Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 3 de xullo de 2020 Páx. 26366

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 23 de xuño de 2020 pola que se establece o procedemento de recoñecemento de especialidades do persoal funcionario de carreira do corpo de mestres (código de procedemento ED020A).

O Real decreto 1594/2011, do 4 de novembro, establece as especialidades docentes do corpo de mestres que desempeñen as súas funcións nas etapas de educación infantil e de educación primaria reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

A disposición derradeira primeira do real decreto establece que lle corresponde ao Ministerio de Educación e aos órganos competentes das comunidades autónomas, no ámbito das súas competencias respectivas, ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto neste real decreto.

O artigo 4.2.b) do citado real decreto establece a posibilidade de adquirir outras especialidades cando se posúan as titulacións ou requisitos que figuran no seu anexo.

Por Orde do 10 de xaneiro de 2012 estableceuse o procedemento de recoñecemento de especialidades do persoal funcionario de carreira do corpo de mestres.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece a obriga de relacionarse electronicamente coa Administración aos/ás seus/súas empregados/as para os trámites e actuacións que realicen con elas por razón da súa condición de empregados/as públicos/as. Por esta razón, resulta preciso proceder a aprobación dunha nova orde que regule o procedemento atendendo a obriga recollida na citada lei.

Na súa virtude, procede regular o procedemento de recoñecemento de especialidades do corpo de mestres, polo que esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Persoas solicitantes

Poderá solicitar o recoñecemento de novas especialidades o persoal funcionario de carreira do corpo de mestres (código de procedemento ED020A).

Segundo. Requisitos

O persoal funcionario de carreira do corpo de mestres deberá posuír algunha das titulacións ou requisitos que figuran no anexo do Real decreto 1594/2011, do 4 de novembro, polo que se establecen as especialidades docentes do corpo de mestres que desempeñen as súas funcións nas etapas de educación infantil e de educación primaria reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Terceiro. Solicitudes

1. Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

As solicitudes tamén poderán cubrirse na páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos http://www.edu.xunta.es/datospersoais e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. Documentación que se presenta necesaria para a tramitación do procedemento.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Para o caso de non dispor do título, certificación académica oficial que acredite que se realizaron todos os estudos para a súa obtención xunto coa documentación acreditativa do pagamento dos dereitos de expedición deste. Deberá presentarse a credencial da súa homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión de mestre en educación primaria ou en educación infantil, no caso de titulacións obtidas no estranxeiro.

b) Título no caso das persoas que posúan o título de mestre/a de ensino primario, diplomatura en profesorado de educación xeral básica, mestre/a ou grao de mestre/a en educación primaria e aqueloutras persoas que posúan unha titulación de licenciatura en Filosofía e Letras ou en Filosofía e Ciencias da Educación para os que se require dunha sección e/ou subsección determinada, a licenciatura en Filoloxía, Licenciatura en Tradución e Interpretación ou o grao no ámbito dunha lingua estranxeira. No suposto de non constar no título a especialidade ou, de ser o caso, a lingua estranxeira deste, deberá achegarse, ademais, a certificación académica.

c) Certificación académica oficial expedida pola universidade acreditativa da obtención da mención, no caso de persoas graduadas en educación primaria que obtivesen unha mención nunha universidade distinta da que obtiveron o título e aleguen esta mención para obter o recoñecemento da especialidade.

d) Certificado de nivel avanzado, de aptitude ou nivel intermedio B2 do idioma correspondente das escolas oficiais de idiomas, título profesional de música da Lei orgánica 1/1990 ou da Lei orgánica 2/2006 e título superior de música da Lei orgánica 1/1990 ou titulacións declaradas equivalentes para efectos de docencia.

Non será necesario achegar a anterior documentación no caso de terse presentado anteriormente e constar xa na base de datos do profesorado (www.edu.xunta.es/datospersoais).

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Cuarto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou da persoa representante.

b) Títulos oficiais universitarios que consten no Rexistro Central do Ministerio de Educación, agás os de mestre/a de ensino primario, diplomatura en profesorado de educación xeral básica, mestre/a ou grao de mestre/a en educación primaria e aqueloutras persoas que posúan unha titulación de licenciatura en Filosofía e Letras ou en Filosofía e Ciencias da Educación para os que se require dunha sección e/ou subsección determinada, licenciatura de Filoloxía, licenciatura en Tradución e Interpretación ou o grao no ámbito dunha lingua estranxeira.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que non se modificasen as circunstancias, agás os informes médicos que deberán ser actualizados. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Quinto. Requirimento para emendas

Conforme o previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, efectuarase un requirimento para que, de ser o caso, as persoas interesadas, no prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acompañen os documentos preceptivos á solicitude.

Sexto. Notificacións

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos de acordo co establecido nesta orde practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na norma reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se aceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será nos meses de xuño e setembro de cada ano.

Oitavo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Noveno. Resolución

A resolución pola que se recoñece a nova especialidade será ditada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Humanos.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os cinco meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse rexeitadas por silencio administrativo.

Contra a resolución ditada, que non lle pon fin á vía administrativa, a persoa interesada poderá formular recurso de alzada no prazo dun mes ante a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, de acordo cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décimo. Recoñecemento de oficio

A especialidade de educación primaria será recoñecida de oficio pola Administración educativa ao persoal funcionario de carreira do corpo de mestres que posúa algunha das titulacións que para esta especialidade se determinan no anexo do Real decreto 1594/2011, do 4 de novembro.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicacións institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 10 de xaneiro de 2012 pola que se establece o procedemento de recoñecemento de especialidades do persoal funcionario de carreira do corpo de mestres.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file