Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Martes, 18 de agosto de 2020 Páx. 32844

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2020 pola que se amplían os prazos máximos de execución dos proxectos e de presentación da xustificación e solicitude de cobramento da Resolución do 19 de decembro de 2018, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva.

No Diario Oficial de Galicia núm. 13, do 18 de xaneiro de 2019, publicouse a Resolución do 19 de decembro de 2018 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva.

No parágrafo segundo do Resolvo quinto establécese que o prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de setembro de 2021.

Así mesmo, no parágrafo sexto do Resolvo quinto establécese que para aqueles proxectos cuxo prazo de execución remate entre o 10 e o 30 de setembro de 2021, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de outubro de 2021.

Non obstante, mediante a disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, indicándose expresamente que o seu cómputo reanudarase no momento en que perda vixencia o antedito Real decreto e as súas prórrogas.

Posteriormente, mediante a Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 6 de maio de 2020 (DOG núm. 90, do 11 de maio de 2020), acórdase a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral no ámbito da consellería durante a vixencia do estado de alarma, nomeadamente a Resolución do Igape do 19 de decembro de 2018 que aproba as axudas aos proxectos de investimento empresarial, con entrada en vigor o día seguinte ao da súa publicación, isto é, o 12 de maio de 2020.

O disposto nos parágrafos anteriores implica que o prazo de vixencia das axudas recollidas nas presentes bases estivo interrompido durante 59 días naturais, polo que é preciso engadir tal período á data máxima de finalización do prazo de execución do proxecto fixado nas bases reguladoras, establecendo, polo tanto, a dita data no 29 de novembro de 2021.

Tendo en conta o número de solicitudes pendentes de resolución e o disposto no artigo 7.3 das bases reguladoras das axudas –mediante o que se establece que o prazo de execución do proxecto será o establecido na resolución de concesión e, en todo caso, comprendido entre o día seguinte ao da presentación da solicitude e os 12 meses seguintes á data de notificación da resolución de concesión–, e tendo en conta ademais a situación actual de crise provocada polo COVID-19, en que os investimentos en execución poden ou poderán verse afectados por atrasos ou paros como consecuencia das medidas de prevención e protección fronte á enfermidade, resulta conveniente outorgar ao beneficiario un prazo de execución do proxecto suficiente desde a data da notificación da resolución de concesión, polo que cómpre ampliar o prazo máximo de execución e, en consonancia, o de presentación da xustificación e solicitude de cobramento, fixados inicialmente nas bases reguladoras.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo 1

Fixar no 31 de marzo de 2022 a data da cal non pode exceder o prazo de execución dos proxectos que se estableza na resolución de concesión, establecida no parágrafo segundo do Resolvo quinto da Resolución do 19 de decembro de 2018 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2

O beneficiario deberá presentar a xustificación dos investimentos e a solicitude de cobramento no prazo máximo dun mes desde a data de finalización do prazo de execución fixada na resolución de concesión e, como máis tarde, o 13 de outubro de 2020 para a anualidade 2020, o 11 de outubro de 2021 para a anualidade 2021, e o 30 de abril de 2022 para a anualidade 2022. Os gastos executados a partir do 1 de novembro de 2020 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2021, e os executados a partir do 1 de novembro de 2021 poderán imputarse con cargo á xustificación da anualidade 2022.

Artigo 3

Redistribúense os créditos dispoñibles establecidos no Resolvo cuarto da nomeada resolución, que terán a seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2020

Ano 2021

Ano 2022

09.A1.741A.7701

2.000.000 €

3.100.000 €

3.900.000 €

Artigo 4

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica