Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 3 de agosto de 2020 Páx. 30359

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 22 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PR935A).

BDNS (Identif.): 517737.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas emigrantes galegas e os seus fillos/as, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguiente.

Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten que residiron en Galicia de forma continuada durante dez anos, con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados con calquera concello galego no Padrón de residentes no exterior (Pere) ou no Censo electoral de residentes no exterior (Cera).

Excepcionalmente, para o caso de que estas persoas teñan que realizar unha viaxe e non poidan valerse por si mesmas, tamén poderá ser beneficiaria unha persoa acompañante.

Segundo. Obxecto

Aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de axudas dirixidas a persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega residentes no exterior, que carezan dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial, que precisen dunha actuación urxente para evitar ou paliar situacións de necesidade ou exclusión social, así como as que teñan por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarias.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 22 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PR935A).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 200.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes abranguerá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de novembro de 2020, ambos incluídos.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020

O secretario xeral da Emigración
P.S. (Decreto 76/2017, do 28 de xullo)
José Carlos García Bouzas
Subdirector xeral de Xestión
Económico-Administrativa e do Retorno