Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 9 de xuño de 2020 Páx. 22655

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se establecen medidas en relación coa ocupación dos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

O 14 de marzo de 2020 entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, no cal se estableceron medidas dirixidas a limitar a mobilidade da cidadanía e, ao mesmo tempo, a garantir a prestación de servizos de transporte público que garantan a posibilidade de realizar desprazamentos vinculados ás actividades expresamente permitidas.

Dentro desta situación de crise sanitaria, e de avance na súa superación en Galicia, o 6 de maio de 2020 ditouse a orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pola que se aproban medidas para aplicar nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia do 8 de maio.

Esta disposición establece medidas para adoptar nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia para a realización dunha transición paulatina ao levantamento das restricións implantadas por causa do COVID-19, habilitando a Dirección Xeral de Mobilidade para interpretar esta orde e para resolver sobre a modificación e, en particular, flexibilización ou levantamento das medidas, restricións e parámetros indicados na dita orde, en función da evolución epidemiolóxica, coa finalidade de garantir a acomodación da oferta de transporte ás necesidades esenciais da poboación.

Posteriormente, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e o de Sanidade ditaron novas disposicións que flexibilizan certas limitacións na prestación de servizos establecidas con carácter xeral, no referente fundamentalmente á ocupación dos vehículos destinados ao transporte de viaxeiros por estrada, flexibilización que resulta igualmente axeitado trasladar ao ámbito desta Comunidade Autónoma de acordo coa favorable evolución da crise sanitaria en Galicia.

En concreto, logo dos cambios que introduciran as ordes TMA/400/2020, do 9 de maio, e TMA/424/2020, do 20 de maio, a Orde SND/507/2020, do 6 de xuño, pola que se modifican diversas ordes coa fin de flexibilizar determinadas restricións de ámbito nacional e establecer as unidades territoriais que progresan ás fases 2 e 3 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, establece o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia como unha única unidade territorial e fixa novas condicións de ocupación dos vehículos no transporte terrestre, facilitando que nas actuais fases do proceso de desescalada se evolucione cara a unha volta á normalidade en canto á ocupación do volume de prazas nos vehículos destinados ao transporte público.

Neste contexto, tendo en conta a favorable evolución que a Comunidade Autónoma de Galicia está a ter na loita contra a epidemia do COVID-19, e co fin de compatibilizar a progresiva flexibilización das condicións de ocupación dos medios de transporte coas prioritarias garantías sanitarias, resulta procedente trasladar estes avances ao réxime establecido na indicada Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 6 de maio de 2020.

Polo exposto, con base na habilitación que establece a disposición derradeira primeira da Orde da Consellería de Infraestruturas de Mobilidade do 6 de maio,

RESOLVO:

1. As condicións de capacidade dos vehículos e embarcacións que realicen servizos públicos de transporte establecidas no artigo 8.4 da Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 6 de maio de 2020, quedan establecidas do seguinte modo:

a) Nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, poderase ocupar a totalidade dos asentos procurando, cando o nivel de ocupación o permita, a máxima separación entre as persoas usuarias.

b) Nos vehículos e embarcacións que teñan autorizadas prazas de pé, procurarase que as persoas manteñan entre si a máxima distancia posible, establecéndose como referencia de ocupación a de dous viaxeiros por cada metro cadrado na zona habilitada para viaxar de pé. Con carácter xeral, entenderase cumprido este requisito mediante a redución da capacidade das prazas previstas para viaxar de pé en vehículos de clase I e A, a unha cuarta parte das prazas de pé, e nos de clase II, a un terzo das ditas prazas de pé.

2. A presente resolución será de aplicación inmediata desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2020

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade