Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 21 de xullo de 2020 Páx. 28819

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 103/2020, do 2 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-551, puntos quilométricos 29+000 a 32+700, coa clave PO/17/149.06, no concello de Moaña.

Antecedentes:

Primeiro. O día 3 de abril de 2018, publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 64 o Anuncio do 20 de marzo de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora de seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-551, puntos quilométricos 29+000 a 32+700, coa clave PO/17/149.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise das alegacións, informes e certificados presentados, o 9 de xuño de 2020 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora de seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-551, puntos quilométricos 29+000 a 32+700, coa clave PO/17/149.06.

Este proxecto ten por obxecto definir, xustificar e valorar as obras necesarias para levar a cabo unha serie de actuacións que permitan evitar ou mitigar a accidentalidade que se vén producindo nos últimos anos no treito considerado.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de xullo de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora de seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-551, puntos quilométricos 29+000 a 32+700, coa clave PO/17/149.06.

Santiago de Compostela, dous de xullo de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade