Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Xoves, 13 de agosto de 2020 Páx. 32339

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 4 de agosto de 2020 pola que se regulan as bases e a convocatoria para o ano 2020 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, pola paralización temporal da actividade de marisqueo a pé como consecuencia do brote do COVID-19 (cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca) (código de procedemento PE401I).

BDNS (Identif:): 519342.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas titulares de permisos de explotación para marisqueo a pé para recursos marisqueiros xerais ou específicos que levasen a cabo actividade extractiva (días de actividade) cando menos 120 días durante os anos 2018 e 2019.

Segundo. Finalidade

As axudas terán como finalidade a paralización temporal da actividade de marisqueo a pé do 16 de marzo ao 30 de xuño de 2020 (ambos incluídos) como consecuencia do brote do COVID-19.

Terceiro. Bases reguladoras:

Orde do 4 de agosto de 2020 pola que se regulan as bases e a convocatoria para o ano 2020 das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, pola paralización temporal da actividade de marisqueo a pé como consecuencia do brote do COVID-19 (cofinanciadas ao 75 % polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca) (código de procedemento PE401I).

Cuarto. Importe

O importe máximo das axudas que se concedan ascenderá a cinco millóns douscentos catorce mil catrocentos trece euros con corenta e oito céntimos (5.214.413,48 euros).

Aplicación orzamentaria 2020 15 02 723A 7708, código de proxecto 2020 00085, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2020

Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar