Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 2 de xuño de 2020 Páx. 21954

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2020 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (Diario Oficial de Galicia número 28, do 8 de febreiro de 2018), (código de procedemento IN852A).

A vixente Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) recolle, entre os seus instrumentos de desenvolvemento, o programa Peme Innova en que os proxectos de innovación aberta teñen o propósito de subministrar incentivos á cooperación entre as pemes e os demais axentes do sistema rexional de innovación, particularmente, cos axentes xeradores de coñecemento e con outras empresas, a través do apoio a proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado.

As axudas do programa Conecta Peme están en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia e tamén co esquema da Unión Europea reflectido no Programa marco de investigación, desenvolvemento e innovación «Horizonte 2020» co fin de procurar, a medio e longo prazo, a obtención de retornos sociais.

Para a execución deste programa de axudas, a GAIN publicou no DOG a seguinte convocatoria: Resolución do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN852A).

As axudas concedéronse mediante a Resolución do 30 de outubro de 2018, publicada no DOG do 12 de novembro de 2018, e os proxectos rematan no ano 2020.

Durante a execución destes proxectos entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo), e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

Así mesmo, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico establece respecto das subvencións xa concedidas no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e como consecuencia do COVID-19 ou das medidas adoptadas polas administracións públicas para combátelo, a posibilidade de modificar as ordes de convocatoria ou resolucións de concesión para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se é o caso, de xustificación e comprobación da dita execución, aínda que non se recollese nas correspondentes bases reguladoras.

A situación de crise sanitaria xerada pola pandemia do coronavirus COVID-19 provocou un escenario sen precedentes que comeza a traducirse nunha situación extremadamente grave en termos económicos, polo que é necesario implementar accións rápidas e eficaces que permitan mitigar o impacto socioeconómico do estado de alarma no tecido empresarial español. É necesario garantir que as empresas, sexan do tipo que sexan, dispoñan de suficiente liquidez e preserven a continuidade da actividade económica durante e despois do brote de COVID-19.

Polo tanto, á vista desta situación excepcional e das anteditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España, cómpre modificar determinados artigos das bases reguladoras da citada convocatoria, xa que a execución dos proxectos foi suspendida ou ben continúa pero a un ritmo moito menos intenso debido a dificultades de subministración, a ERTE que afectan o persoal investigador, a paralizacións ou demoras nas subcontratacións necesarias ou outras circunstancias derivadas do contexto actual.

As modificacións que se consideran necesarias afectan fundamentalmente a distribución de custos por anualidades, as datas límite de presentación de xustificantes de gasto e memorias de avance do proxecto, a posibilidade de solicitar anticipos e pagamentos á conta co fin de darlles liquidez ás entidades beneficiarias, a gradación de incumprimentos e o momento da inspección final obrigatoria por parte da GAIN.

A introdución destas medidas permitirá darlles liquidez aos beneficiarios para continuar os proxectos, acompasar a distribución anual do gasto á progresión do proxecto, facilitar as xustificacións e evitar reintegros por desviacións nalgún concepto de gasto superiores aos inicialmente previstos, sempre coa condición de que o proxecto se realice.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Modificación da Resolución do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta Peme para fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2018 (código de procedemento IN852A).

Artigo 1. Modifícase o número 2 do artigo 37. Prazos de xustificación, que queda redactado nos seguintes termos:

«2. Prazos de xustificación:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade

Desde a data de presentación da solicitude do líder ata o 30 de novembro de 2018

Segunda anualidade

Desde o 1 de decembro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019

Terceira anualidade

Desde o 1 de outubro de 2019 ata o 31 de decembro de 2020

Prazos de presentación da documentación:

Primeira anualidade

Ata o 5 de decembro de 2018

Segunda anualidade

Ata o 5 de outubro de 2019

Terceira anualidade

Ata o 31 de marzo de 2021

Artigo 2. Modificase do artigo 40. Pagamento, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 40. Pagamento

1. O pagamento farase efectivo, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto, sen necesidade de achegar ningún tipo de garantías.

2. O pagamento efectuarase a cada un dos membros da agrupación de empresas que participan no proxecto.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución. De acordo co estipulado no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tras a autorización do Consello da Xunta de Galicia, estes pagamentos poderán acadar ata o 100 % da axuda concedida.

Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo do establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

4. Pagamentos anticipados:

Para a realización de pagamentos anticipados a entidade beneficiaria deberá presentar solicitude motivada.

Os pagamentos anticipados poderán acadar ata o 65 % da subvención concedida sen superar o importe da anualidade correspondente, de acordo do establecido no artigo 63.3 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

5. Pagamentos á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto sen necesidade de entregar ningún tipo de garantías.

6. Rematado o proxecto, a Axencia Galega de Innovación comprobará, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención, e é obrigatoria a realización dunha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación a todos os membros da agrupación. Tras esta visita efectuarase unha avaliación do proxecto presentado e valorado na solicitude, e emitirase un informe en que se indique o grao de cumprimento e se foi:

a) Excelente.

b) Positivo.

c) Negativo se non se conseguen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto inicial por un baixo desempeño ou deficiente organización. Neste caso deberá cuantificarse a porcentaxe de incumprimento de cada empresa participante da agrupación.

Se pola situación excepcional creada pola epidemia COVID-19 non é oportuno realizar a inspección in situ, transitoriamente poderá substituírse pola entrega de xustificación documental en que se constate, de forma razoable e suficiente, a realización da actividade subvencionada, e no caso de activos tanxibles polo envío de materiais fotográficos por parte do beneficiario, de modo que se poida comprobar o correcto funcionamento destes e as súas características, número de serie e o cumprimento dos requisitos de publicidade da normativa Feder, sen prexuízo de que posteriormente, cando sexa posible, se efectúe a dita inspección».

Artigo 3. Modifícase o número 3 do artigo 43. Gradación dos incumprimentos, que queda redactado nos seguintes termos:

«3. Por afectar as condicións que se tiveron en conta no momento de conceder a subvención, nos seguintes casos de incumprimento reducirase a intensidade da axuda do seguinte xeito:

a) No caso de que o custo total do proxecto finalmente xustificado sexa inferior ao orzamento mínimo subvencionable (500.000 €) reducirase a intensidade da axuda a cada un dos membros da agrupación aplicando o seguinte factor de corrección:

Fc= 1-X2/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar por cada un dos membros da agrupación sobre o custo que lle foi concedido.

b) Se o custo xustificado finalmente por algunha entidade beneficiaria é inferior a 75.000 euros, tamén se reducirá a intensidade da súa axuda aplicando o factor de corrección Fc= 1-X2/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar por esta entidade beneficiaria sobre o custo que lle foi concedido.

c) Se o custo xustificado finalmente na partida de subcontratación cos organismos sinalados no artigo 31.3.c) fose inferior á contía concedida nesta partida, reducirase a intensidade da axuda aplicando o mesmo factor de corrección: Fc= 1-X2/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar sobre o custo que lle foi concedido nesta partida.

d) Se o custo xustificado finalmente na partida de persoal de nova contratación é inferior á contía concedida nesta partida, reducirase a axuda aplicando o seguinte factor de corrección: Fc= 1-X2/3600, onde X é a porcentaxe deixada de xustificar sobre o custo que lle foi concedido nesta partida.

e) Se se tivese incumprido a obriga de dar publicidade ao financiamento do proxecto, consonte o establecido no artigo 36.i), j) e k) desta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 0,95.

f) Se se tivesen incumprido as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e supoñerá a aplicación dun factor de corrección igual á porcentaxe de incumprimento sinalada no informe técnico.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación de expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009».

Disposición adicional única. Redistribución de créditos

Coa finalidade de facilitar a realización dos proxectos e harmonizar ao seu progreso a distribución anual de gasto, poderase solicitar unha redistribución do importe da anualidade 2020, cun límite máximo do vinte por cento do custo concedido, aumentando no mesmo importe a anualidade 2021. Esta redistribución deberá ser solicitada antes do 15 de setembro de 2020 e previamente á súa aprobación deberá tramitarse o correspondente expediente económico.

Disposición derradeira única. Vixencia e entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación