Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 17 de agosto de 2020 Páx. 32800

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2020, da Dirección Xeral de Políticas Culturais, pola que se lles oferta ás editoriais que participen na Orde do 21 de xullo de 2020 que poidan incorporar as súas novidades editoriais en galego e formato físico á plataforma de novidades editoriais para o ano 2020.

Antecedentes.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no artigo 16.3, establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir, con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas públicas, os produtos editoriais galegos, segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con responsabilidades profesionais destes centros de lectura pública.

Pola súa parte, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e as restantes normas vixentes en materia de procedementos administrativos, fan ver a necesidade de poñer en marcha un novo sistema de adquisición de novidades editoriais en lingua galega, acorde coa nova realidade dos servizos públicos.

Esta é a razón deste sistema de adquisición dos libros editados como novidades editoriais a través dunha plataforma dixital electrónica, que facilitará a visibilidade e a celeridade da subministración do material bibliográfico aos servizos bibliotecarios dependentes da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, ao tempo que se inicia a súa comercialización. Con este sistema garántase a actualización continua dos fondos bibliográficos en galego nas bibliotecas públicas á vez que serve de escaparate único e dinámico de todas as publicacións en galego que realizan as editoriais.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Requisitos para a inscrición e condicións de participación na plataforma das novas editoriais

1. Requisitos.

As editoriais que desexen participar nesta convocatoria de carácter extraordinario e accedan á plataforma por primeira vez deben cumprir os seguintes requisitos:

– Poderá inscribirse toda persoa física ou xurídica que teña a condición de editora. No imposto de actividades económicas (IAE) debe figurar a epígrafe «edición de libros» ou outra en que quede claro a súa condición de editora.

– Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa administración pública da Comunidade Autónoma.

– Inscribirse a partir do 2 de outubro de 2020 ata o 25 de outubro de 2020 (ambos inclusive) na plataforma dixital de novidades editoriais da Xunta de Galicia, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, co obxecto de presentar as súas ofertas editoriais, e que estas se poidan adquirir desde as entidades locais de Galicia que sexan titulares de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas, beneficiarias da subvención para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico, establecida na correspondente orde de convocatoria de carácter extraordinario para o exercicio 2020.

2. Condicións.

Para proceder á inscrición na plataforma, as editoriais que cumpran os requisitos establecidos nesta resolución, poden acceder a esta a través de https://novidadeseditoriais.xunta.gal, premer en «rexistrar editorial» e cubrir o formulario de alta.

3. Autorización.

A inscrición na plataforma electrónica comporta a autorización a Dirección Xeral de Políticas Culturais, unidade tramitadora da plataforma electrónica, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, e tamén comporta a autorización para consultar o imposto de actividades económicas (IAE). Non obstante, a editorial ou o representante que se opoña á consulta debe enviar entón as certificacións á Dirección Xeral de Políticas Culturais, a través do seguinte enderezo de correo electrónico: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal

Segundo. Requisitos e condicións de participación na plataforma para as editoriais xa inscritas en convocatorias anteriores

1. Requisitos.

– As editoriais que participasen en convocatorias anteriores deberán cumprir os requisitos establecidos no punto primeiro: manter a condición de editoriais e estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Solicitar a activación da alta na plataforma dixital desde o 2 de outubro ata o día 26 de outubro de 2020 (ambos inclusive).

2. Condicións.

As editoriais, xa inscritas na plataforma, e que desexen volver a participar na nova convocatoria, deben acceder á plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal e solicitar a activación da alta, premendo en «solicitar activación» e indicando o número de NIF co que a editorial está dada de alta na plataforma.

3. Autorización.

Esta «activación da alta» na plataforma comporta a autorización á Dirección Xeral de Políticas Culturais, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, e tamén comporta a autorización para consultar o imposto de actividades económicas (IAE). Non obstante, a editorial ou o representante que se opoña á consulta debe indicalo na correspondente comunicación e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos a través do seguinte enderezo de correo electrónico: servizo-libro-publicacions.cultura@xunta.gal

Terceiro. Condicións xerais para as editoriais participantes

1. Se a editorial, ao longo do período de inscrición das súas publicacións non cumpre cos requisitos mencionados, a Dirección Xeral de Políticas Culturais anulará o seu dereito de permanecer na plataforma dixital ata que regularice a súa situación.

2. As editoriais que participen na presente convocatoria non poderán incorporar libros á plataforma electrónica, https://novidadeseditoriais.xunta.gal, con data posterior ao 2 de novembro de 2020.

Cuarto. Requisitos das novidades editoriais

As novidades editoriais ofertadas polas editoriais presentadas na plataforma dixital deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Estar publicadas en lingua galega, de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo) e en formato impreso.

– A primeira edición deberá estar editada entre o 1 de setembro de 2019 e o 30 de setembro de 2020, ambos inclusive.

– Non poden superar os 70 euros (IVE incluído) de prezo de venda ao público.

– Que non sexan libros de texto ou outro material curricular.

Quinto. Obrigas das editoriais

1. As novidades editoriais que se inscriban estarán dispoñibles na plataforma dixital, ou ben como publicacións xa editadas ou como futuras, neste último suposto, a editorial deberá cambiala de estado na plataforma dixital no momento en que inicie a súa comercialización; en ambos os dous casos deben estar editadas dentro do seguinte período: 1.9.2019-30.9.2020, ambos inclusive.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través do Servizo do Libro e Publicacións, excluirá as publicacións que non cumpran os requisitos antes mencionados. O incumprimento relativo ao ano de edición do libro suporá ademais a exclusión da editorial da plataforma para as dúas seguintes convocatorias.

2. A plataforma dixital xestionará os pedidos recibidos desde os titulares de bibliotecas da Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e serán as editoriais as que se encargarán do envío dos libros a cada solicitante, asumindo os custos da distribución. O pedido deberá ser enviado e recibido coa maior brevidade posible, sen que poida superar un prazo máximo de quince (15) días naturais desde a data de recepción de cada un.

Sexto. Pagamento

A entidade local, titular das bibliotecas ou axencias de lectura pública que realizase os pedidos de libros a través da plataforma será a encargada de realizar o pagamento ás editoriais que os entregaron.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2020

Anxo Manuel Lorenzo Suárez
Director xeral de Políticas Culturais