Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Xoves, 16 de xullo de 2020 Páx. 28264

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 25 de xuño de 2020 pola que se autoriza o bloque común das actividades de formación promovidas polas federacións deportivas, no CAD Jesús Morlán Fariña de Verducido, Pontevedra.

A titularidade do Centro Autorizado de Ensinanzas Deportivas (CAD) Jesús Morlán Fariña, de Verducido, Pontevedra, solicita autorización para impartir o bloque común das actividades de formación promovidas polas federacións deportivas.

Por Orde do 6 de novembro de 2017 (DOG do 22 de novembro) autorizouse ao CAD Jesús Morlán Fariña para impartir, en réxime presencial, as ensinanzas conducentes aos títulos de técnico deportivo en Piragüismo en Augas Tranquilas, Piragüismo en Augas Bravas e Piragüismo Recreativo Guía en Augas Bravas, e técnico deportivo superior en Piragüismo en Augas Tranquilas e Piragüismo en Augas Bravas; así mesmo, pola Orde do 11 de abril de 2019 (DOG do 8 de maio) autorizouse o dito centro para impartir en réxime a distancia as ensinanzas conducentes aos títulos de técnico deportivo en Piragüismo en Augas Tranquilas, Piragüismo en Augas Bravas e Piragüismo Recreativo Guía en Augas Bravas (anexo XVIII do Decreto 109/2017).

A disposición transitoria primeira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, establece que o bloque común das formacións deportivas en período transitorio terá carácter de ensinanzas oficiais e impartirase en centros autorizados para tal fin polas administracións competentes.

A Orde ECD/158/2014, do 5 de febreiro, regula os aspectos curriculares, os requisitos xerais e os efectos das actividades de formación deportiva, a que se refire a disposición transitoria primeira do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, regula os requisitos e o procedemento para a autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia; norma desenvolvida polas ordes desta consellería do 12 de abril de 2004 e do 23 de abril de 2004, en que se determinan o procedemento de autorización e os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos con que deben contar os centros.

Por canto antecede, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Autorizar o CAD Jesús Morlán Fariña, de Verducido, Pontevedra, código 36024975, para impartir o bloque común das actividades de formación promovidas polas federacións deportivas.

Artigo 2. Inicio da actividade

Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia.

Artigo 3. Inscrición no rexistro de centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Modificación da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando deban modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional