Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 9 de xuño de 2020 Páx. 22651

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 89/2020, do 22 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada provincial EP-5202 Arbo-Embarcadoiro a prol do Concello de Arbo.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 14 de xuño de 2018, o Concello de Arbo e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio para levar a cabo o proxecto de acondicionamento da estrada EP-5003 na Lomba (Arbo). A cláusula sétima deste convenio recolle que, unha vez rematadas as obras, se levará a cabo o procedemento de transferencia da vía obxecto do convenio, así como os sinalados na cláusula sexta do convenio, xa que eses tramos non reúnen as características propias dunha estrada provincial polo seu trazado, a lonxitude e a súa funcionalidade actual. A transferencia ao Concello poderá garantir un mellor mantemento delas e levar un control máis directo para evitar posibles ocupacións indebidas do dominio público.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de maio de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade do treito da vía provincial EP-5202 Arbo-Embarcadoiro a prol do Concello de Arbo:

– Treito da EP-5202 desde o punto quilométrico 1+165 ata o punto quilométrico 1+743, de 578 metros de lonxitude.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Arbo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Arbo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de maio de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade