Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 7 de xullo de 2020 Páx. 27012

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 19 de xuño de 2020, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a clasificación, por sentenza xudicial, do monte veciñal en man común da Voutureira, no concello de Carballedo (expediente 1/2020).

Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 10 de xuño de 2020 figura o seguinte acordo:

Monte da Voutureira, pertencente aos veciños do lugar da Voutureira, da parroquia de Chouzán, do termo municipal de Carballedo. O 29 de maio de 2019 recíbese unha copia autenticada da sentenza firme ditada polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Chantada, do 3 de setembro de 2018, no procedemento ordinario 44/2018, na cal, estimando integramente a demanda presentada, se declara: «[...] que o terreo descrito no feito segundo da demanda é monte veciñal en man común do lugar da Voutureira, parroquia de Chouzán, pertencente aos veciños do dito lugar en réxime de comunidade xermánica e sen asignación de cotas [...]».

O 6 de marzo de 2020, o Servizo de Montes elabora unha carpeta (número 41/2019) coa memoria e cartografía que se corresponden co dito monte declarado pola sentenza e na cal se recollen os predios clasificados e os lindeiros. O monte da Voutureira, pertence aos veciños do lugar da Voutureira, da parroquia de Chouzán, no termo municipal de Carballedo, e ten unha superficie de 34,3 ha.

Unha vez examinada a dita sentenza, o xurado, por unanimidade, acorda dar cumprimento ao establecido nela, de xeito que se proceda á súa inscrición na sección provincial do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, coa planimetría e lindeiros que constan na carpeta elaborada polo Servizo de Montes, e asignarlle o número de expediente 1/2020.

Ao descoñecerse o nome e enderezo dos posibles titulares de dereitos e intereses sobre o referido monte, por medio do presente anuncio, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, comunícase o dito acordo.

Este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

Lugo, 19 de xuño de 2020

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo