Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Luns, 10 de agosto de 2020 Páx. 31672

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2020 pola que se acorda a reapertura dos centros sociocomunitarios de benestar e dos servizos de conciliación de carácter grupal complementarios de programas de inclusión social, así como a modificación da limitación da capacidade dos comedores sociais.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus COVID-19 a nivel de pandemia internacional. As distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e loita contra a pandemia.

Neste sentido, o 12 de marzo de 2020 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Acordo polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

O día 14 de marzo publicouse no Boletín Oficial del Estado núm. 67, o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

No eido dos servizos sociais, en atención á especial protección que se debe prestar á poboación vulnerable, sensible ou en especial risco, acordouse a suspensión de toda a actividade presencial nos centros sociocomunitarios de benestar e nos servizos de conciliación de carácter grupal complementarios de programas de inclusión social, así como a limitación dos comedores sociais, ata os dous terzos da súa capacidade.

Tras os escenarios de contención e mitigación da pandemia, a tendencia decrecente no número de novos casos fixo posible o inicio da etapa de desaceleración, ao abeiro do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Durante esta etapa foi necesario planificar a adecuada suspensión progresiva das medidas establecidas nas fases de contención e mitigación que, aínda que se mostraron efectivas para diminuír o número de contaxios, ao favoreceren o distanciamento social, ocasionan un impacto nas persoas usuarias dos centros sociocomunitarios de benestar, dos servizos de conciliación de carácter grupal complementarios de programas de inclusión social e dos comedores sociais.

O antedito Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, no capítulo II, referido ás medidas de prevención e hixiene, establece, no seu artigo 10, respecto dos servizos sociais, que a prestación dos servizos recollidos no Catálogo de referencia de servizos sociais, aprobado polo Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia o 16 de xaneiro de 2013, e no artigo 3.1 da Real decreto lei 12/2020, do 31 de marzo, de medidas urxentes en materia de protección e asistencia ás vítimas de violencia de xénero, deberá realizarse asegurando que se adoptan as medidas de hixiene adecuadas para previr os riscos de contaxio. En todo caso, deberase asegurar que se adoptan as medidas necesarias para garantir unha distancia interpersoal mínima de, polo menos, 1,5 metros, así como o debido control para evitar as aglomeracións. Cando non sexa posible manter a dita distancia de seguridade, observaranse as medidas de hixiene adecuadas para previr os riscos de contaxio.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, recolle no punto 4 do seu anexo as medidas específicas respecto de centros, servizos e establecementos sanitarios e de servizos sociais. En concreto, o número 4.3.1, letras f) e g), establece que permanecerán pechados, mentres non se dite resolución da consellería competente en materia de política social que acorde a súa reapertura, entre outros, os centros sociocomunitarios de benestar e os servizos de conciliación de carácter grupal complementarios de programas de inclusión social. Pola súa banda, o número 4.3.2, letra b), limita os comedores sociais aos dous terzos da súa capacidade (66 %).

Durante os meses de xuño e xullo de 2020 elaborouse o Plan de reactivación nos centros e servizos da área de inclusión social e completouse a avaliación do risco polo COVID-19 para o persoal da rede galega de centros sociocomunitarios de benestar de titularidade autonómica, de maneira que puidesen dispoñer do tempo necesario para dotarse dos medios e equipamentos de prevención e protección precisos para desenvolver a súa actividade con seguridade.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, ao abeiro do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 e á vista da situación epidemiolóxica en Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a reapertura dos centros sociocomunitarios de benestar e dos servizos de conciliación de carácter grupal complementarios de programas de inclusión social a partir do día 1 de setembro de 2020.

Segundo. Acordar ampliar a limitación da capacidade dos comedores sociais ao 75 %.

Terceiro. Para os efectos do restablecemento e ampliación da capacidade dos ditos centros e servizos, o proceso de reapertura realizarase seguindo as medidas, indicacións e recomendacións recollidas no Plan de reactivación nos centros e servizos da área de inclusión social e mais na avaliación do risco polo COVID-19 para o persoal da rede galega de centros sociocomunitarios de benestar de titularidade autonómica.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social