Dentro das actividades programadas para o ano 2020, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido nos artigos 38 e 39 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso a categoría de superintendente da policía local, conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
Actualizar na normativa vixente e de aplicación directa no traballo policial o alumnado.
Desenvolver a súa capacidade de liderado, coñecendo os recursos dispoñibles para levar a cabo unha dirección de equipos eficaz e motivadora.
Aumento da capacidade de comunicación, nocións completas en materia de protocolo.
Destinatarios/as.
Persoal dos corpos de policía local que superou o proceso selectivo para a categoría de superintendente, e que non realizase este curso.
Inscrición.
A inscrición dos/das participantes será totalmente gratuíta.
Prazas.
Sen límite.
Solicitudes.
1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública, solicitando a participación no curso da/s persoa/s que se atopen nesta situación, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.
2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 24 de agosto de 2020.
Duración e contido.
O curso ten unha duración de 200 horas.
Conforme o establecido nos artigos 38.4 e 39.3 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a Academia homologará ao alumnado os cursos realizados cuxo programa, duración e contido o permitan.
O contido deste curso versará sobre habilidades de mando, estratexias directivas, comunicación externa e protocolo, xestión administrativa, ademais da presentación dun proxecto directivo.
A presentación do proxecto directivo realizarase o día 3 de setembro de 2020, as 12.00 horas.
Certificado.
A Agasp emitirá un informe ao concello correspondente certificando esta circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como funcionario de carreira e á toma de posesión como superintendente do corpo de policía local.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 5 de agosto de 2020
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública