Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 17 de xuño de 2020 Páx. 24155

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento AU100A).

O artigo 27.3 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do Plan hidrolóxico nacional, dispón que as administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento urbano que atendan, singular ou mancomunadamente, unha poboación igual ou superior a 20.000 habitantes deberán dispoñer dun plan de emerxencia ante situacións de seca, sobre o que deberá emitir informe o organismo de bacía correspondente e que deberá ter en conta as regras e medidas previstas nos plans especiais de seca das demarcacións hidrográficas e estar operativo nun prazo máximo de catro anos.

O artigo 26 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que a Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia determinará a política en relación co ciclo integral de uso urbano da auga, coordinará os plans de emerxencia das entidades locais mencionados no artigo 27 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do plan hidrolóxico nacional, a actuación das entidades locais nestes ámbitos e poderá prever, igualmente, a regulación e o outorgamento de auxilios económicos ás devanditas entidades locais nas materias da súa competencia.

Atendendo a este marco competencial o 24 de xuño de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación para a redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento AU100A).

Esta resolución tivo por finalidade promover que as entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación conten cun instrumento básico de planificación para xestionar os posibles episodios de seca no ámbito das catro demarcacións hidrográficas con competencia no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de tal xeito que se garanta o abastecemento á poboación e se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Ao abeiro Resolución do 28 de maio de 2019, citada, tramitouse o procedemento correspondente se ben atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias só puideron concederse 20 dun total de 86 solicitudes presentadas.

O artigo 9.1 da Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, dispón que os plans de emerxencia ante situacións de seca constitúen os instrumentos básicos de planificación das administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación para xestionar os episodios de seca.

Esta resolución que agora se aproba ten a vontade de continuar na liña de colaboración iniciada coas entidades responsables de sistemas de abastecemento á poboación en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, para que estas poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a xestión das situacións de seca.

En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, para redactar plans de emerxencia ante situacións de seca, e convocar estas subvencións para o ano 2020 (código de procedemento AU100A).

2. A finalidade das subvencións é que as entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación conten cun instrumento básico de planificación para xestionar os posibles episodios de seca, de tal xeito que se garanta o abastecemento á poboación e se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables dos sistemas de abastecemento á poboación.

Non poderán ser beneficiarios os concellos que xa o foran ao abeiro da Resolución do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación para a redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2019.

2. Para poder obter a condición de beneficiarios, todos os concellos responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán cumprir os requisitos recollidos nos artigos 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

3. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude, aínda que se refiran a sistemas de abastecemento distintos. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2020 destinados á elaboración de plans de emerxencia ante situacións de seca asociados aos sistemas de abastecemento que xestione a entidade local solicitante.

Non son subvencionables os investimentos realizados para a elaboración de plans de emerxencia cuxa elaboración xa fora obxecto de subvención ao abeiro da Resolución do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación para a redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2019.

Para estes efectos, os plans de emerxencia ante situacións de seca considéranse os instrumentos básicos de planificación das administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación para xestionar os episodios de seca.

2. Para seren subvencionables, os plans de emerxencia ante situacións de seca referidos ao ámbito territorial de Galicia Costa deberán ter o contido previsto no artigo 10 de Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario. Pola súa parte, os plans de emerxencia ante situacións de seca referidos ao ámbito territorial doutras demarcacións hidrográficas deberán ter un contido acorde co disposto no artigo 27 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, do plan hidrolóxico nacional, nas demais disposicións legais e regulamentarias de aplicación e nos plans de seca das correspondentes demarcacións hidrográficas.

En todo caso, o seu contido incluirá, como mínimo:

a) Unha descrición e un diagnóstico dos sistemas de abastecemento, con indicación dos recursos dispoñibles, as áreas de captación e as demandas de auga.

b) A determinación das zonas máis vulnerables en caso de seca e dos usos da auga máis relevantes desde o punto de vista económico e social, coa identificación da poboación, dos condicionantes ambientais ou dos principais elementos do patrimonio natural e das actividades estratéxicas que se poderían ver afectados.

c) Un sistema de indicadores e escenarios coherente co recollido no correspondente plan de seca da súa demarcación hidrográfica.

d) As medidas de xestión que se adoptarán en cada un dos distintos escenarios incluídos.

e) A previsión dunha subministración alternativa ante situacións de escaseza conxuntural, razoable e proporcional ás concretas circunstancias que potencialmente se poidan producir nestas situacións, e á súa duración.

f) As actuacións que se considere necesario executar para garantir o abastecemento á poboación durante un episodio de seca, incluídas as obras de captación e condución que sexan precisas.

Para estes efectos, na páxina web oficial de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal) hai un modelo de plan municipal de emerxencia e xestión do risco de seca e algunhas recomendacións para a súa elaboración.

Artigo 4. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de douscentos cincuenta mil euros (250.000 €), distribuídos nas seguintes anualidades:

2020: 50.000 €.

2021: 200.000 €.

Sen prexuízo do posible reaxuste de anualidades segundo o ritmo de execución do gasto.

Artigo 5. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Importe máximo das subvencións

O importe das subvencións será do 80 % do investimento subvencionable, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude (imposto sobre o valor engadido incluído), ata esgotar o crédito previsto nesta resolución.

Artigo 7. Compatibilidade das subvencións

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

2. O concello beneficiario está obrigado a comunicarlle ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas fosen compatibles entre si, o concello beneficiario deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados pola persoa titular da Alcaldía-Presidencia ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura, acreditándose esta circunstancia.

2. No dito formulario, que figura como anexo I desta resolución, se acepta e declara o seguinte:

a) Que a entidade que solicita a subvención acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións financiadas ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

d) Que a conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2018 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.

e) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiaria se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Resolución do órgano competente da entidade local solicitante pola que se acorde a solicitude da subvención ao abeiro desta resolución, con data anterior á finalización do prazo de presentación de solicitudes, na que conste expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na resolución.

b) Unha memoria xustificativa do obxecto do plan de emerxencia ante situacións de seca, no que se indique expresamente, alomenos, o seguinte: o concello afectado polo desenvolvemento do plan, a listaxe dos núcleos de poboación afectados polo desenvolvemento do plan e a poboación aproximada dos núcleos de poboación afectados polo desenvolvemento do plan.

c) Planos a escala de suficiente detalle (1:10.000 ou menor) onde se representen, como mínimo:

– O sistema ou sistemas de abastecemento aos que se referirá o plan de emerxencia ante situacións de seca. Incluiranse tanto redes de xestión municipal como redes de xestión veciñal ou privada. Para cada unha delas sinalaranse alomenos as captacións, estacións ou puntos de tratamento e depósitos principais existentes.

– Os núcleos abastecidos polos sistemas de abastecemento aos que se referirá o plan de emerxencia fronte ante situacións de seca.

Os planos deberán conter unha lenda suficiente que permita a súa interpretación e estar o máis actualizados posible, non sendo admisibles aqueles nos que non conste a data da súa realización nin os realizados con anterioridade ao 1.1.2018.

d) Orzamento estimado da redacción do plan de emerxencia ante situacións de seca.

e) Copia do regulamento ou ordenanza municipal vixentes reguladora do servizo de abastecemento domiciliario de auga.

f) Copia do regulamento ou ordenanza municipal vixentes reguladora das tarifas do servizo de abastecemento domiciliario de auga.

g) O compromiso do emprego da lingua galega no plan de emerxencia ante situacións de seca obxecto da solicitude.

h) Renuncia á concesión dun anticipo do 20 % do importe da subvención concedida, de ser o caso.

A non presentación da documentación indicada nas letras a), b), c) e d) desta epígrafe suporá a inadmisión da solicitude.

A non presentación da documentación indicada nas letras e), f) e g) desta epígrafe non suporá a inadmisión da solicitude se ben implicará que non se podan outorgar puntos por estes conceptos.

A non presentación da documentación indicada na letra h) desta epígrafe suporá a concesión dun anticipo do 20 % do importe da subvención concedida, que deberá ser xustificado no prazo previsto no artigo 22 desta resolución.

Ao abeiro do establecido no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as entidades solicitantes que presentasen unha solicitude ao abeiro da Resolución do 28 de maio de 2019 que non fose declarada inadmitida ou desistida, teñen dereito a non achegar aqueles documentos que xa foran presentados con anterioridade, sempre que cumpran os requisitos establecidos nesta convocatoria e se faga constar expresamente esta circunstancia na memoria xustificativa. Neste suposto, Augas de Galicia poderá consultar os ditos documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter algún documento, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirirlle á entidade interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, de non ter rematado o prazo de presentación de solicitudes cando se reciba na unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirirse para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que deba emitir a Consellería de Facenda.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos.

3. Para a comprobación do cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2018 Augas de Galicia terá en conta os datos públicos que consten na páxina web oficial do Consello de Contas de Galicia, salvo que o solicitante achegue xunto coa súa solicitude outra documentación distinta que acredite o cumprimento da dita obriga.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá á entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto nos artigos 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir ás entidades solicitantes para que acheguen a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

3. Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Notificacións e publicacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, poderase crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A publicación dos actos administrativos que sexa exixible realizarase a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal). Esta última poderá ter o carácter de complementaria por ter o contido pormenorizado do respectivo acto.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Secretaría Xeral de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se achegue con elas e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan toda a documentación preceptiva serán elevados polo órgano instrutor á Comisión de Valoración prevista neste artigo.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

b) Vogalías: a persoa titular da Xerencia de Augas de Galicia, a persoa titular da Secretaría Xeral de Augas de Galicia e a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Económico Financeiro de Augas de Galicia.

c) Secretaría: un/unha funcionario/a de Augas de Galicia, designado/a pola Dirección de Augas de Galicia.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

4. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución e de emitir informe no que se concrete o resultado da valoración efectuada e no que conste a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas para adquirir a condición de beneficiarias, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitirase ao órgano instrutor, que o elevará xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución.

A proposta de resolución proporá a inadmisión tanto das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, como das solicitudes que non conteñan a documentación necesaria, indicando as causas desta inadmisión.

A proposta de resolución proporá a concesión das solicitudes que proceda. Na proposta de resolución que formule o instrutor figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, ordenados segundo a valoración que se lle outorgue á solicitude no informe emitido pola Comisión de Valoración. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. As solicitudes admitidas e valoradas pola Comisión de Valoración cuxa concesión superaría o importe do crédito dispoñible poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria, co crédito que resulte dispoñible de producirse algunha non aceptación ou renuncia e ata o límite do crédito dispoñible. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

7. O órgano instrutor emitirá un informe no que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

8. O órgano competente para resolver o procedemento será a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A concesión da subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:

a) A poboación da entidade local. Ata un máximo de 6 puntos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

0 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 50.000 habitantes.

1 punto no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 30.000 e inferior ou igual a 50.000 habitantes.

2 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 20.000 e inferior ou igual a 30.000 habitantes.

3 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 10.000 e inferior ou igual a 20.000 habitantes.

4 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 5.000 e inferior ou igual a 10.000 habitantes.

5 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 2.000 e inferior ou igual a 5.000 habitantes.

6 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación inferior ou igual a 2.000 habitantes.

Para estes efectos, considerarase o número de habitantes recollido no Real decreto 743/2019, do 20 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2019

b) A acreditación da vixencia do regulamento ou ordenanza municipal reguladora do servizo de abastecemento domiciliario de auga. Ata un máximo de 2 puntos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

0 puntos se non se acredita a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal.

2 puntos si se acredita a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal.

c) A acreditación da vixencia do regulamento ou ordenanza municipal reguladora das tarifas do servizo de abastecemento domiciliario de auga. Ata un máximo de 2 puntos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

0 puntos se non se acredita a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal.

2 puntos si se acredita a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal.

d) Compromiso do emprego da lingua galega na elaboración do plan de emerxencia por seca obxecto da solicitude. Ata un máximo de 1 punto. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

0 puntos se non consta o citado compromiso.

1 punto se consta o citado compromiso.

3. Se o outorgamento de todas as solicitudes valoradas implicase un gasto superior ao crédito consignado nesta resolución, no caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Solicitudes presentadas ao abeiro da Resolución do 28 de maio de 2019, citada, que foran valoradas pero que non foran atendidas polo esgotamento do crédito dispoñible, atendendo á orde de puntuación recollida no informe da Comisión de Valoración.

2º. Maior puntuación na letra a) dos criterios de valoración.

3º. Menor número de habitantes do concello.

Artigo 17. Resolución, prazo, notificación e recursos

1. Unha vez realizada a proposta de resolución, a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará tanto o outorgamento das subvencións coma a desestimación e a non concesión, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.

2. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos nos artigos 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Unicamente se aceptará como suposto que habilite a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevidas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato, segundo o establecido no artigo 205, números 1 e 2.b) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 19. Aceptación

1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo da axuda e redactar o plan de emerxencia ante situacións de seca nos prazos establecidos e co contido indicado nesta resolución.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, se é o caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

3. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

Artigo 22. Pagamento anticipado

Poderán realizarse pagamentos anticipados das axudas reguladas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 63 Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Os pagamentos anticipados supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, e o seu importe será do 20 % do importe da subvención concedida.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución do órgano competente para ditar a resolución do procedemento e no momento de ditarse esta, salvo que a entidade solicitante tivera renunciado expresamente xunto coa solicitude á concesión do anticipo.

O pagamento do anticipo será realizado por Augas de Galicia unha vez que a entidade beneficiaria acepte expresa ou tacitamente a subvención e sen necesidade de solicitude previa pola entidade local. Este pagamento realizarase no menor prazo de tempo posible e sempre dentro da anualidade 2020.

2. Con cargo ao importe anticipado, as entidades beneficiarias poderán xustificar gastos parciais de actuacións, finalizadas ou non, mediante a presentación da documentación acreditativa dos gastos efectivamente realizados, así como o recoñecemento en contabilidade da obriga orixinada, que deberá ser igual ou superior ao importe do anticipo concedido, ata o 30.11.2020, incluído.

A falta de xustificación dos anticipos, dará lugar ao reintegro das cantidades non xustificadas, logo de tramitación do procedemento de reintegro previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Xustificación e pagamento

1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 30 de xuño de 2021, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.

2. As entidades beneficiarias deberán achegar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia o anexo II desta resolución no que expresamente se declara:

a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os que lles foi concedida esta axuda, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que a entidade solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para obter a condición de beneficiaria da subvención.

3. Xunto co anexo II deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Copia do plan de emerxencia ante situacións de seca, redactado co contido mínimo establecido nesta resolución.

b) Conta xustificativa que recolla o previsto nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Incumprimento de obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da axuda se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno. Información relativa á resolución de convocatoria

1. De conformidade co disposto nos artigos 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase un anuncio na páxina web oficial de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal/) a relación das entidades beneficiarias e o importe das subvencións concedidas.

Publicaranse nos rexistros públicos correspondentes ás subvencións e ás sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse.

A presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, todas as persoas físicas e xurídicas vinculadas ás entidades beneficiarias están obrigadas a subministrar toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base.

Artigo 26. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Augas de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase á persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file