Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 20 de xullo de 2020 Páx. 28679

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura e Turismo, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Xesús Bal y Gay.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Xesús Bal y Gay, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. Enrique Rodríguez Baixeras, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Xesús Bal y Gay constituíuse en escritura pública outorgada na Coruña o 19 de febreiro de 2020, polo notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número 311 do seu protocolo, por Enrique Rodríguez Baixeiras, José Arnau Sierra, José Francisco Rivas Chavarría, María del Cielo Fernández Fernández, Antonio Rodríguez Baixeiras, Luís Cámara Palomares, Nerea Rodríguez Rouco, Alba Rodríguez Pérez, José Manuel Romero Moreno e Rafael Rodríguez Postigo, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. A Fundación Xesús Bal y Gay, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto ou fins principais:

a) Promover e fomentar o coñecemento da música clásica en todas as súas manifestacións e, en particular, a difusión do seu coñecemento mediante a organización de actividades e eventos de todo tipo vinculados á música clásica.

b) A recadación de fondos e obtención de axudas –xa sexan subvencións, donativos, ou axudas de calquera outra índole– destinadas a financiar actividades de formación, de comunicación, de divulgación e de coñecemento da música clásica, en particular, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Fomentar e impulsar a organización de festivais de música clásica e, en particular, o Festival de Música Bal y Gay.

d) Promover e fomentar a realización de actividades musicais en ámbitos xeográficos e lugares con dificultades para o acceso ás actividades relacionadas ou vencelladas co coñecemento e o desfrute da música clásica.

4. Na escritura de constitución da Fundación constan os extremos relativos á personalidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme aos preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O Padroado inicial da Fundación está formado por Enrique Rodríguez Baixeras como presidente; José Arnau Sierra como vicepresidente primeiro; José Manuel Romero Moreno como vicepresidente segundo; José Francisco Rivas Chavarría como tesoureiro; Nerea Rodríguez Rouco como secretaria; e Rafael Rodríguez Postigo, María del Cielo Fernández Fernández, Antonio Rodríguez Baixeras, Luís Cámara Palomares e Alba Rodríguez Pérez como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Xesús Bal y Gay, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 23 de xuño de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 136, do 9 de xullo) clasificouse de interese cultural a Fundación Xesús Bal y Gay, e adscribiuse á Consellería de Cultura e Turismo para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Xesús Bal y Gay, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Xesús Bal y Gay.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura e Turismo.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo