Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 3 de xullo de 2020 Páx. 26301

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros de lecer para persoas residentes no exterior durante o ano 2020 (código de procedemento PR926F).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estado español, a través da Dirección Xeral do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), ven convocando todos os anos o programa de turismo destinado ao colectivo de persoas maiores que sexan perceptoras de pensións de xubilación, viuvez, pensionistas por outros conceptos do sistema de Seguridade Social, aseguradas ou beneficiarias do sistema de Seguridade Social español ou perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego.

Neste programa podía participar aquel colectivo de maiores emigrantes con nacionalidade española e residentes no resto de países de Europa.

Na última convocatoria publicada pola Dirección Xeral do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), establécese que este colectivo de persoas emigrantes residentes en países do resto de Europa poderá participar no programa de turismo sempre que acrediten ser pensionistas do Sistema de Seguridade Social do Estado español. Requisito que antes non se exixía e que agora priva da posibilidade de poder participar nel a un gran número de persoas emigrantes españolas, entre elas as persoas galegas emigrantes, debido ao escaso número de persoas que poden cumprir este novo requisito.

Por iso, a Secretaría Xeral da Emigración convoca o programa «Reencontros de lecer» a través do cal, as persoas emigrantes galegas poidan viaxar a Galicia a custo reducido para estreitaren vínculos coa terra que os viu nacer e contribuír a mellorar a calidade de vida, saúde e benestar deste colectivo.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas correspondentes ao programa «Reencontros de lecer» para o ano 2020, orientado a promover o contacto das persoas galegas residentes en países europeos coa súa terra, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia, e contribuír a mellorar a calidade de vida, saúde e benestar deste colectivo.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as devanditas axudas para o ano 2020 (código de procedemento administrativo PR926F).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. Ser emigrante galega ou filla/fillo de persoa emigrante galega.

1.2. Ter a nacionalidade española.

1.3. Residir en países de Europa de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos.

1.4. Ter, cando menos, 60 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.5. Percibir, no respectivo país de residencia, unha pensión de xubilación, de viuvez ou ser pensionista por outros conceptos. Así mesmo, tamén poderán ser beneficiarias aquelas persoas que sexan perceptoras de prestacións ou subsidios de desemprego.

1.6. Para seren persoas beneficiarias deste programa, coa excepción dos/as fillos/as con discapacidade, será necesario que poidan valerse por si mesmas para realizar as actividades básicas da vida diaria e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe e participar en actividades de lecer, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.

2. Poderán ser beneficiarias, como acompañantes, as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade ás persoas solicitantes indicadas no punto 1, sempre que cumpran os requisitos establecidos no punto 1.3 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.

3. As persoas beneficiarias deste programa poderán ir acompañadas dos/das fillos/fillas con discapacidade, en grao igual ou superior ao 45 por cento, sempre que estean a cargo dos seus pais e se aloxen na mesma habitación ou, no seu caso, abonen o suplemento establecido para habitacións individuais que estará suxeito á dispoñibilidade de praza.

4. No caso das relacións de feito análogas ao matrimonio, as persoas solicitantes terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano, e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. No caso de teren descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.

5. Non poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que, no ano da convocatoria, fosen beneficiarias do programa de turismo do Estado español convocado a través da Dirección Xeral do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso).

Artigo 3. Características do programa

1. Os servizos que inclúe o programa son os seguintes:

a) Viaxes de ida desde o país de residencia habitual da persoa solicitante ata un aeroporto de Galicia e a viaxe de retorno ao dito país.

b) Transporte de ida dende o aeroporto de chegada a Galicia ata o establecemento hoteleiro e dende éste ao aeroporto o día de retorno ao país de residencia.

c) Aloxamento durante 8 días e 7 noites en hotel balneario de tres estrelas ou superior, situado na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de pensión completa en habitación dobre para compartir, coa opción de habitación individual aboando o suplemento e suxeita a dispoñibilidade.

d) Programa de actividades de lecer, que contará cun mínimo de dúas excursións ou actividades a recursos turísticos ou poboacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A condición de persoa beneficiaria quedará supeditada ao pagamento do vinte por cento do custe por persoa de cada un dos servizos que inclúe o programa e, de ser o caso, do suplemento por habitación individual.

Este pagamento deberá ser ingresado por transferencia ou tarxeta de pagamento, na conta bancaria da axencia de viaxes designada por concurso público, cunha antelación de 20 días naturais á data sinalada para realizar a viaxe. Entenderase que quen non cumpra con este requisito desiste da súa solicitude. A Secretaría Xeral da Emigración poderá verificar estes aspectos en calquera momento.

3. A prestación de asistencia sanitaria das persoas beneficiarias realizarase de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado español e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, todas as persoas participantes contarán cunha póliza de seguro de viaxe que porá a súa disposición a axencia de viaxes designada por concurso público.

Artigo 4. Prazas convocadas e datas de realización

1. Prazas convocadas.

A asignación do número de prazas, realizada en función do número de persoas galegas residentes en cada país, queda fixada para o ano 2020 do seguinte xeito:

País

Número de prazas convocadas

Alemaña

30

Francia

30

Reino Unido

30

Suiza

30

Resto Países de Europa

30

Total

150

As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 30 % do total, poderán ser redistribuídas proporcionalmente pola Secretaría Xeral da Emigración entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación coas prazas ofertadas.

O número de prazas convocadas poderá incrementarse, na mesma proporción, por países, no caso de que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

2. Datas de realización.

As datas de realización serán, preferentemente, no mes de outubro e terán unha duración de 8 días e 7 noites.

Artigo 5. Financiamento, achegas económicas e compatibilidade das axudas

1. Financiamento.

As subvencións do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Compatibilidade.

As axudas reguladas nesta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes, segundo o modelo do anexo I, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar de xeito presencial as solicitudes asinadas en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, dirixidas á Secretaría Xeral da Emigración, sita na praza de Mazarelos, número 15, código postal 15703, Santiago de Compostela.

Artigo 7. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Non obstante o anterior, e de conformidade co establecido no artigo 32 da LPACAP, a Secretaría Xeral da Emigración, excepcionalmente e por razóns xustificadas, poderá ampliar o prazo de presentación de solicitudes mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular como residente no país de Europa que corresponda.

c) Documentación acreditativa do lugar e da data de nacemento en Galicia da persoa solicitante. Os fillos e fillas que desexen participar no programa deberán acreditar ser descendentes de persoas emigrantes galegas.

d) Documentación acreditativa de que a persoa solicitante é beneficiaria, no respectivo país de residencia, dunha pensión de xubilación ou de viuvez, ou é pensionista por outros conceptos, ou de ser perceptora de prestacións ou subsidios de desemprego.

e) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II, conforme a persoa solicitante é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe e as actividades do programa.

f) Una fotografía recente, tamaño carné.

g) Anexo III da persoa cónxuxe acompañante, se for o caso.

h) Anexo V do/da fillo/a dependente, se for o caso.

i) Libro de familia. No seu defecto, documentación xustificativa da filiación e do matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade.

2. O/a cónxuxe acompañante da persoa solicitante ou persoa unida a ela de feito ou relación análoga de afectividade, de ser o caso, deberá cubrir debidamente o anexo III que se indica na letra g) do punto 1 deste artigo, acompañado da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade: pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.

b) O certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo IV, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe e as actividades do programa.

c) Unha fotografía recente, tamaño carné.

d) Documentación acreditativa da residencia en países de Europa, do lugar e da data de nacemento.

3. A persoa discapacitada que estea a cargo da persoa solicitante, e que desexe participar no programa xunto co seu proxenitor ou proxenitores, deberá cubrir debidamente o anexo V que se indica na letra h) do punto 1 deste artigo, acompañado da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade: pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.

b) O certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo VI, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe e as actividades do programa.

c) Documentación acreditativa de que posúe un grao de discapacidade igual ou superior ao 45 %.

d) Unha fotografía recente, tamaño carné.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos oficiais acreditativos de que a persoa solicitante se atopa vinculada con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia faga imposible a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia non competitiva previsto no artigo 19 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar esta convocatoria será de cinco meses, que comezarán a contarse desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas. Crearase un órgano colexiado que avaliará as solicitudes presentadas e que emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da avaliación. O dito órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

4. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes e documentación reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaborarase a lista provisional de solicitudes admitidas, excluídas e incompletas indicando as causas de exclusión e a documentación que hai que completar. Estas listas publicaranse, no prazo máximo de 90 días desde o final do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal).

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles desde a publicación na páxina web http://emigracion.xunta.gal para formularen as alegacións que consideren oportunas e para a emenda da súa solicitude. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, consideraranse desistidas da súa petición e arquivarase nos termos establecidos no artigo 68 da LPACAP.

Transcorrido este prazo, elaborarase a lista definitiva de solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal).

5. Se a comisión de avaliación así o considera, poderá encargar informes socioambientais, realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos presentados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán terse en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

6. Posteriormente, o órgano colexiado indicado no punto 3 elaborará unha proposta de concesión que o órgano instrutor remitirá á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, para a súa resolución.

7. Unha vez realizada a selección de persoas beneficiarias, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará as correspondentes resolucións e publicarase na páxina web http://emigracion.xunta.gal a relación de persoas beneficiarias e as reservas.

8. As prazas que non sexan cubertas serán ofertadas ás correspondentes reservas seguindo a súa orde de prelación.

9. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá ditar cantas resolucións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria.

Artigo 11. Criterios de selección

1. O sistema de selección das persoas beneficiarias será por sorteo público. Dito sorteo será realizado entre aquelas solicitudes completas e levarase a cabo na sede da Secretaría Xeral da Emigración.

2. A selección dunha solicitude realizada por persoa emigrante galega ou fillo/a de persoa emigrante galega levará implícita a da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, e da persoa ou persoas con discapacidade ao seu cargo sempre que estas veñan incluídas na solicitude e reúnan os requisitos establecidos nesta resolución.

3. As persoas elixidas serán ordenadas segundo o resultado do sorteo e darán lugar ás listas de persoas seleccionadas e de reservas de acordo co número de prazas asignadas a cada país no artigo 4.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibiren notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias, control e seguimento

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a participación no programa; neste caso, a secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

4. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as ditas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean ao seu dispor para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

5. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración, así como dos xuros de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei. O incumprimento das obrigas nos números 1, 2 e 3 deste artigo suporá o reintegro do 100 % da subvención.

Artigo 14. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral da Emigración, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de xeito presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se indica na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

A persoa solicitante deberá indicar na solicitude que presta o seu consentimento para que lle sexa remitida información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar a Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da relación de persoas beneficiarias, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020

O secretario xeral da Emigración
P.S. (Decreto 76/2017, do 28 de xullo)
José Carlos García Bouzas
Subdirector xeral de Xestión
Económico-Administrativa e do Retorno

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file