Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 24 de xullo de 2020 Páx. 29325

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para obter, mediante concorrencia, a concesión demanial para ocupar un espazo no edificio do CIS Tecnoloxía e Deseño, Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño, dependente desta axencia, e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento IN860A).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1º.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación (en diante, GAIN) e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.

Entre os seus obxectivos destacan o de definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

O Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño, dependente da Axencia Galega de Innovación, ten entre os seus obxectivos a transferencia de tecnoloxía e o coñecemento nos seus ámbitos de especialización, o asesoramento tecnolóxico, a difusión da cultura do coñecemento e tecnoloxía e a formación tecnolóxica especializada.

O edificio do CIS, Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño ten carácter demanial e consta no Inventario xeral de bens e dereitos como adscrito á Axencia Galega de Innovación, de conformidade co artigo 16 da Lei 5/2011, do 30 de setembro. A súa referencia catastral é o número 0558501NJ6105N0001ZM (código de inventario C 0558).

Nos Estatutos da GAIN, no artigo 31.2. Bens e dereitos propios, establécese que a afectación dos bens adquiridos, así como a adquisición e o alleamento de bens inmobles ou de dereitos sobre eles, se realizará de acordo co disposto na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

O CIS, Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño é un organismo público facilitador da transferencia de innovación e tecnoloxía ás pemes e empresas de sectores clave de Galicia, para propiciar a súa transformación e a mellora do posicionamento das ditas empresas.

O edificio do CIS Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño, localizado na Cabana, s/n, 15590 Ferrol, dispón de espazos baleiros que non está utilizando na actualidade e considera viable a posibilidade de outorgar o uso privativo dunha parte do inmoble.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concorrencia pola que se outorgará a concesión demanial que habilita para a ocupación do espazo establecido no anexo I desta resolución, no edificio do CIS, Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño, e realizar a súa convocatoria (código de procedemento IN860A).

Esta resolución, pola que se establecen as bases por concorrencia para obter a concesión demanial que habilita o uso dunha parte do inmoble do CIS, observa as condicións establecidas na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma; no Decreto 50/1986, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio de Galicia, e na Lei 33/2003, do 3 de novembro, de patrimonio das administracións públicas, así como na normativa xeral de contratación das administracións públicas e demais normativa aplicable.

Desde o punto de vista da normativa patrimonial, a Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 40.1, relativo a concesións demaniais, establece o seguinte:

«O outorgamento das concesións demaniais efectuarase en réxime de concorrencia. Non obstante, pode acordarse o outorgamento directo cando concorresen os supostos previstos no artigo 77 da presente lei ou cando se desen circunstancias excepcionais, debidamente xustificadas».

Artigo 2. Entidades que poden concorrer

1. Poderán concorrer todas as entidades que desenvolvan actividades coincidentes coas finalidades do CIS, Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño.

Estas actividades deben ter un interese estratéxico na área de Ferrolterra, de tal forma que se manteña o cumprimento das finalidades previstas para o Centro e se faciliten sinerxías de interese público.

Para os efectos anteriores, entenderase que existe coincidencia coas actividades e finalidades do CIS cando a actividade da entidade solicitante se axuste ao CNAE 6209-Outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información e a informática.

2. Tal e como establece o artigo 40.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, «(...) en ningún caso poden ser titulares de concesións demaniais as persoas nas cales concorra algunha das prohibicións de contratar reguladas na lexislación de contratos do sector público. Cando, posteriormente ao outorgamento da concesión, o titular desta incorrese nalgunha das ditas prohibicións de contratar, producirase a extinción da concesión (...)».

3. Non poderán optar á presente convocatoria as entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 71 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014 (en diante, LCSP).

Artigo 3. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

2. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento administrativo

1. Entregarase unha única solicitude, que deberá ser presentada pola entidade que concorre ao procedemento.

2. Os representantes legais das entidades deberán achegar coa solicitude (anexo II) os seguintes documentos:

a) Anexo III. Memoria técnica das actividades que se van realizar, onde se describa tanto o perfil da entidade solicitante como as actividades que se van realizar nos espazos que se vaian ocupar a través da concesión demanial.

b) Poder de representación do representante legal.

Con independencia da información recollida neste formulario, poderase incluír información e documentación complementaria.

Os anexos II (Solicitude e declaracións responsables) e III (Memoria técnica das actividades que se van realizar) estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á entidade solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Axencia Galega de Innovación practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código indicado no artigo 1, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal, na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 981 95 70 00 e 981 33 71 14 da dita axencia.

c) No enderezo electrónico centros.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

Artigo 9. Aceptacións

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 10. Publicidade de actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a relación de entidades que concorreron a este procedemento e a súa puntuación, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades que concorreron e a referida publicidade.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da GAIN, http://gain.xunta.gal/

Artigo 11. Instrución do procedemento e tramitación

1. O órgano instrutor para a instrución do procedemento da concesión demanial por concorrencia será a Área de Centros da Axencia Galega de Innovación por ser a unidade orgánica competente á cal lle corresponden a dirección administrativa, a xestión operativa e a promoción dos centros e infraestruturas tecnolóxicas e produtivas en dependencia directa da Dirección da Axencia, segundo lle encomendan os estatutos da Axencia.

O outorgamento da concesión requirirá informe previo e favorable da consellería competente en materia de patrimonio.

Corresponderalle ao presidente da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión. Tal e como establece o artigo 40.3 da Lei de patrimonio, «Calquera que fose o procedemento seguido para a adxudicación, unha vez outorgada a concesión demanial debe procederse á súa formalización en documento administrativo. Este documento é título suficiente para inscribir a concesión no rexistro da propiedade».

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se xunta a documentación exixida, a persoa interesada será requirida mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Selección.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude.

Artigo 12. Comisión de Selección, composición e aplicación dos criterios de selección

1. A Comisión de Selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes de acordo coa valoración realizada conforme o procedemento e os criterios establecidos no artigo seguinte.

2. A composición da Comisión de Selección será a seguinte:

1º. Presidencia: un/unha director/a de área da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

2º. Secretaría: un funcionario ou unha funcionaria da Axencia Galega de Innovación.

3º. Tres vogais designados pola directora da Axencia Galega de Innovación.

3. A Comisión de Selección procederá á selección das solicitudes e de acordo co seguinte procedemento:

• Valoración dos criterios segundo o establecido no número 13.

• De producirse empates, estes resolveranse de acordo coa maior puntuación obtida nos seguintes criterios establecidos:

– 1º criterio: maior puntuación no criterio b) «Elaboración dun Plan estratéxico e de actuación da entidade relacionado coas actividades que se van desenvolver no CIS Tecnoloxía e Deseño durante o período de ocupación».

– 2º criterio: maior puntuación no criterio c) «Experiencia demostrada no obxecto do Plan estratéxico».

– 3º criterio: maior puntuación no criterio d) «Capacidade tractora no eido de sectores estratéxicos para a Comunidade Autónoma».

• No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

4. No informe que elabore a Comisión de Selección figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a concesión demanial, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.

5. A Comisión de Selección, para realizar o seu labor, poderá solicitar todos os informes técnicos que considere precisos e emitirá unha acta en que se concrete o resultado da selección efectuada.

Artigo 13. Criterios de valoración e selección

A puntuación de cada solicitude, que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria, realizarase sobre un total de 60 puntos segundo os seguintes criterios e baremo:

a) Perfil innovador da entidade solicitante (25 %).

– Ata 5 puntos: obxecto social da empresa.

– Ata 5 puntos: catálogo de produtos, solucións e servizos enfocados á transformación dixital da industria.

– Ata 5 puntos: os KPI (indicadores clave de desempeño) de innovación:

• Patentes solicitadas e concedidas.

• Porcentaxe de inversión en I+D+i.

• Porcentaxe de persoal dedicado á I+D+i.

b) Elaboración dun plan estratéxico e de actuación da entidade relacionado coas actividades que se vaian desenvolver no CIS Tecnoloxía e Deseño durante o período de ocupación (25 %).

– Ata 5 puntos: accións de difusión e concienciación na tecnoloxía e transformación dixital.

– Ata 5 puntos: actividades complementarias e que xeren sinerxías en consonancia:

• Coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da Industria 4.0, especialmente coas prioridades e obxectivos do programa Horizonte 2020.

• Coa Axenda de competitividade industrial 4.0, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015.

• O Plan estratéxico de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na sesión do 28 de xaneiro de 2016.

– Ata 5 puntos: Plan de colaboración con universidades e centros de formación profesional da Comunidade galega.

c) Experiencia demostrada no obxecto do Plan estratéxico que se indica na letra anterior – Actividade dirixida á difusión e formación en tecnoloxías dixitais (25 %).

– Ata 7,5 puntos: relación con universidades e centros tecnolóxicos.

– Ata 7,5 puntos: experiencia na realización de eventos orientados á difusión da transformación dixital da industria.

d) Capacidade tractora no eido de sectores estratéxicos para a Comunidade Autónoma (12,5 %).

– Ata 7,5 puntos: experiencia no desenvolvemento de proxectos de transformación dixital en empresas de sectores estratéxicos, vinculados á Estratexia de especialización intelixente de Galicia, en especial o naval/construción marítima.

e) Beneficios ao contorno Ferrolterra (12,5 %).

– Ata 7,5 puntos: proposta de sectores e ámbitos que poderían resultar beneficiarios das actividades realizadas no espazo concedido.

Artigo 14. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Valoración Patrimonio, para que emita informe favorable á concesión demanial. Posteriormente, o presidente da Axencia Galega de Innovación poderá ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de forma individualizada as solicitudes propostas para obteren a concesión demanial e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras.

No expediente tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que o adxudicatario cumpre os requisitos necesarios para acceder á concesión demanial.

2. As resolucións expresarán, cando menos:

– A denominación da entidade adxudicataria.

– A lista de solicitudes non adxudicatarias.

– A desestimación expresa do resto das solicitudes.

3. En todo caso, deberá notificarse ao adxudicatario un documento que estableza as condicións para exercer o titulo habilitante que lle permita o uso do espazo obxecto da concesión demanial.

4. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 1 mes contado a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. De non mediar resolución expresa no dito prazo, mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria e do beneficiario da concesión demanial.

Artigo 16. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 17. Identificación das instalacións no CIS, Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño, obxecto da concesión demanial

As dependencias que son susceptibles de ser ocupadas polo concesionario a través da concesión demanial é unha superficie estimada de 386,05 m2 localizados no edificio principal, indicados no plano que se incorpora como anexo I.

Artigo 18. Autorizacións e licenzas

As autorizacións afectarán unicamente a concesión realizada por GAIN, sen que iso supoña a exención de calquera outro réxime de intervención que deba ser outorgado de conformidade coa lexislación singular para a habilitación de locais con destino á realización das actividades previstas a cargo do concesionario.

Os usos deberán axustarse ao previsto na lexislación urbanística de conformidade co plan xeral de ordenación municipal (PXOM) e os requisitos e condicións impostos pola Administración local.

No suposto de que calquera ordenamento urbanístico ou calquera norma de igual ou superior rango non permita a utilización das actividades que nel se desenvolverán, procederase á resolución da concesión.

Artigo 19. Rescate

GAIN resérvase o dereito a deixar sen efecto a concesión demanial, se o xustificasen circunstancias sobrevidas de interese público, mediante o resarcimento dos danos que se causaren, ou sen o dito resarcimento cando non procedese, de conformidade co disposto na Lei 5/2011, do 30 de setembro.

Artigo 20. Obrigas do concesionario

O concesionario comprométese a:

a) Utilizar a instalación anteriormente descrita de acordo coas condicións estipuladas nesta resolución e para a finalidade descrita nela.

O concesionario asumirá a xestión e explotación das instalación obxecto da concesión, polo que a explotación figurará para todos os efectos ao nome do concesionario.

b) Exercer por si a autorización especial da concesión e non cedela, alugala ou traspasala a terceiros. O incumprimento da dita obriga levará automaticamente a perda da concesión, todo iso sen prexuízo das accións legais pertinentes.

c) No caso de que no espazo obxecto da concesión demanial, segundo as necesidades do concesionario, for necesario realizar obras, estas deberán realizarse logo de autorización da Axencia Galega de Innovación.

No documento de formalización da concesión demanial deberá constar, segundo o artigo 129 do Regulamento de patrimonio, as obras e instalacións que, se é o caso, se realizasen e establecerase un prazo para a súa execución, así como a prohibición de realizar outras obras distintas das autorizadas.

Se ao longo da vida da concesión se precisasen novas obras, deberán formalizarse novamente, logo de autorización pertinente da Axencia.

Segundo a natureza das obras, a Axencia reservarase a reversión ou non das obras e instalacións ao rematar a concesión. Este aspecto determinarase ao coñecer o alcance das obras, cando se autoricen, e constará no documento de formalización da concesión; sen prexuízo do anterior, o concesionario estará obrigado a repoñer ao estado orixinal o espazo obxecto da concesión demanial.

d) Contar con autorización expresa e escrita da GAIN para a instalación de publicidade no recinto e para a realización de calquera modificación das instalacións e servizos, que en calquera caso quedarán a beneficio da GAIN.

e) Manter a instalación en bo estado e adoptar todas as medidas necesarias para o coidado do espazo.

f) Non realizar servizos que non se axusten á actividade natural obxecto da concesión.

g) Asumir todos os gastos derivados da explotación das instalacións, que correrán a cargo do concesionario.

h) Asumir os gastos xerais de auga, luz, calefacción, limpeza, teléfono e a vixilancia das instalacións, ou calquera outro, para o cal se establece o pagamento da cantidade de 1.328,01 (sen IVE) euros mensuais. Este importe responde á asunción dos gastos xerados por mor da ocupación e uso das instalacións do CIS Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño, coa finalidade de evitar que a concesión orixine un maior gasto. Esta cantidade revisarase anualmente para garantir que o seu importe satisfaga a proporcionalidade entre o posible incremento dos gastos xerais e superficie ocupada pola concesión demanial.

Os cálculos realizáronse tomando como fonte os gastos correntes totais do inmoble e aplicáronse en relación coa porcentaxe de ocupación solicitada respecto á totalidade do edificio. A ocupación do espazo susceptible de cesión ascende a un 5,07 % da superficie total do CIS Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño.

Co aboamento do importe anterior por parte da entidade adxudicataria preténdese que esta sufrague os gastos que lle corresponden e que se xeran por mor da súa ocupación e uso das instalacións do CIS; deste xeito evítase que a concesión orixine un maior gasto. O importe anterior estímase considerando os metros cadrados de ocupación ofertados na convocatoria e que corresponderán a un único adxudicatario.

i) Posuír unha póliza de aseguramento de responsabilidade civil por posibles danos a terceiros. Respecto da responsabilidade civil, establécese un mínimo xeral de 3.000.000 € e un sublímite por vítima de 600.000 €.

A Administración xeral da Comunidade Autónoma será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período da concesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

j) Contratar e pagar todo o seu persoal propio, así como cumprir a lexislación laboral, sen que o dito persoal pase a depender en ningún caso da GAIN. O concesionario remitirá unha relación actualizada do seu persoal á GAIN para facilitar o acceso ás instalación e GAIN poderá inspeccionar o acceso das persoas ás instalacións.

k) Cumprir a lexislación vixente en materia de seguridade e hixiene dos edificios de utilización pública.

l) Levar un inventario de bens mobles.

m) Custodiar os bens que non son da súa propiedade.

n) Indemnizar terceiros polos danos que se ocasionen a causa do desenvolvemento das actividades que realizará a entidade concesionaria.

ñ) Permitir que, en calquera momento, o persoal de GAIN poida inspeccionar o estado de conservación das instalacións/locais, e de observarse algunha deficiencia estará obrigado a reparala no prazo que se impoña.

Artigo 21. Dereitos do concesionario

1. Ser respectado por terceiros na súa condición de concesionario, co apoio e protección necesarios da GAIN para que poida realizar as actividades previstas con normalidade.

2. Utilizar, por parte do seu persoal, os espazos comúns do CIS Centro de Innovación e Servizos para a Tecnoloxía e o Deseño, sen prexuízo do uso que o concesionario poida facer doutras instalacións do centro, que estará sometido ás disposicións de reserva de espazos e prezos que rexen o seu alugamento.

Artigo 22. Prazo da concesión

Tal e como indica o artigo 40.4 da Lei de patrimonio de Galicia, as concesións outórganse por tempo determinado.

A concesión outorgarase por un prazo de 5 anos, prorrogable autorizado de maneira expresa e escrita e logo de petición escrita da entidade concesionaria, por períodos anuais. En todo caso, o prazo máximo, incluídas as prórrogas, en ningún caso poderá superar os 75 anos.

Establécese a obriga do concesionario de abandonar e deixar libre e vacuo á disposición da Comunidade Autónoma, dentro do prazo de 15 días naturais unha vez que finalice a concesión demanial, o espazo obxecto desta.

Artigo 23. Terminación da concesión

1. Serán causas para a terminación da concesión as seguintes:

a) O transcurso do prazo da concesión, que dará lugar á reversión, sen indemnización ningunha.

b) Mutuo acordo entre GAIN e o concesionario.

c) Desaparición da entidade concesionaria, ou cando aquela quede sen ningún tipo de actividade.

d) O cambio da actividade da entidade concesionaria, salvo que sexa autorizado pola GAIN.

e) O incumprimento das cargas e obrigas impostas ao concesionario na presente resolución.

f) O incumprimento do requisito establecido no artigo 40.5 da Lei 5/2011, do 30 de setembro. De incumprirse o citado precepto, este levaría á terminación inmediata da concesión, sen ningún tipo de indemnización e sen prexuízo das responsabilidades e accións legais que se puidesen iniciar froito da dita actuación.

g) O incumprimento grave das condicións da resolución, que dará lugar á rescisión desta.

h) Calquera outra prevista nas leis e regulamentos de aplicación.

2. Cando se extinga a concesión, as obras, construcións e instalacións serán adquiridas gratuitamente e libres de cargas e gravames pola Administración titular do ben.

3. Ao remate da concesión GAIN determinará se se debe facer a reposición dos bens ao seu estado orixinal.

Artigo 24. Réxime sancionador

Será de aplicación ao concesionario o réxime sancionador establecido no título VIII da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 25. Xurisdición competente

Os bens obxecto da concesión conservarán a súa cualificación xurídica orixinaria como bens de titularidade pública e natureza xurídica demanial.

As cuestións que poidan xurdir acerca do cumprimento ou incumprimento desta serán resoltas previamente polo órgano que resolva o acto administrativo sobre a concesión demanial. De non conformarse o concesionario coa resolución que se adopte, ambas partes sométense expresamente á xurisdición contencioso-administrativa.

A concesión demanial do dereito de uso sobre o inmoble réxese polas condicións establecidas nesta convocatoria e subsidiariamente pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma, Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do patrimonio de Galicia, e pola Lei 33/2003, do 3 de novembro, de patrimonio das administracións públicas, así como pola normativa xeral de contratación das administracións públicas e demais normativa aplicable.

Disposición adicional. Protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Galega de Innovación, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectira no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file