Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 19 de xuño de 2020 Páx. 24565

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 11 de xuño de 2020 pola que se modifican parcialmente a Orde do 17 de abril de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K de accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2019-2021, a Orde do 17 de abril de 2019, pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K de subvención ás accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, e a Orde do 17 de abril de 2020, pola que se establecen medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19).

Mediante a publicación no DOG núm. 86, do 7 de maio de 2019, da Orde do 17 de abril de 2019, a Consellería de Economía, Emprego e Industria estableceu as bases reguladoras, con vixencia 2019-2021, das subvencións para accións formativas dirixidas a persoas traballadoras desempregadas, procedemento TR301K, de tal maneira que concretaba os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional para o emprego, que teñen por obxecto a cualificación profesional das persoas traballadoras. Ao abeiro desas bases reguladoras aprobaranse as sucesivas convocatorias, como xa aconteceu a través da primeira convocatoria, vixente durante os exercicios 2019 e 2020 (Orde do 17 de abril de 2019; DOG núm. 86, do 7 de maio).

Durante a execución das accións formativas financiadas con cargo á antedita convocatoria 2019-2020 entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49-Bis, do 12 de marzo). Asemade, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada por COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo), e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social por COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

Á vista da situación excepcional creada pola epidemia COVID-19, e das anteditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España, xa se introduciron diversas flexibilizacións na execución das accións formativas financiadas no marco do procedemento TR301K, en canto a límites horarios, reprogramación e posibilidades de impartición mediante medios telemáticos, a través da Orde do 16 de abril de 2020 pola que se modifican parcialmente a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K, polo que se establecen as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2019-2021, e a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia COVID-19, e da Orde do 17 de abril de 2020 pola que se establecen medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19), ambas as ordes publicadas no DOG núm. 81, do 28 de abril.

Na liña das anteditas ordes de flexibilización, cómpre seguir modificando determinados artigos das bases reguladoras e da convocatoria do procedemento TR301K, para adecuar á situación de forza maior provocada pola epidemia COVID-19 diversos aspectos relacionados coa asistencia de alumnado e o seu control, capacidade das instalacións, posibilidade de quendas e adecuación dos requisitos de xustificación e liquidación aos cambios, por razóns de distanciamento social e de saúde pública, o que pode provocar a cancelación de diversos cursos ou a diminución do número de alumnado participante naqueles que se executen.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Modificación da Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2019-2021

Artigo 1. Modificación do artigo 18 das bases reguladoras

Ao artigo 18 das bases reguladoras engádeselle o número 7, que queda redactado do seguinte xeito:

«7. Os anteriores puntos serán de aplicación ás accións formativas que rematasen de executarse, na súa totalidade, o 13 de marzo de 2020.

Aquelas accións formativas que fosen interrompidas na súa execución na dita data, por mor das medidas adoptadas como consecuencia de COVID-19, poderán ser obxecto de liquidación, no que atinxe á parte executada ata o 13 de marzo de 2020, inclusive, polas horas realmente realizadas, o que dará lugar a unha liquidación parcial, á que se lle aplicarán os requisitos ordinarios contidos nestas bases, á marxe de que rematasen ou non por completo o número de horas previstas ou continúe ou non a execución da correspondente acción formativa.

No que atinxe ás accións formativas que continúen ou comecen a súa execución con posterioridade ao 13 de marzo do 2020, deberá aplicárselle o disposto nestas bases, coas seguintes peculiaridades no que respecta á parte executada a partir desta data:

a) As accións formativas que se pasen a impartir en modalidade de teleformación consonte a Orde do 17 de abril de 2020 pola que se establecen medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19), serán liquidadas nas partes ou módulos afectados a razón de multiplicar o número de horas efectivamente así executadas polo número de persoas alumnas cuxa participación se comprobase, polo 70 % do importe do módulo económico €/hora/persoa alumna que para a correspondente especialidade formativa se prevé no anexo I da orde de convocatoria.

No caso das accións formativas que, en virtude da referida Orde do 17 de abril de 2020, fagan uso da aula virtual, serán liquidadas nas partes ou módulos afectados a razón de multiplicar o número de horas efectivamente así executadas polo número de persoas alumnas cuxa participación se comprobase, polo importe íntegro do módulo económico €/hora/persoa alumna que para a correspondente especialidade formativa se prevé no anexo I da orde de convocatoria.

b) O custo subvencionable calcularase en función do custo unitario da hora de formación por persoa alumna que resulte aplicable e do número de horas efectivamente realizadas por cada unha delas durante o desenvolvemento da acción formativa a partir da referida data, sumando o resultado obtido para cada unha das modalidades de impartición empregadas.

A fórmula de cálculo aplicable será:

∑ (horas de alumnado computable en modalidade presencial*custo hora-persoa alumna na modalidade presencial)+(horas de alumnado computable en modalidade teleformación*custo hora-persoa alumna na modalidade teleformación)+(horas de alumnado computable en formación mediante aula virtual*custo hora-persoa alumna mediante aula virtual)=custo subvencionable.

O sumatorio das horas das distintas modalidades de impartición nunca poderá dar un resultado superior á duración da totalidade da acción formativa, nin a fórmula de cálculo poderá dar lugar a un custo subvencionable superior ao importe da subvención concedida para a concreta acción formativa.

c) Para determinar o número de horas computables, unicamente se terán en conta as efectivamente realizadas polo alumnado e que consten debidamente acreditadas a través dos diferentes medios de control de asistencia, nos termos do artigo 35 bis. No caso de discrepancia entre as acreditacións achegadas, utilizarase para a determinación do custo o número de horas que resulte inferior.

Considerarase como falta xustificada se unha persoa alumna en modalidade presencial causa baixa por contaxio de COVID-19, e computaranse para os efectos de liquidación todas as horas xustificadas por esta causa, sempre que a persoa alumna remate a acción formativa.

d) No momento da liquidación garantirase a percepción dun mínimo do 70 % do importe inicialmente concedido por cada acción formativa executada, se esta remata na súa totalidade de horas cun número de persoas alumnas equivalente, cando menos, ao 25 % do número de prazas previstas para o cálculo da resolución de concesión da subvención.

Para estes efectos, computaranse como alumnado que remata a acción formativa todas aquelas persoas alumnas que tivesen realizado o 75 % das horas lectivas da acción formativa (suma de horas do contido específico e dos módulos transversais, de ser o caso)».

Artigo 2. Modificación do artigo 29 das bases reguladoras

Ao artigo 29 das bases reguladoras engádenselle os números 7 e 8, que quedan redactados do seguinte xeito:

«7. As disposicións desta orde en canto a mínimos e máximos de alumnado participante serán de aplicación para aquelas accións formativas que rematasen de executarse, na súa totalidade, o 13 de marzo de 2020. Para o resto de accións formativas, na parte de execución posterior á dita data, rexerá o contido deste apartado.

O mínimo de participantes exixible para reiniciar ou comezar accións formativas con posterioridade ao 13 de marzo de 2020 será de 5 persoas.

O número máximo de persoas alumnas participantes en cada curso en modalidade presencial virá determinada, en cada aula ou obradoiro, pola distancia social de seguridade entre persoas alumnas (frontal, lateral e traseira) que determinen as disposicións das autoridades sanitarias e de prevención de riscos laborais, sen poder superar un máximo de 15 persoas por acción formativa, nos casos en que as instalacións cumpran os requisitos que posibiliten esta capacidade. Este mesmo máximo de 15 persoas será de aplicación ás accións formativas que usen aula virtual.

No suposto de modalidade de impartición por teleformación, o máximo de persoas por acción formativa será o que resulte de dividir o importe da subvención concedida por esa acción entre o módulo €/hora/persoa alumna aplicable, cun máximo de 40 persoas por cada persoa formadora/titora, de tal maneira que a acción formativa correspondente poderá incrementar o número de persoas participantes con respecto ao recollido na resolución de concesión da subvención ata este novo límite máximo.

As disposicións que establezan as administracións competentes en materia sanitaria e de prevención de riscos laborais poderán supor a modificación do sinalado neste punto en canto á distancia social de seguridade e sempre que, no caso de poder reducirse tal distancia, se adopten medidas adicionais de protección da saúde consonte as disposicións, indicacións e recomendacións sanitarias e de prevención de riscos.

As porcentaxes e referencias que ao longo destas bases reguladoras se fan ao alumnado e ás prazas de cada acción formativa deberán calcularse ao que resulte de aplicar este punto ás accións formativas afectadas, excepto no caso da liquidación económica, que será regulada polo artigo correspondente.

8. Para favorecer a selección do alumnado por parte das entidades beneficiarias, coas garantías debidas de seguridade de saúde e hixiene, adoptaranse as correspondentes medidas preventivas e permitirase o uso de medios telemáticos, poderán contar con colaboración por parte das oficinas de emprego á hora de facilitar datos de contacto».

Artigo 3. Redacción do artigo 35 bis das bases reguladoras

Ás bases reguladoras engádese o artigo 35 bis, co seguinte contido:

«Artigo 35 bis. Especificacións de control de asistencia e posibilidade de quendas por razóns de saúde

1. As entidades de formación que impartan accións formativas subvencionadas no marco do procedemento TR301K, que continúen ou comecen a súa execución con posterioridade ao 13 de marzo de 2020, poderán aplicar, por razóns de saúde e para cumprir con disposicións que limiten a capacidade, o establecido neste artigo en materia de controis de asistencia e de horarios, para a parte da acción formativa que se imparta con posterioridade á referida data.

2. Na modalidade de impartición presencial, poderase seguir empregando o control biométrico de asistencia para persoal docente e alumnado mediante pegada dixital sempre que se garanta a seguridade e hixiene suficiente a través do uso de xeles ou composicións hidroalcohólicas, pero tamén se poderá substituír total ou parcialmente, para todos os efectos, a través de tarxeta de fichaxe, DNI electrónico ou sinatura electrónica mediante a captura de sinatura dixitalizada con datos biométricos e por outros métodos que permitan reflectir e ter constancia da hora, dos minutos e segundos de entrada e saída.

Se a entidade acredita suficientemente que non pode implementar algún dos anteditos sistemas de control de asistencia alternativos con anterioridade ao comezo ou á continuación da acción formativa (por desabastecemento no mercado da tecnoloxía necesaria, acreditado documentalmente mediante a certificación de, cando menos, tres empresas provedoras; por negativa, acreditada documentalmente, a empregar calquera dos anteriores métodos por parte do 75 % do alumnado ou por imposibilidade de que a Administración competente proceda á verificación dos datos biométricos), poderá solicitar excepcionalmente á xefatura territorial competente a autorización para que o control de asistencia se limite á sinatura manual do parte de asistencias, con indicación exacta da hora, dos minutos e segundos de entrada e saída. Se a xefatura territorial autoriza este método de control, a entidade beneficiaria deberá presentar, nos termos do seguinte parágrafo, as declaracións responsables individualizadas, asinadas por cada unha das persoas participantes, nas cales ratifiquen a súa asistencia a todas e a cada unha das sesións nos horarios reflectidos nos partes de asistencia, que deberán anexarse á dita declaración.

Os datos de calquera dos métodos de control de asistencia a que se refire este número deberaos mecanizar a entidade beneficiaria no aplicativo Cobipe ou SIFO3, dentro da hora seguinte a que se produza a entrada e/ou a saída. Asemade, a través do aplicativo SIFO3, o mesmo día da sesión formativa, deberán incluír os partes de asistencia e as declaracións responsables escaneados ou facilitar os medios de acceso aos aplicativos correspondentes, nos supostos de fichaxe mediante tarxeta, DNI electrónico ou sinatura electrónica mediante captura de sinatura dixitalizada con datos biométricos ou outros métodos que permitan reflectir e ter constancia da hora, dos minutos e segundos de entrada e saída, para o correspondente control por parte da unidade administrativa. O incumprimento dalgunha destas obrigas de mecanizacións no prazo e a inclusión de documentación no correspondente aplicativo suporá que se perderá o dereito a percibir a liquidación correspondente á/s sesión/s e persoa/s non mecanizada/s adecuadamente.

3. Na modalidade presencial, as limitacións de horario por aula e obradoiro serán compatibles coa posibilidade de que as entidades de formación programen quendas de alumnado para asistir a unha acción formativa concreta, coa finalidade de cumprir cos límites de capacidade e a relación de persoas por metro cadrado aplicables, sen que isto supoña incrementar o importe da subvención concedida, de tal maneira que os máximos de horas establecidos nestas bases reguladoras se aplicarán a cada unha das dúas quendas grupais de alumnado en que, como máximo, se poida dividir a acción formativa, sempre que se cumpran o resto de obrigas exixibles.

Asemade, na modalidade presencial tamén será compatible que a acción formativa se poida dividir entre o alumnado que participe na formación fisicamente na aula ou taller con alumnado que o faga mediante aula virtual».

CAPÍTULO II

Modificación da Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan
as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020

Artigo 4. Modificación do artigo 2.5 da primeira convocatoria

O número 5 do artigo 2 da Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, queda redactado do seguinte xeito:

«5. O custo unitario aplicable a esta convocatoria de subvencións é o mesmo que figura, para cada especialidade formativa, no seu anexo I, para a modalidade presencial e para a parte da formación que utilice a aula virtual.

Para o cálculo do custo unitario aplicable á formación impartida na modalidade de teleformación empregarase o 70 % do importe do módulo económico €/hora/persoa alumna que para a correspondente especialidade formativa se prevé no anexo I.

Para os custos adicionais de adaptación da acción formativa á participación do alumnado con discapacidade establécese un custo unitario de 16 euros por hora lectiva.

Para o módulo de prácticas non laborais en empresas establécese un custo unitario de 3 euros por hora de prácticas e por persoa alumna, que se destinarán ao financiamento dos custos da actividade do titor das prácticas, así como ao custo da subscrición dunha póliza colectiva de accidentes de traballo.

No caso de que este módulo de prácticas teña lugar, parcial ou totalmente, con posterioridade ao 13 de marzo de 2020, o custo unitario aplicable ás horas correspondentes a partir desa data será de 6 € por persoa alumna e hora de prácticas efectivamente titorizadas, que financiará, ademais dos conceptos sinalados no artigo anterior, a compensación que directamente aboe a entidade de formación beneficiaria á empresa en cuxo centro de traballo teñan lugar as prácticas, nos termos do artigo 19 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

Para os módulos de prácticas en que se aplique o que se refire no anterior parágrafo, habilítase como prazo máximo para a súa realización en centros de traballo o 31 de outubro de 2021, de maneira que as entidades beneficiarias poidan formular unha solicitude de liquidación parcial pola parte impartida da acción formativa no momento en que a rematen e presentarán, ata o 30 de novembro de 2021, a solicitude de liquidación correspondente ás prácticas.

No suposto en que as entidades beneficiarias decidan non acollerse á anterior flexibilización de datas, as prácticas sexan de imposible realización en empresas afectadas polas consecuencias da crise sanitaria provocada por COVID-19 e así se acredite documentalmente de xeito suficiente, poderán solicitar á xefatura territorial correspondente a autorización da adopción dalgunha das seguintes alternativas, que nunca poderá superar en duración ao estipulado para o módulo de prácticas en centros de traballo que substitúen e para os que se aplicará o custo unitario habitual de 3 euros por hora de prácticas e por persoa alumna:

– Realizar o módulo de prácticas nas instalacións do centro/entidade de formación, logo do cal deberá presentarse ante a Xefatura Territorial un proxecto final elaborado pola persoa alumna, xunto cunha memoria cos resultados da avaliación obtida por cada participante, en termos de apto ou non apto.

– Validar o módulo de prácticas polo desenvolvemento dun posto de traballo vinculado co certificado de profesionalidade, con posterioridade á finalización da formación teórica, e por unha duración equivalente ao número de horas do referido módulo de prácticas.

– Efectuar unha proposta de actividades asociadas á contorna laboral, logo da cal deberá presentarse ante a xefatura territorial un proxecto final elaborado pola persoa alumna, xunto cunha memoria cos resultados da avaliación obtida por cada participante, en termos de apto ou non apto.

En calquera caso, excluiranse dos cómputos a que se refire este punto as horas correspondentes ás prácticas non realizadas polos participantes exentos».

Artigo 5. Redacción da disposición adicional oitava da primeira convocatoria

Á primeira convocatoria engádeselle a disposición adicional oitava, co seguinte contido:

«Disposición adicional oitava. Ampliación de prazos por mor de COVID-19

Coa finalidade de favorecer a execución das accións formativas financiadas ao abeiro desta convocatoria, os prazos de execución, xustificación, comprobación da execución e liquidación recollidos nesta orde e nas sucesivas ordes que a modifiquen amplíanse por 3 meses no caso das accións formativas que continúen ou comecen despois do 13 de marzo de 2020.

O referido prazo computará a partir da data que resulte de engadir aos prazos inicialmente previstos o período ampliado pola suspensión da actividade formativa, tomando como referencia o fito que, dos tres seguintes, xunto coas súas respectivas prórrogas, se produza con posterioridade: o remate da vixencia do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada por COVID-19, ou o remate do Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, ou o remate das medidas específicas de suspensión da formación profesional para o emprego adoptadas polo correspondente órgano da Xunta de Galicia».

CAPÍTULO III

Modificación da Orde do 17 de abril de 2020 pola que se establecen medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19)

Artigo 6. Modificación do artigo 2 da orde pola que se establecen medidas de flexibilidade

O número 1 do artigo 2 da Orde do 17 de abril de 2020 pola que se establecen medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19), queda redactado así:

«1. Para solicitar os cambios tendentes á flexibilidade previstos nesta orde, as entidades beneficiarias das subvencións relacionadas no artigo 1.3 deberán manter, polo menos, o persoal medio dos últimos 6 meses anteriores ao 13 de marzo de 2020. Para estes efectos, computaranse como cadro de persoal as persoas traballadoras que fosen afectadas por expedientes temporais de regulación de emprego (ERTE).

Non se considerará incumprida a obriga de mantemento do emprego cando o contrato de traballo se extinga por despido disciplinario declarado como procedente, dimisión, xubilación ou incapacidade permanente, total, absoluta ou grande invalidez da persoa traballadora, e no caso de contratos temporais, incluídos os formativos, cando o contrato se extinga por expiración do tempo convido ou a realización da obra ou servizo que constitúe o seu obxecto, e no caso concreto dos fixos descontinuos, cando remate ou se interrompa o período estacional de actividade.

Ademais, deberán presentar xunto coa súa solicitude:

a) Documentación que acredite que todas e cada unha das persoas alumnas da acción formativa foron debidamente informadas das consecuencias de participar na modalidade de teleformación ou mediante aula virtual, incluída a perda do dereito para beneficiarse daquelas bolsas e axudas que correspondan, e que mostran o seu acordo expreso ao cambio.

Sen este consentimento informado de todo o alumnado da acción formativa, que ademais deberá cumprir cos requisitos exixibles para participar na impartición mediante teleformación ou aula virtual, non se poderá autorizar a solicitude.

Na modalidade presencial das accións formativas financiadas ao abeiro do procedemento TR301K, será suficiente con acreditar que amosa o seu acordo expreso ao cambio para o uso de aula virtual unha persoa alumna, de maneira que a partir dese mínimo poderá comezar ou reiniciarse a actividade formativa, coa conseguinte separación en canto ao xeito de impartición en dous grupos de alumnado.

b) Declaración responsable de que a entidade facilitará a todo o alumnado da acción formativa que se acolla á modalidade de teleformación ou mediante uso da aula virtual os suficientes medios técnicos e didácticos que permitan o cambio que se solicita, con enumeración de cales son estes medios, que ademais, como mínimo, se deberán referir á habilitación e posta á disposición dun número de teléfono e dun enderezo de correo electrónico que recolla e resolva as dúbidas, incidencias ou problemas de uso e manexo.

Ademais, deberá xuntarse con documentación mediante a cal o alumnado correspondente explicite que dispón de medios técnicos suficientes e adecuados, propios ou facilitados pola entidade, para participar adecuadamente na acción formativa.

c) Acreditación técnica e documental da tecnoloxía e/ou aplicación informática que se utilizará para verificar a asistencia do persoal docente e titor, así como do alumnado, mediante control biométrico, DNI electrónico, sinatura dixital ou método similar que garanta a identificación correcta das persoas, ademais dos métodos para seguir o número de horas de conexión, realización de exercicios prácticos e a superación de controis periódicos».

Artigo 7. Modificación do artigo 5 da orde pola que se establecen medidas de flexibilidade

O número 2 do artigo 5 da Orde do 17 de abril de 2020 pola que se establecen medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19), terá a seguinte redacción:

«2. No caso das accións formativas subvencionadas con cargo á Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, as especialidades formativas que se pasen a impartir en modalidade de teleformación serán liquidadas nas partes ou módulos afectados a razón de multiplicar o número de horas efectivamente así executadas, polo número de persoas alumnas cuxa participación se comprobase, polo 70 % do importe do módulo económico €/hora/persoa alumna que para a correspondente especialidade formativa se prevé no anexo I da orde de convocatoria.

As accións formativas que se acollan á posibilidade de facer uso da aula virtual serán liquidadas, nas partes ou nos módulos afectados, a razón de multiplicar o número de horas efectivamente así executadas, polo número de persoas alumnas cuxa participación se comprobase a través de aula virtual, polo importe íntegro do módulo económico €/hora/persoa alumna que para a correspondente especialidade formativa se prevé no anexo I da Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020».

Artigo 8. Modificación da disposición adicional segunda da orde pola que se establecen medidas de flexibilidade

A disposición adicional segunda da Orde do 17 de abril de 2020, pola que se establecen medidas de flexibilidade para a impartición de accións formativas financiadas por esta consellería no ámbito da formación profesional para o emprego, ante a suspensión temporal das accións de formación presenciais como consecuencia da situación e evolución do coronavirus (COVID-19), terá o seguinte enunciado:

O alumnado que participe nas accións formativas ás cales se autorice a conversión á modalidade de teleformación ou a impartición mediante aula virtual perderá o seu dereito a percibir, durante o período correspondente, a axuda por transporte público ou en vehículo propio e a axuda para manutención con cargo ao procedemento TR301V, de maneira que manterán o dereito, de concorreren os requisitos, con respecto á bolsa de asistencia para persoas con discapacidade e persoas que participan nunha acción formativa incluída no seu itinerario persoal individualizado de emprego, a axuda á conciliación e a axuda para mulleres vítimas de violencia de xénero, que se poderán seguir financiando, sempre que quede debidamente acreditada a asistencia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria