Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 27 de xullo de 2020 Páx. 29457

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 20 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia (código de procedemento MT401A).

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos parágrafos 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española.

Segundo o Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o establecido no Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma, ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, e conservación da natureza, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

A persoa titular da consellería é a autoridade superior da consellería e, con tal carácter, está investido/a das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

II

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, de conformidade co Convenio Europeo da Paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe; e o artigo 7 ao tratar a cooperación en materia de paisaxe, establece que a Xunta de Galicia impulsará a cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins recollidos na lei.

Pola súa banda, o artigo 14 recolle que a Xunta de Galicia, conforme o establecido nesta lei e na consideración da importancia ambiental, cultural, social e económica que posúen as nosas paisaxes como sinal de calidade de vida, promoverá accións de formación, sensibilización e educación dirixidas á sociedade galega en xeral, e aos xestores e usuarios do territorio en particular, que teñan como finalidade a promoción do entendemento, respecto e salvagarda dos elementos que configuran as nosas paisaxes.

III

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda busca recoñecer o esforzo daqueles concellos que traballen na protección da paisaxe e o ambiente. Nesta finalidade inspírase o recoñecemento do distintivo Bandeira Verde de Galicia, co que se pretende salientar o labor daqueles concellos que destaquen polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe, e polo seu compromiso coa cidadanía.

Galicia dispón dunha rica e extensa diversidade paisaxística, polo que un distintivo como a Bandeira Verde fortalece a imaxe das nosas vilas e aldeas.

Trátase, polo tanto, de diferenciar e salientar a calidade ambiental e paisaxística dos nosos concellos, achegando á cidadanía a relevancia do seu papel e a importancia da responsabilidade compartida na mellora e conservación da esencia de Galicia nos eidos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

O distintivo Bandeira Verde de Galicia é unha iniciativa que busca distinguir aos concellos máis dinámicos neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, o fomento da correcta xestión do lixo (boas prácticas para a súa prevención, mellora da selección na recollida, aproveitamento da fracción orgánica para a compostaxe...), a adopción de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese (xardíns, praias, espazos etnográficos, edificios públicos, patrimonio arquitectónico...), a posta en valor de monumentos naturais, educación e sensibilidade ambiental, a redución do consumo enerxético e moitas outras, cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes.

Esta distinción pretende ser unha correa de transmisión entre o traballo que fan as administracións locais e a implicación da cidadanía no coidado e na protección da contorna natural e paisaxística, amosando que tanto concellos como cidadanía están comprometidos no coidado dun dos elementos máis representativos da nosa comunidade: A paisaxe e o patrimonio natural.

Promóvese, deste xeito, unha cultura de dignificación do territorio galego no que a participación social resulta estratéxica e os beneficios redundan na integridade e a sustentabilidade dos recursos naturais galegos en sintonía cos 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable e cos obxectivos da Unión Europea para o ano 2050 de redución de emisións.

En consecuencia, no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto crear o distintivo Bandeira Verde de Galicia co que premiar aqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que destaquen polas súas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe; e proceder tanto á regulación do procedemento de concesión como á súa convocatoria para o ano 2020.

2. O distintivo Bandeira Verde de Galicia é unha iniciativa que busca distinguir os concellos máis dinámicos neste eido, desenvolvendo boas prácticas para o coidado da súa contorna, o respecto á paisaxe, a redución das súas emisións de CO2, o fomento da correcta xestión do lixo, a adopción de medidas para garantir a integridade e limpeza de espazos de interese, a posta en valor de monumentos naturais, educación e sensibilidade ambiental, a redución do consumo enerxético e moitas outras, cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e aldeas máis comprometidas nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

3. O código de procedemento administrativo é MT401A.

Artigo 2. Criterios para o outorgamento do distintivo Bandeira Verde de Galicia

O distintivo Bandeira Verde de Galicia outorgarase tendo en conta o grao de cumprimento dos criterios de valoración que son obxecto de desenvolvemento no anexo I desta orde. Os ámbitos de actuación nos que se encadrarán as accións incluídas nas candidaturas dos municipios son os seguintes:

a) Protección da paisaxe.

b) Cambio climático e eficiencia enerxética.

c) Xestión responsable dos residuos.

d) Accións de sensibilización e comunicación.

Artigo 3. Destinatarios

Poderán optar ao recoñecemento do distintivo Bandeira Verde de Galicia, todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que desenvolvan actividades relacionadas cos criterios previstos no artigo anterior, sempre que cumpran o establecido nesta orde de convocatoria.

Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación das solicitudes das candidaturas será de 40 días hábiles contados a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Consonte co disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o prazo concluirá o mesmo día no que se produciu a publicación no mes de vencemento. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Cando un día fose hábil nun concello ou comunidade autónoma en que residise o interesado, e inhábil na sede do órgano administrativo, ou á inversa, considerarase inhábil en todo caso.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as candidaturas presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta orde.

3. A presentación da solicitude leva consigo a aceptación por parte de quen as formule, dos termos desta convocatoria.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Os concellos interesados deberán achegar, xunto co anexo II de solicitude, a seguinte documentación:

a) Memoria asinada pola persoa titular da alcaldía na que, dun xeito resumido, se poñan de manifesto os aspectos máis relevantes das actuacións realizadas de conformidade cos criterios obxecto de análise, de xeito que se facilite a súa valoración.

b) Documentación oficial acreditativa dos méritos alegados. Sen esta acreditación, os citados méritos non os terá en conta o xurado.

c) Certificación do secretario do concello ou persoa con análogas funcións, na que quede constancia do acordo/decreto/resolución/outro do/da Alcaldía/Xunta de Goberno local/Pleno para solicitar a concesión do distintivo Bandeira Verde de Galicia, de conformidade co modelo previsto no anexo III.

d) Certificación do secretario do concello no que se acredite:

O concello non ten ningunha sanción administrativa firme nos últimos 2 anos anos en relación aos ámbitos obxecto de valoración para o outorgamento do distintivo (infraccións ambientais, en materia urbanística ou de ordenación do territorio ou paisaxe, contra o patrimonio, contra a protección de costas ou do dominio hidráulico,...).

Non constan incumprimentos de ordes de execución de sentenzas firmes de demolición de edificacións ilegais dirixidas ao concello.

O concello conta cun documento de plan adaptado polo menos á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

En materia de xestión de residuos sólidos urbanos, o concello conta cun sistema propio ou conveniado que dá servizo aos seus cidadáns.

O municipio conta cunha infraestrutura pública de saneamento e depuración de augas residuais, así como de abastecemento de auga que dan servizo polo menos ao asentamento de maior poboación.

2. Con carácter potestativo poderá xuntarse outra documentación que o concello solicitante considere relevante, tal como publicacións, fotografías ou outros documentos.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 6. Instrución do procedemento

O órgano instrutor do procedemento será a persoa titular do Departamento de Xestión Xurídico-Administrativa do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Sobre cada unha das candidaturas presentadas analizará as memorias de cada concello, realizando unha valoración previa que servirá como selección inicial para facilitar a deliberación do xurado previsto. Para os devanditos efectos poderá solicitar a colaboración de calquera departamento autonómico.

Unha vez completos os expedientes remitiraos ao xurado regulado no artigo nove desta orde para a súa valoración.

Artigo 7. Emenda das solicitudes

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

Ao tratarse de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán recibir a notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Xurado

1. Para o exame e valoración das solicitudes constituirase un xurado que será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta orde.

O Xurado estará composto polas seguintes persoas:

a) A Presidencia correspóndelle á persoa titular da presidencia do Instituto de Estudos do Territorio.

b) Vogais:

– Dúas persoas nomeadas pola persoa titular da presidencia do Instituto de Estudos do Territorio.

– Unha persoa nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

– Unha persoa nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– Unha persoa nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

– Unha persoa nomeada pola persoa que exerza a presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

c) Actuará como secretario/a deste xurado unha persoa funcionaria da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con voz e sen voto, nomeada por resolución da persoa titular da presidencia do Instituto de Estudos do Territorio.

2. O xurado, como órgano colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. Na composición do xurado procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

4. Os seus acordos de outorgamento adoptaranse por maioría simple, dirimindo o voto da persoa titular da Presidencia no caso de empate. As deliberacións do xurado son confidenciais.

5. O Xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non previstos nestas bases, así como sobre todas as cuestións que poidan subscribirse con motivo dos premios.

Artigo 10. Valoración das solicitudes admitidas

O xurado examinará e valorará as solicitudes presentadas en función dos criterios e do baremo establecidos no anexo I desta orde, no que se establecen os limiares mínimos necesarios para poder optar a este recoñecemento, para o que se teñen en conta as características dos concellos (superficie, poboación, orzamento utilizado...).

Se nalgunha das solicitudes non quedan debidamente xustificados ou acreditados os criterios para a súa valoración non serán tidos en conta.

O xurado emitirá un informe-proposta de recoñecemento dos distintivos que elevará ao órgano instrutor.

Artigo 11. Resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe-valoración do xurado, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento, a proposta de resolución do recoñecemento do distintivo Bandeira Verde de Galicia.

2. O órgano competente para resolver será a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Réxime de recursos

1. A resolución deste procedemento esgota a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a relación de concellos recoñecidos será publicada, así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda https://www.xunta.gal/cmatv.

Artigo 14. Entrega dos distintivos Bandeira Verde de Galicia

Os concellos premiados recibirán o distintivo Bandeira Verde de Galicia nun acto público para o que serán convocados coa oportuna antelación.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda autoriza cada un dos concellos recoñecidos a poder utilizar o logotipo específico da bandeira durante un ano. O outorgamento deste distintivo constituirá mérito para os efectos da obtención de subvencións en materia de patrimonio natural.

No caso de que algún concello premiado teña omitido ou falseado a documentación remitida para a obtención deste recoñecemento, poderase considerar a retirada do distintivo acreditado e polo tanto, perder a condición de gañador que teña o distintivo Bandeira Verde de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, de conformidade coa normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Normativa reguladora

As solicitudes, a tramitación e a concesión deste distintivo axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvención; así como supletoriamente nas disposicións da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no disposto nesta orde de bases.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANEXO I

Actuacións e criterios de valoración para o recoñecemento

do distintivo Bandeira Verde de Galicia

Serán obxecto de valoración todas aquelas accións presentadas polos concellos que poidan ser identificadas como boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe que se axusten ao establecido nesta orde. Estas accións deberán encadrarse nalgún dos catro ámbitos definidos neste anexo e serán valoradas de acordo cos criterios e co baremo que se expoñen a seguir.

Entre as condicións previas que estas accións haberán de cumprir para poder ser avaliadas inclúense as seguintes:

Entre as accións que se vaian valorar non están incluídas aquelas que responden ao estrito cumprimento dunha norma xurídica ou ao normal desenvolvemento das competencias locais na xestión ordinaria das áreas de ambiente, paisaxe e resto de ámbitos de actuación relacionados co obxecto desta orde, senón que deben ser iniciativas municipais orientadas á consecución de obxectivos de excelencia no eido correspondente.

As accións rematáronse nos cinco últimos anos contados a partir da data de publicación desta orde ou están nesta data en fase de execución e/ou desenvolvemento conforme a programación aprobada e co seu financiamento firmemente comprometido.

As accións rematáronse en data anterior aos últimos cinco anos, pero acredítase a vixencia da súa utilidade, o actual cumprimento satisfactorio dos obxectivos que a motivaron, o desenvolvemento dun mínimo sistema de seguimento da iniciativa e, se é o caso, os investimentos realizados para o mantemento da súa axeitada operatividade nos últimos anos.

As accións consistentes en actuacións de planificación, para ser avaliadas, deberán estar aprobadas, vixentes e plenamente operativas á data de publicación desta orde. No caso de iniciativas que recollan o financiamento total ou parcial das accións con fondos diferentes ao da facenda local deberá acreditarse a vixencia do compromiso de financiamento externo que garanta a viabilidade do seu plan de acción.

As accións concretas incluídas en iniciativas integrais de planificación propostas para avaliación poden ser avaliadas tamén de xeito independente se cumpren as condicións requiridas para calquera outra acción.

– Ámbitos de actuación.

a) Ordenación do territorio, protección do ambiente e da paisaxe.

Valoraranse, con carácter xeral, aquelas accións orientadas a:

Ordenar o territorio de maneira compatible coa súa contorna territorial promovendo un uso racional do solo para conservalo e protexelo como recurso esencial e non renovable.

Evitar a dispersión urbana e revitalizar os asentamentos tradicionais.

Procurar asentamentos inclusivos, seguros e sustentables mediante a eliminación das barreiras arquitectónicas, a introdución da perspectiva de xénero, a mellora da seguridade, a promoción dos fluxos de proximidade e da complexidade social e de usos nos barrios.

Fomentar a implementación de solucións baseadas na naturalización e no incremento da biodiversidade nos espazos públicos como estratexia fundamental para acadar asentamentos máis saudables, sustentables e resilientes.

Favorecer as estratexias integrais de mobilidade sustentable, do transporte alternativo sustentable (implantación de puntos de bicicletas, creación de vías e redes de carril bici, etc.) e da mobilidade peonil (redución da velocidade, peonalización de rúas, reorganizacións e mellora das vías, supresión de barreiras arquitectónicas, integración da perspectiva de xénero, etc.).

Xestionar sustentablemente os espazos naturais, loitar contra a desertificación, deter e reverter a degradación das terras e a perda de biodiversidade.

Promover o desenvolvemento e evitar a despoboación das zonas rurais mediante iniciativas respectuosas coa protección do patrimonio, o ambiente e a paisaxe sustentadas na dinamización do seu potencial endóxeno, a economía dixital e as novas tecnoloxías.

Conservar e promover a utilización racional dos océanos, os mares e os recursos mariños na procura dun desenvolvemento sustentable.

Mellorar as infraestruturas verdes e azuis e vinculalas co contexto natural como solucións multifuncionais baseadas na natureza que contribúen a mellorar a biodiversidade.

Protexer a paisaxe e garantir a conciliación do desenvolvemento das actividades humanas co respecto a estes valores.

b) Cambio climático e eficiencia enerxética.

Valoraranse, con carácter xeral, aquelas accións orientadas a:

Combater o cambio climático e os seus efectos.

Deseñar actuacións en equilibrio coa protección do ambiente orientadas a reducir os impactos do cambio climático e á consecución dun territorio máis resiliente.

Reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro GEI.

Optimizar e reducir o consumo de auga.

Aumentar a participación das enerxías renovables no mix enerxético local, incrementando a potencia renovable instalada e fomentando o autoconsumo e a produción en proximidade.

Mellorar a eficiencia enerxética das infraestruturas e dos edificios e instalacións públicas e fomentar a eficiencia enerxética no eido privado.

Garantir o acceso a unha enerxía segura, sustentable non contaminante e eficiente para todas as persoas.

c) Xestión responsable dos residuos.

Valoraranse, con carácter xeral, aquelas accións orientadas a:

Reducir a xeración de residuos mediante actividades de prevención, redución, reciclaxe e reutilización.

Substituír o modelo de economía lineal polo de economía circular, incorporando os materiais que conteñen os residuos ao proceso produtivo de novos bens ou materias primas.

Incorporar a investigación, a innovación e a tecnoloxía, así como o intercambio de coñecemento e o traballo en rede á xestión de residuos.

Reducir ou mesmo eliminar a xestión de residuos en vertedoiros.

d) Accións de sensibilización e comunicación.

Valoraranse, con carácter xeral, aquelas accións orientadas a:

Promover a educación e información ambiental, o consumo responsable e o desenvolvemento sustentable.

Impulsar campañas de formación e sensibilización en materia de educación ambiental, así como de intercambio e difusión da información.

Asegurar a participación cidadá, a transparencia e favorecer a gobernanza multinivel.

Impulsar as campañas de promoción e apoio aos recursos propios da área, turismo natural ou sustentable (mercados verdes e de proximidade, etc.).

– Criterios xerais de valoración.

Os criterios que se empregarán para valorar as distintas actuacións serán:

1. Que estas accións sexan ou se atopen incluídas en estratexias ou plans de carácter integral de ámbito municipal. De non figurar nos plans de acción dalgunha estratexia concreta (EDUSI, URBAN, AXENDA21,...), polo menos deberá acreditarse o seu aliñamento coas directrices de planificación integral do concello.

2. A coherencia e aliñación dos proxectos e actuacións coas determinacións das DOT, plans, estratexias e iniciativas da Xunta de Galicia nos distintos ámbitos das medidas. Valorarase a identificación dos proxectos e actuacións coas directrices e criterios expostos nos manuais e guías publicadas.

3. A coherencia e aliñación das iniciativas cos acordos e compromisos internacionais subscritos por España en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo e conservación da natureza; singularmente, no que atinxe á consecución dos ODS da Axenda 2030 da ONU, dos obxectivos estratéxicos da Axenda Urbana Española no contexto da Nova Axenda Urbana de Nacións Unidas e da Axenda Urbana Europea e ao cumprimento dos compromisos en materia de redución das emisións de gases contaminantes á atmosfera e mitigación do cambio climático.

4. En relación á dimensión social, o impacto cuantitativo e cualitativo que de xeito directo ou indirecto teña a acción sobre a mellora da saúde e da calidade de vida da poboación.

5. En relación á dimensión territorial, o impacto cuantitativo e cualitativo positivo que as accións desenvolvidas supoñan de xeito directo ou indirecto sobre a paisaxe, o ambiente e o desenvolvemento sustentable. Cando sexa procedente pola natureza da iniciativa, e pola transcendencia e carácter exemplificativo que adquiren as accións neses ámbitos, ponderarase que os proxectos e actuacións se atopen en espazos naturais ou áreas de especial interese ambiental e paisaxístico.

6. Atendendo á dimensión económica, ademais do investimento por habitante e o posible retorno, considérase moi importante o grao de innovación das iniciativas e os seus efectos cara ao desenvolvemento das novas tecnoloxías e o fomento dun tecido económico respectuoso co ambiente e adaptado á transformación dixital.

7. O grao de consecución efectiva dos obxectivos que motivan a acción, co fin de primar aquelas iniciativas que teñan acreditada a súa eficacia, preferentemente a través de indicadores de seguimento ou outro sistema obxectivo de avaliación de resultados. Para aquelas accións que aínda non contan cunha avaliación dos seus resultados, a xustificación deste punto poderá acreditarse mediante outros medios, coma a referencia a outras iniciativas da mesma natureza, desenvolvidas en contextos similares e que teñan recoñecida a súa idoneidade para a consecución deses obxectivos comúns.

8. O grao de identificación e aceptación das accións por parte da poboación, que se considera fundamental. Valorarase a participación pública no deseño e implementación das iniciativas e a transparencia, axeitada difusión e comunicación en todo o proceso.

9. Co fin de establecer criterios de proporcionalidade á hora de avaliar as candidaturas de todos os concellos galegos e dada a heteroxeneidade que presentan en termos socio-económicos, ponderarase a valoración das iniciativas dos municipios atendendo ao seu encadramento no sistema de asentamentos de Galicia (establecido nas Directrices de Ordenación do Territorio), ao seu grao de urbanización segundo a última clasificación elaborada polo IGE (a base empregada para esta clasificación dos concellos é a nova clasificación do grao de urbanización de Eurostat) e á súa poboación na data de publicación desta orde (segundo datos do padrón municipal de habitantes).

– Baremo.

As candidaturas dos concellos presentados para a obtención deste distintivo serán avaliadas, en primeiro lugar, e atendendo ao punto 9 dos criterios xerais de valoración, en función do tipo de concello, segundo a caracterización contida tamén neste anexo. Así, distinguiranse tres categorías de concellos e os requirimentos mínimos para a obtención da Bandeira Verde serán diferentes para cada categoría, sendo máis restritivos para aqueles concellos de maior complexidade urbana, con funcións que transcenden o ámbito municipal no sistema de asentamentos e con maiores recursos.

As diferentes accións que os concellos inclúan na súa candidatura deberán encadrarse polo menos nun dos ámbitos de actuación definidos e serán valoradas polo xurado segundo o grao de cumprimento dos criterios expostos nos oito primeiros puntos do punto anterior. A valoración para cada punto oscilará entre un mínimo de cero e un máximo de tres puntos:

Cero puntos implica que a iniciativa non cumpre co criterio que se está a valorar.

Un punto corresponderá á valoración dunha acción, que aínda que atende parcialmente o establecido no criterio de valoración correspondente, non o fai, a criterio do xurado, de xeito satisfactorio.

Serán valoradas con dous puntos aquelas accións que, a xuízo do xurado, respondan axeitadamente e de xeito suficiente ao criterio que se vai valorar.

Tres puntos será a puntuación para as iniciativas destacadas atendendo ao seu axuste ao establecido no criterio de valoración correspondente.

Segundo isto, a puntuación máxima para unha determinada iniciativa nun determinado ámbito de actuación será de 24 puntos (3 puntos por 8 criterios).

Concellos da categoría 1:

O xurado avaliará positivamente as candidaturas dos municipios da categoría 1 cando se cumpran as seguintes condicións:

Preséntanse polo menos oito iniciativas encadradas nalgún dos catro ámbitos de actuación propostos, que contan cunha valoración mínima de 16 puntos en cada ámbito ao que se adscriba a candidatura.

Estas accións acadan tamén unha puntuación mínima de dous puntos nos oito criterios suxeitos a valoración ou mínima en sete deles, pero neste caso a puntuación global da acción é igual ou superior ao 75 % da máxima posible (18/24).

Existen polo menos dúas iniciativas (de encadramento exclusivo ou compartido) en cada un dos catro ámbitos que cumpren as puntuacións mínimas establecidas nos puntos anteriores.

Unha mesma iniciativa non se contabiliza encadrada en máis de dous ámbitos de actuación (para os efectos do cumprimento do punto anterior).

Concellos da categoría 2:

O xurado avaliará positivamente as candidaturas dos municipios da categoría 2 cando se cumpran as seguintes condicións:

Preséntanse polo menos seis iniciativas encadradas nos ámbitos de actuación propostos, que contan cunha valoración mínima de 16 puntos en cada ámbito ao que se adscriba a candidatura.

Estas accións acadan tamén unha puntuación mínima de dous puntos nos oito criterios suxeitos a valoración ou mínima en sete deles, pero neste caso a puntuación global da acción é igual ou superior ao 75 % da máxima posible (18/24).

Todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas (de encadramento exclusivo ou compartido) que cumpren as puntuacións mínimas establecidas nos puntos anteriores.

Unha mesma iniciativa non se contabiliza encadrada en máis de tres ámbitos de actuación (para os efectos do cumprimento do punto anterior).

Concellos da categoría 3:

O xurado avaliará positivamente as candidaturas dos municipios da categoría 3 cando se cumpran as seguintes condicións:

Preséntanse polo menos catro iniciativas encadradas nos ámbitos de actuación propostos, que contan cunha valoración mínima de 16 puntos en cada ámbito ao que se adscriba a candidatura.

Estas accións acadan tamén unha puntuación mínima de dous puntos nos oito criterios suxeitos a valoración ou mínima en sete deles, pero neste caso a puntuación global da acción é igual ou superior ao 75 % da máxima posible (18/24).

Todos os ámbitos de actuación están cubertos con iniciativas (de encadramento exclusivo ou compartido) que cumpren as puntuacións mínimas establecidas no punto anterior.

Unha mesma iniciativa non se contabiliza encadrada en máis de tres ámbitos de actuación (para os efectos do cumprimento do punto anterior).

Existe un ámbito de actuación no que non é posible encadrar unha acción das presentadas, pero a puntuación media acadada polas catro mellores iniciativas avaliadas iguala ou supera o 75 % da máxima posible (18/24 puntos).

– Caracterización dos concellos de Galicia.

Establécense para efectos da valoración das candidaturas tres categorías de concellos. Esta caracterización realízase co fin de introducir criterios de equidade á hora de avaliar os méritos dos concellos para acadar o distintivo da Bandeira Verde de Galicia.

1. Na primeira categoría, e máis restritiva en canto aos requirimentos para a obtención do distintivo, figuran os concellos do primeiro nivel do sistema de asentamentos das DOT: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

2. Na segunda categoría inclúense os concellos do sistema urbano intermedio das DOT, así como todos aqueles clasificados como ZIP segundo a última clasificación elaborada polo IGE do grao de urbanización: Ames, Arteixo, Betanzos, Boiro, Cabanas, Cambre, Carballo, Cedeira, Cee, Corcubión, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Muros, Porto do Son, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Rianxo, Ribeira, Sada, Teo, Burela, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro, Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, A Rúa, Verín, Xinzo de Limia, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Estrada, Gondomar, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Mos, Nigrán, Poio, Ponteareas, Pontecesures, O Porriño, Redondela, Ribadumia, Silleda, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tui, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa. Inclúense tamén nesta categoría os concellos con poboación superior aos 10.000 habitantes segundo os últimos datos do Padrón municipal de habitantes: A Laracha, Ordes e Tomiño.

3. Na terceira categoría integraríanse o resto dos 313 concellos de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file