Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 1 de xullo de 2020 Páx. 25989

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 19 de xuño de 2020 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, para o curso 2020/21.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, e dispón, no seu capítulo VI, o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT). O Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, deu unha nova regulación ás ensinanzas de doutoramento iniciándose unha nova etapa de reorganización xeral dos estudos de posgrao, diferenciando o máster universitario dos programa de doutoramento.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, a Orde do 20 de marzo de 2012, que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma farase mediante orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente, terá que emitir informe o Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

As universidades, logo de ser autorizadas a implantar os estudos, quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na sesión ordinaria do 15 de xuño de 2020, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude das universidades do Sistema universitario de Galicia de implantación dos seguintes títulos unha vez obtidas as resolucións de verificación do ministerio.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se autorice á Universidade da Coruña para implantar, no curso 2020/21, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Arquitectura Técnica. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do grao en Arquitectura Técnica autorizado pola Orde do 5 de setembro de 2014 (DOG do 26 de setembro), con número RUCT 2501022.

2. Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía. Autorizado pola presente orde.

3. Máster universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Autorizado pola presente orde.

4. Máster universitario en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial. Autorizado pola presente orde.

5. Máster universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares. Autorizado pola presente orde.

6. Máster universitario en Visión por Computador pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade de Porto. Autorizado pola presente orde.

Artigo 2

Que se autoricea a Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2020/21 as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Grao en Bioloxía. A autorización de impartición deste título inicia o proceso de extinción do grao en Bioloxía, autorizado polo Decreto 385/2009, do 27 de agosto (DOG do 16 de setembro), con número RUCT 2501101.

2. Grao en Bioquímica. Autorizado pola presente orde.

3. Grao en Empresa e Tecnoloxía. Autorizado pola presente orde.

4. Máster universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo autorizado pola Orde do 24 de outubro de 2014 (DOG do 6 de novembro), con número RUCT 4315056.

5. Máster universitario en Nanociencia e Nanotecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Autorizado pola presente orde.

6. Máster universitario en Planificación e Xestión Territorial. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial autorizado pola Orde do 6 de xuño de 2013 (DOG do 18 de xuño), con número RUCT 4313722.

7. Máster universitario en Visión por Computador pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade de Porto. Autorizado pola presente orde.

8. Programa de doutoramento en Ciencias da Visión pola Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Alcalá, a Universidade de Murcia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Valladolid. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do Programa de doutoramento en Ciencias da Visión pola Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Alcalá, a Universidade de Murcia, a Universidade de Navarra, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Valladolid, autorizado pola Orde do 5 de setembro de 2014 (DOG do 26 de setembro), con número RUCT 5600919.

9. Programa de doutoramento en Turismo pola Universidade Antonio de Nebrija, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Alicante, a Universidade de Cádiz, a Universidade de Extremadura, a Universidade de La Laguna, a Universidade de Málaga, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Sevilla, a Universidade de Vigo, a Universidade Rey Juan Carlos e a Universidade Oberta de Catalunya. Autorizado pola presente orde.

Artigo 3

Que se autorice a Universidade de Vigo para implantar, no curso 2020/21, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. A autorización de implantación deste título inicia o proceso de extinción do máster universitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo autorizado pola Orde do 24 de outubro de 2014 (DOG do 6 de novembro), con número RUCT 4315056.

2. Máster en Dirección e Innovación da Cadea de Subministración. Autorizado pola presente orde.

3. Máster universitario en Industria 4.0 pola Universidade de León e a Universidade de Vigo. Autorizado pola presente orde.

4. Máster universitario en Nanociencia e Nanotecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo. Autorizado pola presente orde.

5. Máster universitario en Visión por Computador pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade de Porto. Autorizado pola presente orde.

6. Programa de doutoramento en Turismo pola Universidade Antonio de Nebrija, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Alicante, a Universidade de Cádiz, a Universidade de Extremadura, a Universidade de La Laguna, a Universidade de Málaga, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Sevilla, a Universidade de Vigo, a Universidade Rey Juan Carlos e a Universidade Oberta de Catalunya. Autorizado pola presente orde.

Artigo 4

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional