Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 6 de xullo de 2020 Páx. 26773

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2020 pola que se aproba o documento de modificación da delimitación dos espazos e dos usos portuarios do porto de Canido (Vigo, Pontevedra).

A Área de Explotación e Planificación Portuaria da entidade pública empresarial Portos de Galicia redactou o documento de modificación da delimitación dos espazos e dos usos portuarios (DEUP) do porto de Canido, instalacións portuarias situadas no termo municipal de Vigo, na provincia de Pontevedra, e adscritas á entidade pública para a súa xestión.

Este documento foi redactado e tramitado de acordo co disposto nos artigos 52 e 53 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 236, do 14 de decembro).

Na reunión do Consello Reitor de Portos de Galicia que tivo lugar o día 22 de maio de 2020, este acordou dar a súa conformidade á proposta de modificación da DEUP do porto de Canido, así como elevala e propoñela para a súa aprobación a través da Consellería do Mar.

Unha vez visto o informe sobre o trámite da proposta de modificación da DEUP da xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria de Portos de Galicia, do 3 de abril de 2020, que conta coa conformidade do director da entidade pública empresarial, do 6 de abril de 2020, así como o Acordo do seu consello reitor, do 22 de maio de 2020, dando a conformidade á proposta da modificación da DEUP do porto de Canido e elevándoa e propoñéndoa para a súa aprobación, a Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Mar conferida mediante a Orde do 30 de marzo de 2012, resolve:

Aprobar o documento de modificación da delimitación dos espazos e dos usos portuarios do porto de Canido (Vigo, Pontevedra), na súa última versión redactada polos servizos técnicos da dita área, asinada en xaneiro de 2020 polos enxeñeiros de camiños, canais e portos da entidade pública empresarial Andrés D. Cervantes Refojos, xefe do Departamento de Planificación Portuaria, e Ana Isabel Calzadilla Bouzón, xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2020

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia