ou formación específica para determinados colectivos, co fin de que as persoas avancen no seu itinerario de formación profesional independentemente da súa situación en cada momento.

Unha vez publicados os reais decretos que establecen cursos de especialización e fixan os aspectos básicos do currículo (BOE do 22 de marzo de 2019 e BOE do 13 de maio de 2020), na Orde do 17 de xuño de 2020 pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo, polo réxime ordinario, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2020/21, autorizouse a implantación de cinco cursos de especialización.

Dadas as especiais características dos cursos de especialización, a súa alta especialización, a incorporación no seu currículo de competencias de sectores produtivos emerxentes, a súa organización específica e a súa posta en marcha con carácter experimental no curso 2020/21, os centros deberán contar cos recursos específicos que permitan o adecuado desenvolvemento das ensinanzas.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ten en marcha un plan global para o desenvolvemento dos cursos de especialización fundamentado na participación activa dos profesionais dos sectores produtivos, os clúster, as asociacións, os centros de investigación etc. na formación e capacitación do profesorado, na formación do alumnado e na cesión de equipamento e/ou instalacións. Este plan ten como finalidade última garantir a mellor formación e capacitación do alumnado, un alto coñecemento do sector e unha óptima inserción profesional.

Por todo isto, tendo en conta a normativa que regula as ensinanzas de formación profesional do sistema educativo de Galicia, en particular a Orde do 12 de xullo de 2011 que regula o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, é preciso ditar as instrucións para o desenvolvemento dos cursos de especialización no curso 2020/21 e, na súa virtude, esta dirección xeral,

DISPÓN:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto ditar instrucións para o desenvolvemento, con carácter experimental, dos cursos de especialización de Formación Profesional no ano académico 2020/21 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto dos cursos de especialización

Os cursos de especialización terán por obxecto completar as competencias daquelas persoas que dispoñan dun título profesional de referencia e incorporar na formación do alumnado as últimas innovacións do sistema produtivo, nomeadamente dos ámbitos emerxentes.

Terceiro. Normativa aplicable aos cursos de especialización

Con carácter xeral, aos cursos de especialización seralles de aplicación a normativa que regula os ciclos formativos de grao medio e de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo naqueles aspectos que se recollen nesta resolución.

Cuarto. Currículo

Segundo o artigo 27 do Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, o real decreto que establece cada un dos cursos de especialización incorpora a especificación completa da formación e, polo tanto, o seu currículo.

Quinto. Réxime e modalidade

Os cursos de especialización, durante o curso académico 2020/21, realizaranse polo réxime ordinario, na modalidade presencial, aínda que parcialmente se poderán realizar utilizando instrumentos e ferramentas de formación a distancia.

Sexto. Horario e duración

1. Coa finalidade de facilitar a formación de persoas traballadoras ou con cargas familiares, os cursos de especialización impartiranse en horario de tarde e de noite.

2. A duración anual en horas e a distribución horaria semanal dos módulos profesionais dos cursos de especialización con oferta na Comunidade Autónoma de Galicia estarán dispoñibles no portal www.edu.xunta.es/fp, na epígrafe «Currículos», «Cursos de especialización».

Sétimo. Matrícula

O alumnado formalizará a matrícula do curso de especialización, o que lle dá dereito a unha única convocatoria para cada un dos módulos profesionais dos cales se matricula, que se esgotará cando se realice a avaliación final de módulos do curso.

Oitavo. Programacións

Na elaboración de programacións estarase ao disposto para os ciclos de formación profesional, incluída a disposición transitoria cuarta da Orde do 12 de xullo de 2011, que establece que durante o primeiro curso académico en que se imparta un módulo profesional, substituirase a epígrafe de elaboración das actividades de ensino e aprendizaxe por unha de recursos e método.

Noveno. Metodoloxía e organización

1. Tendo en conta o carácter experimental dos cursos de especialización no curso 2020/21, e sempre atendendo ás posibilidades dos centros educativos, poderanse utilizar metodoloxías activas de aprendizaxe nos diferentes módulos profesionais, organizando o curso de especialización por competencias profesionais que dean resposta aos resultados de aprendizaxe e aos seus criterios de avaliación.

2. A docencia dos módulos dos cursos de especialización na modalidade presencial poderase alternar con sesións realizadas por medios telemáticos.

3. Tendo en conta a alta especialización destas ensinanzas e que tanto a formación recibida como as competencias adquiridas polo alumnado deberán estar intimamente ligadas aos sectores produtivos de Galicia, na docencia, presencial ou de forma telemática, poderase contar coa participación puntual, activa e directa, de expertos de empresas, institucións, institutos de investigación etc., nomeadamente do contorno galego.

4. Os centros poderán organizar a docencia de cada un dos módulos profesionais condensada nunha parte do curso académico ou a longo do todo o curso.

Décimo. Titoría

1. Cada grupo de alumnos e alumnas dun curso de especialización terá un profesor ou unha profesora que desempeñará a titoría. Este profesorado pertencerá ao equipo que imparta docencia.

2. Ademais das funcións que establezan os regulamentos orgánicos dos centros en que se impartan estas ensinanzas, e as recollidas no artigo 21 da Orde de 12 de xullo de 2011, no caso de optar por metodoloxías activas de aprendizaxe organizando o curso de especialización por competencias profesionais, a persoa encargada da titoría coordinará a docencia das distintas competencias profesionais e o seu seguimento.

Décimo primeiro. Avaliación

1. Coa finalidade de axustar os procedementos e os tempos de avaliación á duración variable dos cursos de especialización (con carácter xeral, de 300 a 600 horas), o equipo docente poderá optar pola realización de dúas ou tres sesións de avaliacións parciais de módulos, e unha sesión de avaliación final.

En calquera caso, a última avaliación parcial de módulos coincidirá coa avaliación final do curso de especialización.

2. A acta de avaliación parcial de módulos e a acta de avaliación final axustaranse ao modelo dispoñible na aplicación informática Xade.

3. No caso de optar por metodoloxías activas de aprendizaxe organizando o curso de especialización por competencias profesionais, a avaliación deseñarase de forma conxunta por todo o profesorado tendo en conta as competencias adquiridas e os diferentes indicadores ou criterios concretados na programación.

Décimo segundo. Perda do dereito a avaliación continua

A perda do dereito a avaliación continua non será de aplicación ao alumnado de cursos de especialización.

Décimo terceiro. Módulo de Formación en centros de traballo

1. Segundo o artigo 27 do Real decreto 1147/2011, os cursos de especialización poderán incorporar ou non o módulo de Formación en centros de traballo, que se axustará o establecido para este módulo de FCT dos ciclos formativos de formación profesional. Nos reais decretos polos que se establece cada un dos cursos de especialización determínase a incorporación ou non deste módulo.

2. O módulo de Formación en centros de traballo poderase realizar en calquera momento do desenvolvemento do curso de especialización, nun único período ou en períodos fraccionados.

3. Con independencia do momento en que se realice o módulo de FCT, a cualificación deste módulo consignarase na avaliación final.

Décimo cuarto. Certificación e acreditación

1. Segundo o artigo 52 do Real decreto 1147/2011, a superación dun curso de especialización acreditarase mediante unha certificación académica con validez en todo o territorio nacional.

Esta certificación será emitida pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. Aquel alumnado que non supere na súa totalidade as ensinanzas do curso de especialización terá dereito a que se lle expida un certificado académico segundo o modelo dispoñible en Xade.

Décimo quinto. Profesorado

1. Tendo en conta a alta especialización dos cursos de especialización, a incorporación no seu currículo de competencias de sectores produtivos emerxentes, a súa organización específica e a súa posta en marcha con carácter experimental no curso 2020/21, o equipo docente dos cursos de especialización contará:

a) Cun plan de formación continuo específico elaborado en colaboración con empresas, institucións, institutos de investigación etc., nomeadamente do contorno galego.

b) Cunha bolsa de horas, entre as que teñen carácter lectivo, suficientemente ampla, que permita ao profesorado organizar e desenvolver a formación, co fin de acadar a excelencia na cualificación e competencia do alumnado.

2. A asignación de profesorado a cada un dos módulos do curso de especialización realizarase con carácter prioritario co profesorado formado especificamente pola Administración educativa para tal fin ou que acredite dispor de titulación, experiencia profesional ou formación adecuada.

Disposición adicional. Temporización da formación

Dadas as particularidades e duración dos cursos de especialización, o seu desenvolvemento terá lugar entre outubro de 2020 e xuño de 2021. Os centros educativos informarán o alumnado desta circunstancia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2020

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa