Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 15 de xullo de 2020 Páx. 28126

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 26 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do II Premio empregados/as públicos/as innovadores/as, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN822D).

BDNS (Identif.): 515016.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da Resolución do 26 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Premio empregados/as públicos/as innovadores/as e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de suvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderá participar nesta convocatoria todo o persoal funcionario e laboral, incluído no artigo 4.a), 4.c) e 4.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (https://boe.es/boe/dias/2015/05/23/pdfs/BOE-A-2015-5677.pdf).

A forma de participación poderá realizarse a título individual ou conformando un equipo de traballo. O número máximo de persoas para conformar unha candidatura é de tres persoas e, neste caso, indicarase expresamente a persoa física designada como portavoz do equipo, que será a encargada das comunicacións.

Segundo. Obxecto

A finalidade do premio é recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia xa que fai posible unha Administración pública máis eficiente, moderna e innovadora capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía (código do procedemento IN822D).

Terceiro. Bases reguladoras

As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Cuarto. Contía

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A3.561A.480.0 do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2020, ata un importe máximo de 6.000 euros coa seguinte estimación de detalle:

As persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de 2.000 euros se se trata dunha solicitude individual. Se a solicitude e dun equipo, o importe do premio en metálico será de 3.000 euros para o conxunto do equipo.

As persoas gañadoras deben facilitar un certificado de conta bancaria da súa titularidade e declarar sobre a veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio. O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dos meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Sexto. Outros datos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación