Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 21 de xullo de 2020 Páx. 28923

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se somete a información pública o informe proposta sobre a adquisición dun terreo para a execución dunha pasarela peonil sobre o río Eume, dentro do Parque Natural As Fragas do Eume.

Introdución, descrición análise e estado, para os efectos da súa expropiación.

O Parque Natural As Fragas do Eume foi declarado mediante o Decreto 218/1997, do 30 de xullo (DOG nº 153, do 11 de agosto). Esta declaración supón establecer un réxime xurídico especial para este espazo, orientado á protección e conservación desta área natural que, aínda alterada pola intervención humana, ten de sobra xustificado a importancia e representatividade dos seus ecosistemas e paisaxes.

O parque natural constitúe unha categoría dos espazo naturais protexidos que prevía o artigo 9 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que resultou derrogada pola Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia. Neste sentido, o artigo 25 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, vén igualmente regular esta categoría de espazo protexido e sinala que a cualificación dun espazo como parque natural supón a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos, o que comporta, entre outros efectos segundo o artigo 32 desta lei, a declaración de utilidade pública para os efectos expropiatorios de todos os bens e dereitos incluídos dentro do seu ámbito.

Un dos principios que preside a xestión dos parques naturais é garantir un uso público dos espazos protexidos acorde coa protección dos recursos, fomentando o coñecemento e difusións dos seus valores, e facilitando que os cidadáns podan visitar estes espazos, como un aspecto transcendente na súa protección.

Neste sentido, o informe proposta da Subdirección Xeral de Espazos Naturais, do 13 de xullo de 2020, pon de relevo a necesidade de adquirir unha franxa dunha parcela, co obxecto de poder situar nela un dos apoios da pasarela peonil sobre o río Eume na ruta que une o centro de visitantes e o Mosteiro de Caaveiro dentro do Parque Natural Fragas do Eume. Esta pasarela configúrase como o instrumento adecuado para permitir que os visitantes ao parque e mesmo os veciños poidan cruzar o río e acceder a sendeiros existentes na outra vertente.

O dito informe proposta foi aprobado pola Resolución da directora xeral de Patrimonio Natural o 14 de xullo de 2020 e, en consecuencia, para os efectos do disposto nos artigos 17 e 18 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, e os concordantes do Regulamento de expropiación forzosa,

RESOLVO:

Abrir o período de información pública durante o prazo de vinte días hábiles, computados na forma prevista no artigo 17, parágrafo primeiro, do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, coa finalidade de que o/os propietario/s que figuran na relación anexa e as persoas ou entidades que se consideran afectadas poidan, mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e de conformidade co artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, emendar ou rectificar os posibles erros da relación de bens e dereitos afectados pola expropiación.

O informe proposta, a resolución da directora xeral de Patrimonio Natural pola que se aproba aquel e o plano parcelario permanecerán expostos nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

– Concello de Cabanas.

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de Conservación da natureza:

https://cmatv.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion

As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

• Mediante correo electrónico ao seguinte enderezo:

planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Expropiación predio Fragas do Eume» (opción preferente).

• Mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral do Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e os representantes dalgunhas das anteriores.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2020

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados

Titular catastral: veciños de Cabanas.

Predio: polígono 6, parcela 1219.

Superficie: 11.4661 ha.

Domicilio fiscal: Concello de Cabanas.

Bens afectados:

1.338 m2

Solo non urbanizable de protección forestal (SNUPF)

12 ud.

Quercus robur de d= 15-20 cm

5 ud.

Quercus robur de d= 20-25 cm