Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 23 de xuño de 2020 Páx. 24989

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 16 de xuño de 2020 pola que se habilitan determinados colectivos desta consellería para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obriga da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións. Pola súa banda, no artigo 73 prevé a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas que, realizadas por medios electrónicos, afecten a información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional, ou noutras actuacións en que legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización.

A Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo de habilitación regulamentaria de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

No ámbito competencial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda son varias as normas con rango de lei que consideran determinados empregados públicos axentes da autoridade cando desenvolven a súa actividade no marco normativo delas.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, establece no seu artigo 151.2 que o persoal funcionario adscrito á inspección e vixilancia urbanística, no exercicio das súas funcións, terá a consideración de axente da autoridade.

A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, establece no artigo 30.2 que o persoal funcionario que exerza a inspección ambiental da Comunidade Autónoma gozará no exercicio das súas funcións da consideración de axente da autoridade.

A Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece no artigo 116.2 que o persoal funcionario con funcións inspectoras dependente da consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural terá a condición de axente da autoridade para os efectos do previsto no artigo 77.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, establece no artigo 35.1 que o persoal funcionario debidamente acreditado para realizar funcións inspectoras pola consellería competente en materia de protección animal ten carácter de axente da autoridade.

A Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, dispón no seu artigo 75.2 que, no exercicio das súas funcións, o persoal que teña a condición de axente facultativo ambiental e o persoal que teña a condición de axente forestal terá a consideración de axente da autoridade.

Finalmente, a Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, recolle no seu artigo 28 que o persoal que teña a condición de axente da gardaría dependente da consellería competente en materia de pesca fluvial se encargará especificamente de velar polo cumprimento dos preceptos establecidos nesta lei e de denunciar as infraccións que contra ela se produzan, tendo, para tales efectos, a consideración de axente da autoridade.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6  da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e o artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto habilitar determinados colectivos de empregados públicos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

Artigo 2. Colectivos de empregados públicos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que se habilitan para o uso do certificado dixital con pseudónimo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda habilita os seguintes colectivos de empregados públicos para o uso do certificado dixital con pseudónimo exclusivamente para o desenvolvemento de funcións en cuxo exercicio teñan a consideración de axentes de autoridade. En concreto:

1. O persoal funcionario das escalas de inspección e subinspección urbanística, dependentes dos servizos provinciais da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, que desenvolva funcións suxeitas ao disposto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

2. O persoal funcionario dependente do Servizo de Intervención Ambiental e dos servizos provinciais de Calidade e Avaliación Ambiental, dependentes da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, que desenvolva funcións suxeitas ao disposto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

3. O persoal funcionario da escala de axentes facultativos ambientais que desenvolva funcións suxeitas ao disposto nas leis 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia; 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia; 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial.

4. O persoal funcionario con titulación en veterinaria que desenvolva funcións suxeitas ao disposto na Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, e na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

5. O persoal funcionario con titulación en bioloxía que desenvolva funcións suxeitas ao disposto na Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

Artigo 3. Emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo

A emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo rexerase polo establecido na Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

En todo caso, o uso do certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, as actas ou os documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control da Administración pública, ou no desempeño daqueloutras funcións en que resulte necesario preservar a identidade do persoal funcionario por concorreren circunstancias ou feitos que aconsellen adoptar esta medida.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda