Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 11 de xuño de 2020 Páx. 22936

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 2 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas destinadas á instalación de anteparos nos vehículos dedicados ás actividades de taxi e de alugamento con condutor, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento IF311A).

Con data do 13 de marzo de 2020, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar o estado de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19; posteriormente, aprobouse o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as súas sucesivas prórrogas.

Coa finalidade de atallar a evolución da epidemia, e no marco das anteriores disposicións, adoptáronse diferentes medidas que afectan, de xeito específico, o transporte público de viaxeiros, como as que establecen as normas de distanciamento das persoas usuarias e de limitación da capacidade dos vehículos dispoñible para a súa utilización por parte daquelas persoas usuarias.

Estas actuacións, xunto coas xerais de confinamento da poboación e suspensión de diversas actividades económicas, veñen provocando unha redución significativa na capacidade do sistema de transporte público e no seu volume de demanda por parte da poboación.

Dentro deste ámbito, cómpre ter en conta que a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, manifesta na súa parte expositiva que a mobilidade constitúe un compoñente esencial da calidade de vida das persoas, e non é posible concibir unha sociedade moderna e avanzada sen que nela estea garantida a posibilidade de facer efectiva unha liberdade de desprazamento empregando un sistema organizado de transporte público.

Neste contexto global de mobilidade, o transporte público de persoas en vehículos de turismo ten unha importancia decisiva e particularmente os servizos de taxi e de alugamento de vehículos con condutor, conformadores da convivencia da cidadanía e da habitabilidade do contorno urbano e interurbano, con independencia do lugar onde se resida, máxime na situación de superación da epidemia provocada polo COVID-19, en que o transporte público en vehículos de turismo debe ser un medio que facilita o acceso a múltiples servizos por parte da cidadanía.

A necesidade de facilitar a utilización dos medios de transporte público en vehículos de turismo require, ademais, que a Administración e os propios sectores adopten medidas que contribúan á plena recuperación da confianza das persoas usuarias na súa utilización, en canto espazos seguros fronte ao COVID-19.

Por tanto, considérase preciso promover accións que contribúan a dotar estes servizos de transporte das maiores garantías sanitarias posibles, tanto para as persoas usuarias como para os propios profesionais que desenvolven a súa actividade neste sector. Para tal fin, establecéronse medidas e recomendacións, como a indicada minoración da súa capacidade, a necesidade de utilizar máscaras protectoras ou o feito de desaconsellar o pagamento en efectivo.

No caso do transporte público en vehículos de turismo, levado a cabo por taxis e vehículos de alugamento con condutor, xunto coas medidas e recomendacións sanitarias adoptadas, considérase preciso promover a instalación nos vehículos dunha separación física entre a zona de condución e a fila de asentos situada detrás dela, de xeito que se protexa tanto a persoa condutora como as persoas viaxeiras dun posible contaxio provocado pola inevitable proximidade física. Este obxectivo pódese acadar mediante a colocación de anteparos provisionais, elaborados con metacrilato ou materiais semellantes, de doada colocación e retirada, que permitan a súa instalación directamente sobre os elementos fixos do vehículo, sen afectar a súa estrutura, e cuns tempos de subministración e instalación reducidos.

Ademais, polas razóns sanitarias e de reforzo da confianza no sistema de transporte público por parte das persoas usuarias, resulta conveniente que a dotación destes sistemas se leve a cabo da forma máis xeneralizada posible nos 3.634 vehículos que dispoñen de autorización domiciliada en Galicia para a realización da actividade de taxi e os 346 que dispoñen dela para a actividade de alugamento de vehículos con condutor.

Todo iso faise no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte habilitantes para o exercicio das actividades de transporte público interurbano en vehículos de turismo, documentadas en autorizacións da serie VT-N, ou de autorizacións administrativas habilitantes para o exercicio da actividade de alugamento de vehículos con condutor, documentadas en autorizacións da serie VTC, en ambos os casos domiciliadas en Galicia, para a adquisición e instalación de anteparos para os vehículos adscritos ás indicadas actividades.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2020 (código de procedemento IF311A). En concreto, poderán ser obxecto de subvención os anteparos adquiridos e instalados entre o 1 de marzo de 2020 e o 31 de xullo de 2020 pola totalidade de titulares de autorizacións administrativas habilitantes para o desenvolvemento da actividade de transporte interurbano en taxi ou de alugamento de vehículos con condutor, domiciliadas en Galicia.

3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

1. Con cargo a esta orde será subvencionable a adquisición de anteparos para vehículos taxi e vehículos de alugamento con condutor.

2. Só será subvencionable un anteparo por cada autorización de transporte público interurbano en vehículos de turismo taxi ou de alugamento con condutor.

3. Os anteparos obxecto da subvención configúranse como un elemento de protección fronte ao COVID-19, debendo consistir nun elemento non permanente e que resulte doado desmontar, de carácter transparente, e que permitirá separar a fila de prazas dianteiras, en que se sitúa a persoa condutora, do resto de filas de asentos do vehículo.

Os elementos que se instalen deberán cumprir as recomendacións que, en canto á súa aptitude como elemento de protección fronte ao COVID-19, diten as autoridades sanitarias, así como os requisitos establecidos para a súa instalación polos órganos competentes en materia de industria.

Artigo 3. Financiamento e contía

1. As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación 08.02.512A.770.0.

2. A contía total máxima das subvencións concedidas será de 300.000 euros.

3. A contía que se subvencionará será a correspondente ao importe, excluído o imposto sobre o valor engadido (IVE), que conste na factura presentada pola persoa titular da licenza xunto coa solicitude e cun importe máximo de setenta e cinco (75) euros por anteparo e vehículo, sempre que se teña xustificado debidamente o pagamento conforme o establecido no artigo 6 desta orde e se cumpran os demais requisitos nela establecidos. En ningún caso poderá ser obxecto de subvención o IVE.

4. Só se concederá unha axuda por cada vehículo cunha autorización de transporte das series VT-N ou VTC domiciliada en Galicia e inscrita no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, que estivese en vigor na data de publicación desta orde e na de presentación da solicitude.

5. Esta subvención non será compatible con ningunha outra axuda para a adquisición e instalación de anteparos nos vehículos, pero si poderá ser compatible con outras axudas e, en particular, con outras que se puidesen percibir para adaptación dos vehículos ou outras accións relacionadas coa situación de emerxencia sanitaria.

6. As axudas recollidas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1). A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas titulares de autorizacións de transporte habilitantes para o exercicio das actividades de transporte público interurbano en vehículos de turismo, documentadas en autorizacións da serie VT-N, ou de autorizacións administrativas habilitantes para o exercicio da actividade de alugamento de vehículos con condutor, documentadas en autorizacións da serie VTC, en ambos os casos domiciliadas en Galicia e expedidas polos servizos de mobilidade competentes.

2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:

a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) Deberán estar vixentes no momento de aprobación da presente convocatoria de axudas e no de presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante.

Artigo 5. Solicitudes e prazo de presentación

1. Ao abeiro do disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a solicitude e tramitación deste procedemento farase por medios exclusivamente electrónicos, ao constituíren as persoas destinatarias un colectivo profesional concreto e seren titulares de autorizacións administrativas para prestar o servizo público de taxi e de vehículo con condutor.

En consecuencia, para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo I a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF311A. No caso de que unha mesma persoa sexa titular de dúas ou máis autorizacións habilitantes para as actividades de transporte previstas nesta orde, deberá formular solicitudes independentes para cada unha delas respecto das que solicite a axuda.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

A solicitude irá acompañada, ademais, da documentación a que se fai referencia no artigo 6 desta orde que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) De estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos do artigo 50.a) da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

b) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

c) Axudas de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ou a outros regulamentos de minimis (artigo 6.1 do Regulamento de minimis).

d) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.

e) Autenticidade dos datos facilitados.

f) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

g) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude, e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requiran.

4. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de xullo de 2020.

5. Na tramitación das axudas seguirase o procedemento abreviado que establece o artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O crédito dispoñible é abondo para proporcionar a axuda obxecto desta convocatoria á totalidade de vehículos adscritos ás actividades de transporte público interurbano en vehículos de turismos, taxis, e de alugamento de vehículos con condutor, domiciliadas en Galicia e vixentes no momento de aprobación desta orde e inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, que son os únicos beneficiarios que poden acceder á dita axuda.

Consonte a indicada disposición legal, o órgano instrutor revisará a documentación achegada polas persoas solicitantes e elevará directamente ao órgano concedente a proposta de concesión de axuda logo de verificar a concorrencia dos requisitos requiridos para a concesión da subvención.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da factura do anteparo adquirido, en que deberá figurar diferenciada a base impoñible do correspondente IVE.

b) Xustificante que acredite o pagamento do anteparo. Para estes efectos, o pagamento só se poderá acreditar por algún dos seguintes medios:

– Mediante xustificante do pagamento por transferencia bancaria.

– Mediante xustificante do pagamento con tarxeta de crédito ou débito.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente xunto coa solicitude. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que finalmente foi realizada a emenda.

3. No suposto excepcional de que se realizase, de xeito válido, a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior, xustificando debidamente aquela imposibilidade. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/requirimentos-tecnicos).

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE en vigor da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE en vigor da persoa representante, de ser o caso.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Igualmente, consultaranse os datos públicos do Rexistro de Empresas e Actividades de Transporte, tales como autorizacións en vigor e as persoas titulares destas.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da Xunta de Galicia da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, en cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto desta convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), nos termos do Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

Artigo 10. Órganos competentes

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto, reintegro e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das subvencións, e correspóndelle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da anterior, a instrución corresponderalle ao/á xefe/a do Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.

3. As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e no resto de normativa aplicable para poder ser beneficiario/a das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nesta orde ou na citada normativa, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste na súa petición, logo da correspondente resolución.

A remisión de documentación complementaria que sexa requirida pola Administración ou a emenda da solicitude inicialmente formulada realizarase exclusivamente por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 6 desta orde.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a persoa interesada para que achegue a documentación orixinal. Neste caso, a presentación desa documentación farase no rexistro ou oficina indicada pola Administración no seu requirimento.

Artigo 12. Proposta de resolución

1. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

2. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará, respecto de cada unha delas, un informe en que consten esas circunstancias, que servirá como proposta de resolución. Todas as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos na orde serán admitidas e contarán cunha proposta de resolución favorable, sempre que estean dentro do límite orzamentario previsto para atender as axudas reguladas nesta orde, consonte o indicado no artigo 3 desta orde.

Artigo 13. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade ditará a correspondente resolución respecto de cada unha das solicitudes admitidas a trámite, á vista da proposta do órgano instrutor.

A resolución deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación. Do mesmo xeito, na resolución indicarase o carácter de axuda de minimis exenta, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1).

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses contados desde a data da presentación da solicitude. Se transcorre este prazo sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Adicionalmente, as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, en consonancia co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, na epígrafe de Mobilidade.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo de dous meses para resolver previsto no artigo 13 desta orde.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da axuda outorgada.

2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á entidade interesada.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde obríganse a manter instalado o anteparo no vehículo adscrito á correspondente autorización de transportes en canto permanezan as recomendacións sanitarias referentes á protección fronte ao COVID-19, así como a aplicar coa máxima dilixencia as recomendacións para a prevención e saúde laboral ante o coronavirus no sector do taxi, elaboradas polo Issga e dispoñibles na web da Dirección Xeral de Mobilidade.

De xeito singular, comprométense a aplicar con rigor as recomendacións de limpeza e desinfección do interior do vehículo e do propio anteparo.

2. Adicionalmente, as persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

c) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Obriga de incorporar nun lugar visible do anteparo, mediante o seu serigrafiado ou a incorporación dun adhesivo, unha referencia expresa a que a dotación foi subvencionada pola Xunta de Galicia, mediante a incorporación da lenda «Actuación para a mellora da eficiencia sanitaria no transporte público fronte ao COVID-19, promovida pola Xunta de Galicia». Esta información debe levar o logotipo oficial da Xunta de Galicia previsto no Manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual).

Artigo 18. Pagamento

Xunto coa resolución pola que se acorde a concesión da axuda disporase a procedencia do seu pagamento e procederase ao seu libramento, que se fará nun único pagamento, mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude.

Artigo 19. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde de convocatoria ou no resto da normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase un procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Control

1. A Dirección Xeral de Mobilidade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das axudas que se concedan.

2. Alén do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non regulado nesta orde observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 22. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.civ.xunta.gal).

b) Os teléfonos 981 99 50 53 e 881 99 50 77 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico: tmg@xunta.gal.

Artigo 23. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá da Xunta de Galicia.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os/as cidadáns/ás poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que dite as resolucións que sexan precisas para a correcta execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file