Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 14 de xullo de 2020 Páx. 27917

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de xullo de 2020 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Pictoaplicaciones.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Pictoaplicaciones con domicilio na rúa das Palmeiras, 1, no Milladoiro, Ames (A Coruña).

Feitos:

1. O 4 de xuño de 2020, a Fundación presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Pictoaplicaciones constituíuna en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 26 de maio de 2020, ante o notario José Manuel Amigo Vázquez, co número de protocolo 1.104, a entidade Grupo Promedia Soluciones Multimedia para Empresa, S.L., que actúa representada neste acto polos seus administradores solidarios Gonzalo García Figueroa e José Miguel García García.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto: «promover actividades de aplicación, formación, divulgación, promoción, estudo e investigación relacionadas cos campos das persoas con capacidades diferentes, a educación, as novas tecnoloxías, o desenvolvemento e a cultura, así como outros campos relacionados cos anteriores que permitan unha optimización dos recursos da Fundación e melloren a inclusión e a calidade de vida de persoas con capacidades diferentes».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Miguel García García, como presidente; María Dolores Lago Rincón, como vicepresidenta; Gonzalo García Figueroa, como secretario, e a entidade Grupo Promedia Soluciones Multimedia para Empresa, S.L., representada por Gonzalo García Figueroa, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Pictoaplicaciones, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 22 de xuño de 2020,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Pictoaplicaciones e adscribila ao protectorado da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza