Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 17 de agosto de 2020 Páx. 32730

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2020 pola que se acorda a reapertura dos servizos e centros de atención á infancia.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 á categoría de pandemia internacional. As distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e loita contra a pandemia.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020 adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública, que foron seguidas da declaración, por Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Con data do 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado núm. 67 o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Con data do 10 de xuño de 2020, publicouse no Boletín Oficial del Estado núm. 163 o Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise ocasionada polo COVID-19, en relación co inicio da etapa de desaceleración con vistas á superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

O Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, recolle no núm. 4.3.1 do seu anexo que os servizos e centros de atención á infancia como escolas infantís 0-3, puntos de atención á infancia, casas niño, espazos infantís e ludotecas permanecerán pechados mentres non se dite resolución da consellería competente en materia de política social que acorde a súa reapertura.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, ao abeiro do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, e á vista da situación epidemiolóxica de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a reapertura dos servizos e centros de atención á infancia como escolas infantís 0-3, puntos de atención á infancia, casas niño, espazos infantís e ludotecas a partir do 1 de setembro de 2020.

Segundo. O proceso de reapertura realizarase seguindo as medidas, indicacións e recomendacións recollidas no Plan de reactivación no ámbito infanto-xuvenil dispoñible na páxina web da Consellería de Política Social e da Consellería de Sanidade.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social