Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 19 de agosto de 2020 Páx. 32936

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición da Fundación Pictoaplicaciones no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pictoaplicaciones, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 4 de xuño de 2020, a Fundación presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Pictoaplicaciones constituíuna en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 26 de maio de 2020, ante o notario José Manuel Amigo Vázquez, co número de protocolo 1.104, a entidade Grupo Promedia Soluciones Multimedia para Empresa, S.L., que actúa representada neste acto polos seus administradores solidarios Gonzalo García Figueroa e José Miguel García García.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto: «promover actividades de aplicación, formación, divulgación, promoción, estudo e investigación relacionadas cos campos das persoas con capacidades diferentes, a educación, as novas tecnoloxías, o desenvolvemento e a cultura, así como outros campos relacionados cos anteriores que permitan unha optimización dos recursos da Fundación e melloren a inclusión e a calidade de vida de persoas con capacidades diferentes».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Miguel García García, como presidente; María Dolores Lago Rincón, como vicepresidenta; Gonzalo García Figueroa, como secretario, e a entidade Grupo Promedia Soluciones Multimedia para Empresa, S.L., representada por Gonzalo García Figueroa, como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Pictoaplicaciones, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 2 de xullo de 2020 (DOG núm.  39, do 14 de xullo), clasificouse de interese educativo a Fundación Pictoaplicaciones e adscribiuse á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Pictoaplicaciones, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no devandito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Pictoaplicaciones.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2020

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Universidade e Formación Profesional